29 sept. 2009




Nenas góticas e ridículo

Non me estraña que Zapatero forzase a situación para retirar as fotos da parella Obama coa familia Zapatero-Sonsoles ao completo simplemente para que non se visen as súas góticas fillas polo mundo adiante. Se cadra hai motivos máis simples que a protección da privacidade. ¿É lóxico permitirlles a unhas nenas ir disfrazadas de góticas a unha recepción co presidente dos USA? Hai xa unha fotomontaxe de sabor norteamericano pola rede na que aparece Obama cunha grande espada na man e un texto There must be Orcs arround facendo broma con eses seres mutantes do mundo Tolkien e á impropia indumentaria das cativas.

Se collésemos o vello refrán de Nunca un crego caeu dun carballo teriamos unha vía de achegamento ao tema. Imos ver. ¿Pódese considerar privada esa viaxe, esa recepción na Casa Branca? ¿Non é unha descortesía para quen os convidou que lle soliciten retirar as fotos e pasar esa xenerosa hospitalidade á clandestinidade? ¿E tan inxenuo ZP que non sabía que unhas fotos chamadas á ignorancia máis absoluta, coa súa acción censora, ían chegar ás primeiras páxinas de todos os xornais? Pois creo que non. Creo que se trata de xogar ao despiste.

Ese mesmo día producíase no edificio da Organización das Nacións Unidas unha situación profundamente vergonzante para a política española que pasou desapercibida, tamén grazas a este engado. Pois cando o presidente iraniano, Aymadinejad, pronunciaba o seu violento discurso antisemita -dous días despois de adornar os mísiles nos desfiles militares de Teherán con pancartas de Morte aos USA, Morte a Israel, etc.- marcharon da sala os representantes de Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia, Estados Unidos, Canadá, Australia, Nova Zelanda, Suecia, Arxentina... ¿e quen quedou por alí? Pois a vangarda do planeta: España, Venezuela, Bolivia, Bulgaria, Turquía... Un par de días antes, nunha entrevista nunha televisión norteamericana insistiu de novo na "alianza co islamismo moderado" e retomou o da Alianza das Civilizacións impulsada por Turquía e España. No seu discurso perante o pleno, non lle entrou a ningunha das grandes cuestións do mundo e soamente se manifestou, simplonamente iso si, sobre Honduras. España, de novo, situando os seus focos de interese lonxe das preocupacións globais de Occidente.

Depois, loxicamente, cando os tres grandes dos nosos -USA, Gran Bretaña e Francia- petaron co puño na mesa e lle leron a cartilla a Irán para marcarlle unha liña na area -o día 1 de outubro- para vir ao rego, ninguén se lembrou del. E nós enredando coa foto.

AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN- Galicia Hoxe:29/09/2009

Fotos insertadas: Trebi

26 sept. 2009



Do Retrogoberno á Galiza Potemkin
Feixóo, primeiro balance trimestral

Manuel M. Barreiro
A Nosa Terra, 23.07.2009

Balance do primeiro trimestre triunfal da Administración Feixóo: as inxustizas e os cambios impopulares débense facer todos á vez a fin de que, por probalos menos, fagan menos dano. Desde Maquiavelo en diante, esa recomendación gobernou o consello dos asesores dos príncipes. Os comezos teñen que ser feroces, que despois, virán días de leite e mel, favores e glorias que farán esquecer as inxustizas e as mágoas primeiras. Desde a ocupación da Xunta de Galicia por parte do Partido Popular, o almanaque gobernamental pautouse, basicamente, con días de derrubo, días de cancelación e días de peche por reformas.
Feixóo, que non é menos que calquera novo príncipe, na primeira tirada do seu goberno entregouse á derrogación, demolición e ortopedia extrema para borrar moitos dos rastros das políticas de cambio promovidas polo Bipartito. Sen apenas varianzas, a estampa reiterada nos (case) cen primeiros días da Xunta do PPdeG é a dun retrogoberno hipnotizado pola súa política de deconstrución.
Hai anos John Berger publicou “Un muro e un bulldozer”, un
esclarecedor artigo no que definía tres tipos de gobernos: o conservador, o construtor e o desmantelador. Daquela expresaba a súa señardade polos vellos tempos en que “os dirixentes políticos, cando falaban ante o seu país, ofrecían propostas de construción” ou mesmo cando, cunha óptica conservadora, facían “unha defensa activa de institucións e costumes xa existentes, máis ou menos respectadas por quen os escoitaba e que se consideraban en perigo”. No presente, a modalidade dominante, segundo sinalou o escritor inglés, é o goberno desmantelador, tensionado pola deconstrución "da herdanza social, económica e ética do pasado e, especialmente, de todos os mecanismos, asociacións e normas que expresan solidariedade".
A administración de Feixóo opera a día de hoxe máis como un gobermo desmantelador que como un goberno conservador e faino con fachenda e afouteza, norma de conduta moi lonxe do proceder que Berger indicaba como propio dos lideres contrarreformistas que aspiran a materializar as súas políticas de xeito disimulado e oculto. Nada diso, Feixóo é un desmantelador sen complexos ou remorsos. Os máis pesimistas cremos que o fai movido por un desexo de erradicar toda memoria e vontade de cambio no noso país, os menos pesimistas cren que se dedica a derrubar toda realización institucional ou lexislativa da Xunta do PSdeG e do BNG porque, simplemente, carece dun programa de goberno en positivo.
No seu discurso de investidura, Alberto Núñez Feixóo coroouse cos loureiros dun conservadorismo progresivo orixinal: “Nós non vimos restaurar ningún pasado nin derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores.” O catálogo de derrubos efectivos, ou en proceso, é amplísimo; sen ánimo de pormenorizar: derrogación do decreto do galego no ensino, suspensión da Lei de Pesca, desgaleguización da Función Pública, cancelación do PEGSI, chapoda da AGADIC, mutación da Rede de Galescolas, paralización do concurso eólico... Moito mal facía o anterior goberno do BNG e o PSdeG!Conservadores e conservadurosNa galaxia da dereita,
seguindo a Julio Caro Baroja, pódese recoñecer a existencia de conservadores e de “conservaduros”. Non hai dúbida ningunha de que no Consello da Xunta mandan os “conservaduros” e, se pola súa ansía fose, toda a oitava lexislatura había de ser un carrusel de demolición en nome da boa gobernanza, a eficacia e a austeridade; con todo, mesmo para eles é evidente que o tempo de comezar a gobernar é chegado.
Coa apertura do novo período de sesións parlamentarias, a Administración Feixóo 1.0 terá que comezar a render conta non só das súas ventureiras palabras senón tamén das súas obras e omisións,
principiando pola súa magnífica achega ao financiamento do noso autogoberno; pero hai máis: hai que ver que efectos reais e non só propagandísticos producen o plan de choque contra a crise, o desenvolvemento operativo do plan de competitividade ou o desenvolvemento do ansiado Plan de Infraestruturas (2009-2015) ou Plan Galicia 2.0..
Na axenda parlamentaria agárdano ademais un debate xeral sobre o noso autogoberno e a presentación do orzamento de 2010. Citas obrigadas, sen escapatoria ningunha. Ao retrogoberno acábaselle o tempo de enlearse co pasado e tócalle xa medirse cos problemas presentes. A partir de setembro non haberá ángulo cego ningún no que se poida seguir agochando a carencia de programa e de políticas públicas que, de xeito obrigado, van ter que fixarse tanto no calendario lexislativo como nas partidas presupostarias. Os conservaduros van ter que comezar a gobernar como conservadores ou como construtores.A Galiza PotemkinSeguindo o recto consello dos
Spin doctors cómpre inaugurar un tempo de glorias e logros históricos. Será a quenda da Administración Feixóo como goberno construtor da Galiza Potemkin. Os instrumentos serán tres vellos artefactos ben coñecidos polos galegos da Era Fraga: o Xacobeo, a reedición do Plan Galicia e a nova programación informativa da CRTVG, asfalto, cemento, requintadas programacións cosmopolitas de cartón pedra e vídeos apoloxéticos. O formato ensaiouno con innegábel éxito o mariscal duque Grigori Alexandrovich Potemkin, gobernador da Crimea tsarista de finais do século XVIII, e desde aquela triunfa como unha eficacísima fábrica de miraxes.
Segundo unha unha lenda urbana da alta sociedade de Moscova, cando, en 1787, Catalina II anunciou a súa visita a Crimea, o mariscal Potemkim, para agradar os ollos da tsarina, mandou construír unha aldea na que se fabulaba a felicísima vida que levaban os campesiños do val do Dnieper. A
aldea Potemkin era un tinglado teatral que se montaba e desmontaba para ser traslado dunha comarca a outra. A tsarina, convencida de que non debía entrar nas aldeas por motivos de seguridade, asistía desde unha posición afastada á mesma representación fraudulenta de benestar e prosperidade. A tramoia teatral como cerna da acción de goberno. Os “conservaduros” traballan xa na construción da Galiza Potemkin. De manternos afastados da crúa realidade ocuparase o tramado mediático público e privado (alugado ou directamente comprado) que nos mostrará novas escenas de felicidade, fartura e eloxio dun goberno tan eficiente como decente. A macroprodución da Galiza Potemkin estrearase na campaña outono-inverno pero, de momento, Nuñez Feixóo e compañía van seguir dándolle gas ao bulldozer e uso á bóla de demolición.

