19 jun. 2006

FALAMOS GALEGO. EN POSITIVO
Proseguindo coa campaña que se inicou neste blog, hai un par de meses, vimos de abrir unha nova bitácora que se reservará exclusivamente a promover este debate arredor do noso idioma, "en positivo". Chámase www.blogoteca.com/falamosgalego, e xa está a agardar polos vosos artigos e aportacións (hai neste momento trece entradas relacionadas co tema citado, que recollen en parte a historia desta campaña).
Tamén pego aquí o texto que figura aló como "Benvida (presentación)"

Dende hai un par de meses hai un ruxe-ruxe polo mundo cultural galego e tamén polo mundo das bitácoras galegas arredor da necesidade de buscar un novo estilo de defensa da nosa lingua. Un novo estilo que se define na cabeceira desta mesma bitácora, “Falemos galego. En positivo”, e que pretende buscar tamén un novo discurso que poña sempre en primeiro plano os aspectos positivos da recuperación do idioma e non aqueles, negativos e mesmo de confrontación agresiva, que xa son demasiado subliñados nos medios de comunicación tradicionais.
Este ruxe-ruxe foi dando pasos de vagariño que ata agora foron moi valiosos:
(1) a elaboración dun manifesto (provisional) que dende Ourense asinamos Afonso Vázquez-Monxardín e Marcos Valcárcel; (2) a difusión deste escrito entre xentes da cultura comprometidas co noso idioma, moitas das cales xa amosaron de xeito explícito o seu apoio a esta perspectiva; (3) o debate ó respecto no mundo dos blogs (de forma moi particular en www.asuvasnasolaina.blogspot.com, dende inicios de maio, pero tamén noutras bitácoras: rei de copas, galeidoscópio, brétemas, beliscos pequenos, etc.); (4) unha primeira xuntanza en Compostela, o pasado 14 de xuño, de xentes que coincidían nos datos básicos do diagnóstico que se facía no manifesto e nestes debates.
Chegados a este punto, decidimos abrir esta nova fiestra á reflexión e ó debate e reproducir aquí o manifesto inicial e, ademais, algúns dos textos que xenerou toda esta campaña.
O paso seguinte precisa da colaboración de todos/as vostedes: agardamos polas súas reflexións e pertinentes tomas de posición que serán trasladadas a este espazo virtual para que o debate prosiga e nazan novas ideas e propostas, sempre en positivo. Todos e todas aqueles que queiran participar só teñen que mandar as súas reflexións ós enderezos que figuran na cabeceira desta bitácora e serán aquí reproducidos ó dispor de todos os interesados en que o noso idioma poida gozar das “mil primaveras máis” que soñou o señor de Mondoñedo, don Álvaro Cunqueiro.
HISTORIA, NACIÓN, CULTURA
(La Región, luns 19 xuño)
Unha vella nación. “Grazas á nosa literatura non somos unha rexión”, di Xosé Luís Méndez Ferrín nunha entrevista que publica a revista “Naz-on”, presentada hai dous meses en Auria. E ten toda a razón o egrexio escritor galego, presentado de novo polas asociacións de escritores como candidato ao Nobel (non o será polo de agora, pero de esperanza tamén se vive). Foi co labor dos nosos escritores, dos pintores e artistas, dos científicos e dos historiadores, dos xornalistas e dos eruditos, como se foi construíndo a fisonomía da identidade deste país ao longo da historia. Un vello país, de lonxanas raíces indoeuropeas e celtas, que acusou unha fortísima romanización, que se impregnou da herdanza cristiá e do alento priscilianista (coa monxa Eteria camiño dos Santos Lugares, tamén precursora), que tivo un excepcional lugar de seu no esplendor cultural medieval dos trobadores galego-portugueses, que se redescubriu a si mesmo dende a cela solitaria do Padre Sarmiento e que alentou cos Precursores e co Rexurdimento a ilusión definitiva por atopar o seu camiño desde unha perspectiva galeguista e progresista: “somos fillos do noso país, pero tamén somos fillos do noso tempo”, como afirmou, solemne e certeiro, o gran patriarca Manuel Murguía.
Un debate bizantino. Non somos unha rexión, de certo, e tócanos agora asistir a un debate bizantino, como pasou en Cataluña, ao respecto da definición como “nación” no próximo Estatuto de Galiza. Semella existir acordo ao respecto entre os dous partidos que conforman o goberno bipartito (aínda que existan algunhas voces discordantes) e xa é un éxito que o PSdeG e o BNG presenten un documento de bases conxunto para o debate estutario. Existen moitas fórmulas posíbeis en xogo, mesmo nestes días saiu a forma “nación de Breogán”, en boca do meu admirado Ramón Villares: supoño que se quere insistir no concepto de “nación cultural” que el mesmo ten defendido e que o PP galego podería aceptar sen estridencias. E tamén cabe lembrar, díxoo estes días en Auria Camilo Nogueira, que xa houbo unanimidade ao definir a Galiza como nación cando se aprobou a Lei de Símbolos: alí figura “Himno Nacional” en referencia ao texto de Pondal e a música de Pascual Veiga e tal estatus aprobouse gobernando no país o Partido Popular, con Fernández Albor como presidente.
O futuro. Serán os galegos quen se definan na práctica, día a día, na súa ilusión renovada: a nación é o plebiscito cotián de todos os días, dixo o vello bretón, Ernest Renan, e a súa proposta segue tan viva e chea de vizosidade como cando foi formulada. É o tecido social galego –as xentes da cultura, os empresarios, os comunicadores sociais, os deportistas, os profesores universitarios e non universitarios, o mundo do traballo, as asociacións de mulleres e de mozos, etc.- o que definirá no devir cotián qué somos e qué queremos ser os galegos. E ninguén pode dubidar que Galiza ten unha moi forte personalidade etnocultural ou identitaria, non menor de ningún xeito a que poida ter Cataluña ou Euskadi. Que esta identidade non tivese ata hoxe un correlato no plano político é só un suceso explicábel desde a propia evolución histórica. Iso pode mudar e creo que xa está a suceder.