5 sept. 2006


ANDOLIÑA martes 5 setembro
Os grandes problemas pendentes
Recibiu o pintor Virxilio o moi merecido premio Casa dos Poetas que a Fundación Curros Enríquez lle outorgou o domingo pasado en Celanova. Alí estiven, entre outras cousas para gozar da compaña dos amigos e do espírito de agradable conversa que impregna estas xuntanzas. No xantar, na miña mesa, houbo un acalorado faladoi-ro sobre os grandes problemas do país e do mundo. Abrino eu, case sen querer, ao afirmar que eu non quero que nas escolas galegas e españolas haxa mestres integristas dando clases de relixión islámica, pagados polo Estado. Foi como abrir a caixa dos tronos.
Alí había xentes da cultura, da Universidade e da medicina, outras con experiencia no mundo da empresa. Persoas cuns valores comúns compartidos, pero incapaces de impoñer certezas absolutas. Nese estado estamos hoxe case todos. Quero dicir que moi logo constatamos que ninguén ten a variña dos milagres para solucionar os grandes problemas: por exemplo, a integración en Europa de millóns de inmigrantes doutra relixión e cultura. Ou a crise demográfica, catastrófica, do noso país. Ou mesmo, se me apuran, os incendios forestais que asolan o noso país como un andazo fatal.
(Foto: cadro de Joan Miró no Museo de Arte Contemporánea de Mallorca)