21 mar 2007











Algunhas imaxes de Pura Vázquez
As primeiras corresponden á Homenaxe que lle fixemos no Liceo, coincidindo co seu 80 cumpreanos: estaban presentes tamén Carme Blanco e Manuel Zabal e deste acto fala con detalle a propia Pura nas súas memorias (por certo, na foto do grupo de mulleres, detrás da súa irmá Dora está a miña nai, Carmen López). A outra corresponde a un recital poético organizado polo Clube Alexandre Bóveda e o Concello de Ourense, que me tocou presentar, no que tamén participaron, con Pura, Víctor Campio, Xosé Carlos Caneiro, Xosé Lois Rúa e Eduardo G. Ananín (Clicando nas fotos, xa sabedes, podedes velas nun tamaño moito máis grande).




















Pura Vázquez (Día Mundial da Poesía)

Hai menos dun ano que marchou e aproveitamos onte a celebración do Día Mundial da Poesía para relembrar a nosa poeta en Ourense. Fixémolo no Liceo con dous actos: unha mesa redonda con poetas e profesores arredor da súa vida e obra e unha tertulia con alumnos e alumnas de cinco institutos ourensáns, que recitaron poemas da autora de Se digo Ourense…, versos sentidos, auténticos, nacidos da súa forte personalidade creadora, afirmación constante da inefable verdade da poesía: “Ser unha ínfima parte. Un reverente/ latexo na lustral melancolía./ (...) Seguir sendo unha voz que canta e clama./ Arder na infinitude desta chama/ que ascende polos séculos e as rosas”. Creo que a ela lle gustaría este tipo de homenaxe, rodeada de voces mozas: ó cabo foi tamén mestra, moitas veces a súa voz encheu as aulas escolares e ós nenos dedicoulles varios dos seus libros. A poesía foi en Pura Vázquez un intenso latexar de amor á vida, a ela entregouse de cheo e sen repouso e así a lembraremos sempre: “Nos vrans do amor e as líricas lucencias/ alborecín coa música máis doce/ entre os violíns da pel transparecida. / E amo esta vida que en relembros morre./ Amo este relembrar que torna á vida”.l

Minicrónica do acto do Liceo

O recital poético da tarde foi un éxito. Máis de 25 alumnos (sobre todo mozas) leron poemas de Pura Vázquez, con moito xeito. Eu fixen unha semblanza introductoria da poeta. A súa irmá Dora, presente todo o tempo e emocionada, leu un texto de agradecemento. Todo o acto estivo cuberto cun Power Point con imaxes das poetas, sobre todo en actos do Liceo e ourensáns. Teresa devesa leu o poema "Hermana", dedicado por Dora a Pura, e Loli Conde, un texto do poeta Vítor Campio.

Ó cabo os compoñentes da sección (Teresa, Loli, eu mesmo, e ademais as profesoras Mercedes Álvarez e Uxía Méndez) fixemos unha lectura compartida do Manifesto en favor da poesía do poeta Fran Alonso (podedes velo no seu blog, Cabrafanada). Todo o mundo quedou moi satisfeito dun acto sinxelo, pero simbólico e emotivo (non durou máis de 70 minutos).

Dúas horas despois unha mesa redonda (con Teresa Devesa, Vítor Campio, Eduardo G. Ananín, Delfín Caseiro) detívose na obra da poeta ourensá. Campio falou da gran musicalidade e ritmo dos seus poemas e Delfín Caseiro estudou as obras de Pura para nenos e mozos e destacou, con datos contundentes, un feito que convén subliñar: Pura foi das primeiras poetas galegas en achegarse á poesía en galego na posguerra. No seu libro Peregrino de amor (Larache) e na sección Lira Galaica hai nove poemas en galegos, publicado no 1943. E dous anos antes, 1941, Pura xa publicara dous poemas en galego en La Región ("O castro" e "Os teus ollos"), só ós dous anos de rematar a guerra civil.

Andoliña Pan 21 de marzo (En comentario adxunto figura a relación de alumnos/as participantes. Na web do Liceo hai varias fotos deste acto).