[Nota: Este artigo foi publicado no mes de xullo, mais reprodúcese porque, dous meses despois, garda plena actualidade e complementa o de O´Rivas publicado na anterior entrada.]

O MAXISTRAL ARTIGO DE RIVAS
Episodios galegos: tempos de esperpento
MANUEL RIVAS
El País, 25/09/2009
A situación galega, por mor da política vixente, parécese máis cada día ao mundo disparatado do misterio da cripta embruxada. Un dos papeis protagonistas neste enxebre teatro do absurdo teno a donairosa conselleira de Sanidade a quen un día se lle extravía o novo hospital de Vigo, outro desaparécenlle unha morea de camas hospitalarias e por fin esta semana atopa caixas secretas con miles de citas médicas subtraídas polo bipartito, tal e como destacaban onte en primeira páxina os xornais galegos. Non na sección de arqueoloxía, senón na de actualidade política. Sete meses despois das eleccións do 1 de marzo!
Estamos ante outro caso no que se demostra que o anterior goberno non só era manifestamente incompetente, senón que tamén se nos revela como unha coalición de auténticos malvados. Polo oído á señora conselleira, Pilar Farjas, estes do bipartito non roubaban cartos ao estilo da trama Gürtel, senón que conselleiros e comisarios políticos entraban disfrazados nos hospitais galegos e dedicábanse a furtar as citas médicas, en especial as de oftalmoloxía, reumatismo e ludopatía. De onde deducimos que o bipartito non só equivocaba a política senón tamén os adversarios. Os seus inimigos non eran nin a reacción nin empresarios cabreados, como se ten dito. Non. O bipartito mantiña unha guerra soterrada contra birollos, reumáticos e disléxicos. Talvez este pulso de ideoloxía sanitaria explica a frase atribuída a un prominente magnate galego, de quen se afirma que presentou unha esixencia incondicional ao presidente Touriño para facer as paces: "Quiero la cabeza de ese camillero!". Quen era o camillero? Velaí estamos ante estoutro misterio da cripta embruxada.
Mentres a conselleira atopa toneladas de petroglifos clínicos ocultos nos hospitais, agochados, é de supoñer, coa complicidade de miles de funcionarios da Sanidade pública, en especial oftalmólogos, reumatólogos e outros extremistas, o Departamento de Deconstrución do novo Goberno da Xunta prosegue o seu inxente e meritorio labor para ir demolendo o perigoso belén galeguista que montaran nun asubío os da endemoñada coalición. Se tal fixeron en menos de catro anos, imaxinen o quilombo que armarían cun mandato máis! Despois da delicada operación de retirada dos mandilóns e dos letreiros das galescolas, fontes do Departamento de Deconstrución anunciaron á prensa que están en marcha dous operativos de extraordinaria envergadura: a disolución da Selección Galega de Fútbol e a aniquilación da feira denominada Cultur.gal.
Algúns bondadosos desinformados pensan que as actividades da Comuna instaurada en Galicia entre 2005 e 2009 reducíanse á imposición aos nenos crioulos da lingua indíxena, o galego ou vegliota, coa transformación dos centros de ensino público en campos de reeducación dirixidos por instrutores luso-cubanos. Algúns pensaban que isto era un esaxero. Dicían burlóns: A lúa está no couce! Abre a porta Marica que non cabe dentro! Mais co paso do tempo imos coñecendo a gravidade da situación, o abismo ontolóxico no que estabamos metidos. Son miles as persoas que esqueceron o castelán neste período, sometidas a procedementos de hipnose colectiva. Non soamente nenos e nenas afectados polo rito contaxista ou investidura do mandilón. Tamén os espectadores da TVG foron sometidos a sesións de hipnose colectiva e xente que se deitaba falando castelán en pretérito imperfecto erguíase falando galego en futuro condicional. Mesmo o adestramento doutrinario impartido nas escolas provocou que os bancos se subiran ás mesas. É dicir, rapaces que de súpeto se arrepuñan aos pais con frases intimidatorias do tipo: "Quítalle lobos!" ou "dálle atrás á vaca!" ou "saltou o raposo o valado!". Velaí nenos da urbe, civilizados, que dun día para outro falaban con estraña familiaridade de lobos, vacas, raposos e outros animais da selva.
Todo este proceso foi descuberto a tempo e hoxe a xente en Galicia é máis libre e feliz, onde vai parar. Con razón, unha das primeiras medidas do Departamento de Deconstrución, supoño que en colaboración coa Consellería de Sanidade, foi poñer fin a programas insáns da televisión e da radio públicas, como o titulado Hai debate!. Acabáronse aquelas interminábeis discusións, o encirrarse os uns cos outros, a disimetría, o desconxuntar, o lostregar, ese falar para o aire! Agora a auga volveu ao rego e recuperouse a liña do gran xornalismo de opinión: "Unha da boca lle sae e outra no papo lle queda".
Outro invento que estaba a trastornar Galicia era o da Selección Galega de Fútbol, á que deron en chamar a Irmandiña, convenientemente demolida polo Departamento de Deconstrución Nacional. Ademais dunha ocasión de lecer para a xente que gusta do fútbol, disque ter a selección era un símbolo de identidade, un xeito de proxectarse no mundo. Todas as comunidades teñen selección. Teñen selección Catalunya e Euskadi, e Cantabria e Extremadura... Tamén aquelas que goberna o Partido Popular: Murcia ou o País Valenciano. Por que non Galicia? E por que si? Tamén é identidade o non ter selección. Tamén é proxectarse no mundo o non proxectarse. Acábate, pobre, e vende a camisa.
O do Cultur.gal xa caeu polo propio peso. Esta feira da cultura tivo a súa última (e derradeira!) edición na Coruña. Foi un éxito total. Por vez primeira dende a súa apertura, o Palexco estivo ateigado de xente os días que durou o invento. Pobo de todas as idades. Mesmo pobo sentado no chan a gozar do lecer dos libros. Un lugar de diversidade cultural, coas expresións máis clásicas e as máis alternativas. Palabra, música, cinema. Un forno a facer pan día e noite. Por que se decide acabar con Cultur.gal se foi o máis grande éxito da "industria" cultural galega? Pois por iso, paspán. Porque foi un éxito.
Din que a nova Xunta vai contra a identidade e equivócase. Demoler unha identidade é unha identidade. Hai quen pensa que os voceiros da deconstrución son xente con pouca fachenda. Pola contra, van sobrados: "Se todo o mundo ten unha selección de fútbol, pois nós non a temos. E que? Aquí poñémoslle o rabo ás cereixas!". Pasamos anos co discurso galeguista de facer país, de Galicia como tarefa, da utopía da cidade-xardín, a democracia galega do benestar, de non poñer chatas á obra que hai sitio para todos, etcétera, etcétera.
Atención á historia como esperpento. Unha vez consumada a deconstrución, virá a milagre da construción. A nova Lei do Solo. Por fin, a liberdade de "facer país" sen límites nin a dereita nin a esquerda, nin polo alto nin polo soto, nin no interior nin na beiramar. Barra libre, Galicia ceibe, viva o Poder Popular!

23 sept. 2009



UN ESTATUTO PARA CRER NO PAÍS.

(Dende a palabra dende o corazón -primeiras Andoliñas-).

(9 outubro de 2004).

A situación política creada nos últimos meses está a formular as posibilidades dunha reforma da organización territorial do estado, onde as comunidades con mayor vontade de seu –Euskadi e Cataluña- xa están a propoñer as súas alternativas. Galiza, definida nacionalidade histórica por ter votado o Estatuto de Autonomía antes da guerra, debe facerse escoitar. Alguén debe erguer esa voz se o goberno galego non o fai: Fraga afirmou hai pouco que o noso país era unha rexión máis.

Sobre este tema falou Anxo Quintana antonte en Ourense. Falou claro, directo, mesmo didáctico: un alumno de primeiro de bacharelato podería seguir ben o seu fío argumental. Entenderano tamén os votantes? Expuxo un formulamento de nacionalismo pragmático e cívico onde conceptos como a “débeda histórica” con Galiza se enchen de contido na necesidade de contar cos instrumentos necesarios para atender as demendas dos cidadáns na súa vida cotía: na sanidade e na educación, na cultura e no artellamento da economía... Quintana valorou ademais o labor inmenso dos precursores: o esforzo de Castelao e Bóveda que nos permite falar hoxe de Galiza

como nación histórica e a nosa aspiración, xusta e merecida, a camiñar sen mimetismos, pero a un ritmo non inferior do de Cataluña ou Euskadi.

Desta vez, os cambios estructurais non teñen por que caernos do ceo, como sucedeu no inicio da transición democrática, en paralelo a Cataluña e Euskadi. Desta vez, será preciso algo máis:para empezar, crer no país, afirmou Quintana. Que non é mal programa...


Fotos de Pepe Trebolle
(No Liceo, de esquerda a dereita Marcos V., Arume dos Piñeiros, J. de Juana e Quintana -o outro-.)

21 sept. 2009

Estatuto ou non estatuto?
ANTÓN LOSADA
Galicia Hoxe, 20.09.2009

Disque o BNG quere arrincar a temporada outono/inverno co debate estatutario. E falta facía que así fose. Ningún dos argumentos escoitados até o de agora para non abordar xa a reforma vale un patacón. A crise non é escusa, a non ser que os nosos políticos recoñezan publicamemte que non saben facer dúas cousas á vez. E o da sentenza do Estatut tampouco vale porque isto non é Catalunya e porque canto pase co seu non debera limitar o noso. Máis que atrasalo, estes mesmos argumentos aconsellan pórse co traballo. Canto antes reforcemos a nosa posición como país, máis oportunidades teremos para afrontar con máis recursos o que veña.

19 sept. 2009

Todos queren ser Stieg Larsson
J. MIGUEL GIRÁLDEZ
Galicia Hoxe, 19.09.2009

No metro, no autobús, nos avións, a xente leva un libro de Stieg Larsson. Non o leva por levar, senón para ler. Os libros de Stieg Larsson son gordísimos, teñen moito volume, co que xustifican o seu nome. E, con todo, o tamaño (que seguramente importa) non impediu o seu éxito. Hoxe fanse novelas longas e microrrelatos. Tamén se fan novelas medias, pero menos. Está de moda o grande ou o pequeno, non o mediano. Talvez cremos que o mediano é mediocre (ou medio ocre). Os microrrelatos non se poden ler no metro, porque se acaban axiña. Dúranche o que vai de Gran Vía a Tribunal. E iso con sorte. Pero Stieg Larsson dá varias voltas ao metro de Madrid, e ao de Londres, que ten moito mérito.
Agora que se inventaron uns dispositivos para ler, iso que chaman o libro electrónico, resulta que descubrimos que á xente non lle importa levar un libro gordísimo nas mans. Iso só pode facerse porque che gusta, non por aparentar. O persoal non levaría na man A raíña do palacio das correntes de aire para ir á moda, como se pode levar a roupa de marca. Bo, á mellor si. Se cadra tamén hai libros que marcan estilo na rúa. Iso pasou en tempos, con O vixía no centeo, por exemplo. Pero hoxe en día sorprenderíame que a xente comprase un Larsson, non sei, como se compra un Armani, ou un Vuitton. Para estar moderniño. Ademais, levar un libro como simple pose, ademais de que neste caso sería incómodo polo tamaño, ten os seus perigos. É máis perigoso levar un libro ca un bolso. Porque o bolso non ten capítulos, nin personaxes. Nin trama (normalmente). Pero se levas A moza que soñaba cun misto e un bidón de gasolina alguén no autobús, no tren, no avión, no súper, na propia rúa, pódeche preguntar polos personaxes, por aquela maldita escena, e así. Así que convén non levar un libro como complemento, non sei, como levar unha gravata. Unha gravata non ten capítulos, aínda que ten nó. Iso si. O que non sei é se ten desenlace.
No entanto, o éxito de Larsson parece real. A xente le o libro de verdade, a triloxía enteira, e dunha sentada (salvo os que o len de pé, pola rúa, algo que en España se estila menos). Hai toda unha revolución ao redor deste asunto. Este verán había motísimo Larsson na praia. Tamén estaba o Marca, é certo, e outros xornais, pero despois estaba Larsson. O parasol, a toalla e Larsson. Levar un libro tan groso á praia tamén é raro, pero nada, o persoal non se rende. Talvez a culpa é outra vez da moda, e a xente leva un libro de Larsson á praia como pode levar un pareo. A xente non se deixa ver cun Cervantes, cun Shakespeare, pero si cun Larsson. Pode que haxa lectores que se deixen levar pola moda, de feito, pola moda literaria, que seguramente existe, pero algúns aman a Larsson de verdade, e iso consólame moito.
Eu, en cambio, son un dos poucos seres humanos que non leu nin unha liña de Stieg Larsson. E síntome raro. Sinto coma un extraterrestre. Como se levase roupa pasada de moda. Coma se levara posto un Shakespeare. Que o fago ás veces. Un Hamlet é como un abrigo de visón. Pezas clásicas, pero nada que ver co negro cru que propón Larsson para a temporada. Talvez Larsson sexa para a literatura o que Zara para a moda: algo que pon todo o mundo.
Iso si: Stieg Larsson xoga con vantaxe. Está morto. Din que os mortos se mitifican mellor. Escribiu as tres novelas compulsivamente, pola noite, entre tabaco e café, coma un clásico do xénero. Un día, o 9 de novembro de 2004, o ascensor da revista Expo, na que traballaba, estaba avariado, e decidiu subir os sete pisos polas escaleiras e, ó chegar arriba, morreu dun infarto. Xa ven: toda unha trama negra en apenas unhas liñas. A vida ás veces elixe o microrrelato. E a morte.

16 sept. 2009

(Foto: Paco Vilabarros)

'Representan o sentir xeral dos académicos'
Ramón Villares asume as críticas da RAG a Feixóo

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, asegurou asumir as críticas do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, sobre as decisións en materia lingüística da actual Xunta, xa que 'representa o sentir xeral dos académicos'.

A Nosa Terra, 16.09.2009

Durante a presentación dun seminario lingüístico na sede do CCG en Santiago, Villares subscribiu, en calidade de membro da RAG, as declaracións de Barreiro e considerou que a "controversia política" ao redor do idioma "non é positiva" para o galego.
"Son membro da Academia, xa que logo, todo o que di o presidente representa o sentir en xeral dos académicos. Asumo o que di o meu presidente, como presidente da Academia", afirmou.
A pesar diso, situou dita opinión á marxe do seu cargo como presidente do CCG xa que, malia confiar en que o resto de membros "asume o que di o presidente do Consello", trátase "dunha expresión distinta, doutra dinámica e outras competencias" ás da RAG. "É o 'fair play' necesario nas institucións", sinalou.
Así mesmo, recordou que un dos mandatos fundacionais do propio CCG "é preservar os valores culturais do pobo galego" -entre eles o idioma-, polo que avogou por desenvolver seminarios e iniciativas "que permitirán seguir nesta mesma dirección". "Analizar con repouso e con firmeza a situación das linguas e nomeadamente do galego", concluíu.
Retirar o galego da “controversia”
Neste sentido, instou aos axentes políticos e ás institucións autonómicas e locais a "facer un esforzo" para, "na medida do posíbel", retirar do debate "cortoplazista" da política "un valor comunicacional, pero tamén de identidade, tan importante como é a lingua".
"Nin eu, nin os aquí presentes, serán capaces de retiralo, terán que ser os actores políticos e os partidos", aclarou. "Eu non son quen para dicirlle aos políticos o que teñen que facer".
Finalmente, sobre a posibilidade de realizar unha declaración en defensa da lingua desde o CCG, afirmou que, "se hai que facela, se fará, pero non será o presidente, será o plenario quen terá que facela", concluíu.

15 sept. 2009

As razóns da Academia
Víctor Freixanes
La Voz de Galicia, 13/09/2009
As institucións non son adornos, aínda que algúns quixeran que o fosen, nin santos que se sacan de cando en vez en procesión. As institucións teñen unha razón de ser. Afírmanse na medida en que responden á misión para a que foron creadas. A Real Academia Galega (RAG), instituída hai máis de cen anos baixo a presidencia de Manuel Murguía, naceu como unha iniciativa da sociedade civil (non oficial) para a defensa e a afirmación da lingua galega. Tamén da cultura galega. O novo marco político da autonomía, que se configura a partir do ano 1981, considera a RAG como o referente primeiro do idioma: para estudalo, para difundir o seu uso social e para velar polo seu tratamento institucional e político (non só para ratificar as súas normas ortográficas). A saúde da lingua é unha das preocupacións primeiras e institucionais da RAG. ¿Como permanecer á marxe do que está sucedendo? Non é certo que a RAG se posicione respecto dunha ou doutra estratexia política a prol do idioma: é a situación xeral do galego o que a preocupa e obriga. ¿Acaso debería ficar calada? Cos recursos que ten, que non son moitos (e esta é outra cuestión), ten a obriga institucional de pronunciarse. Velaí o documento que o pasado 9 de maio demos a coñecer os académicos: Unha lingua para todos , chamando a atención da sociedade, e moi especificamente das forzas políticas que nos representan (non exclusivamente o Goberno), sobre as circunstancias concretas en que nos atopamos. O lector interesado pode consultalo na web da institución. Trátase de marcar uns principios básicos de dignificación e convivencia e, ao mesmo tempo, de establecer o que podería ser unha folla de ruta para saír do atranco en que estamos metidos. En ningún momento se fala nin dos causantes nin das razóns de por qué nos metemos neste rebumbio (aínda que poderiamos facelo). Trátase de buscar saídas e de ofrecerse como espazo posible para axudar a resolver un problema que non atinxe exclusivamente ao partido gobernante, repito, senón ao conxunto das forzas políticas e, en xeral, ao conxunto da sociedade. Primeiro punto: a cuestión lingüística debe afastarse da liorta partidaria. Segundo punto: a potenciación e uso do idioma galego non é incompatible co coñecemento e utilidade doutros idiomas (o multilingüismo é unha riqueza das sociedades contemporáneas desenvolvidas). Terceiro: o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, debe ser a referencia básica para calquera política que se pretenda. Cuarto punto: a cooficialidade simétrica dentro da Constitución Española, cooficialidade que debería recoñecer igualdade de dereitos para o castelán e o galego, e que precisa dunha política compensatoria de apoio á parte máis feble, é «a única forma de acadar a igualdade social». Cun parágrafo final que contextualiza a intervención dos académicos: «Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade».

Brindo por ti, temón do meu Ribeiro
espírito do Miño, flor dourada
do Avia, saiba do Arnoia sosegada,
vagalume dos vales rebuldeiro…

Gloria a ti, sagra sangue da alta gloria
ambrosia dos deuses amatoria,
cálido caldo armónico e vital…

10 sept. 2009





Virtual, meu amor. Pensar, amar e sufrir nos tempos das novas tecnoloxías

Ana Bande Bande

Quen de entre nós non querería disfrutar da vida en parella conservando todas as vantaxes que dá a vida en solitario? A web social (Facebook, MySpace, Second Life, etc.) ven ofrecernos exactamente isto. Sentírmonos próximos e —o que é máis importante— seren recoñecidos sen perder o noso sentimento de independencia. Eu podo comprometerme ou liberarme cun sinxelo clic, encontrar doadamente novos interlocutores e ata resucitar os mortos. Mália todo, as novas tecnoloxías non nos procuran acougo. Porque se por unha banda agochan as pexas da separación física, pola outra fánnos dubidar da dispoñibilidade dos nosos interlocutores. Por iso seguimos reclamando as mesmas respostas unha e outra vez: Onde estás, que fas, estás só/a? Do mesmo modo que o faciamos co teléfono. Con este tipo de observacións tan sinxelas, Serge Tisseron fai un repaso á incidencia das NTICs no xeito de nos relacionar (Virtuel, mon amour. Penser, aimer, souffrir, à la l´ère des nouvelles technologies, París, Albin Michel, 2008).

A súa lectura non achega moita novidade a quen estea afeito a un emprego crítico das redes sociais, mais trátase dunha reflexión imprescindible para comprender un cambio tan drástico na sociedade coma calquera dos que obrigaron a procurar un novo nome para designar unha etapa histórica diferente. O autor, pola súa condición de terapeuta, pode partillar unha morea de casos reais que ilustran situacións nas que, cun mínimo de humildade, podemos ollármonos a nós mesmos, ou veren representadas situacións relacionadas con esta "explosión do virtual" que se repiten ao noso redor. Non se trata dunha visión pesimista, todo o contrario, o autor defende o uso positivo dos espazos virtuais para enriquecer as nosas relacións reais.

Non podemos negar que a comunidade virtual é, para moitos, tanto ou máis importante que a familia ou os colegas de traballo ou do instituto, e algúns ata “casan virtualmente” sen necesidade de se ver nin de se tocar, pois o corpo físico deixa de ser a referencia para o reencontro. Os psicólogos atenden casos de depresión por abandonos “virtuais” e hai numerosos síntomas do perdidos que podemos sentírmonos neste contraditoria realidade virtual que nos arrastra. Lembrades aquela curiosa noticia dunha muller que pedira o divorcio ao descubrir a relación do seu home cunha guapa avatar de Second Life e que, ademais, contrarara un avogado na propia plataforma virtual?


6 sept. 2009


O asasinato de Laura
XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA

Galicia Hoxe, 06.09.2009

Unha vez máis, un asasino machista matou unha muller na Galiza. De se confirmar a certeza da confesión do seu antigo mozo, estariamos diante dun asasino que pensou que a vida de Laura non se podía de- senvolver se non era vencellada á súa propia. Que pensou que, por ser Laura da súa propiedade, había matala se quería excluílo por sempre da súa vida. Como en tantas outras ocasións, de se confirmar esta tan probábel autoría, un home matou a muller que compartiu a súa vida cando ela decidiu romper con el e comezar unha vida distinta. Para os violentos machistas, o único xeito que teñen as mulleres de garantir a súa vida ou integridade física é renunciar ao exercicio da súa liberdade.
En calquera caso, esta morte terríbel amosou a gravísima inconveniencia de retirar as denuncias baseadas en feitos delituosos reais por meras conveniencias persoais, veciñais, profesionais ou familiares. Un violento machista é un delincuente que cómpre pechar no cárcere ou afastar efectivamente para prever a violencia na denunciante, na súa contorna e mesmo noutras posíbeis e futuras vítimas femininas.
Tamén vimos a serenidade na manifestación de dor e de solidariedade coa familia da veciñanza e amizades de Laura. Un comportamento solidario e maduro, propio de sociedades democráticas avanzadas que se abstivo desas apelacións á pena de morte ou á vinganza que temos visto tantas veces noutros países e territorios do Estado. Por unha vez, os galegos demostramos unha madurez moral e cidadá que non sempre se dá nos momentos posteriores a un asasinato.
Alén das especialidades da prevención e represión de lacras como a violencia machista ou a pederastia, convén mirar máis polas vítimas. Cómpre irlles recoñecendo ás vítimas de calquera crime violento os mesmos dereitos a respecto das vítimas do terrorismo. E nomeadamente ás vítimas da violencia machista, que se ten revelado tan cualitativamente asasina como a ETA, só que nunha cantidade moi superior. Dereitos para facilitar a resocialización, a reinserción laboral e educativa e mais a terapia psicolóxica para estas vítimas do crime.

5 sept. 2009



CAIXAS GALEGAS

Fontes de máxima solvencia do sector financeiro consultadas por LD dan por feita a futura fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. A operación estaría avalada pola Xunta para manter, por riba de todo, a "galleguidad" das caixas da comunidade que goberna Alberto Núñez Feijóo.

En cambio, dende as entidades negan a operación.

Segundo estas mesmas fontes, a entidade CG está a barallar diferentes opcións

En calquera caso, fontes do sector dan por pechada a futura fusión que permitiría ao Goberno rexional de Feijóo manter a "galleguidad" das caixas de aforro galegas fronte a posibles operacións que chegan dende Madrid (Caixa Madrid) ou da Comunidade Valenciana (CAM ou Bancaja).

Isto non casa ,se miramos ven.....
Segue no aire a idea do PP, e Feijóo no encrucillada!

A Xunta ten a vontade de anunciar a súa posición respecto dunha posible fusión entre Caixa Galicia e Caixanova «ao seu debido tempo». A intención do Executivo de Núñez Feijoo é agardar ata finais de setembro ou outubro

Amigos de Marcos (A debater)

3 sept. 2009





ARUME DOS PIÑEIROS
Cabezas Pensantes.Vanessa Lodeiro

Concordan as análises críticas das pezas dramáticas do século XVII español en afirmar o profundo reaccionarismo de todas elas, sobre a base innegable de que todas conclúen co trunfo do estatus social e político dominante e co castigo da subversión ou da rebeldía de calquera signo. Esta afirmación pode valer, con todos os matices que agora non veñen ao caso (mesmo coa negación da mesma), para obras de contido político, estea ou non encuberto ou agochado con metáforas e traslacións oportunas. Pero para as comedias lixeiras (as de capa e espada ou de enredo), esa consideración aínda resulta menos sólida, xa que o que busca o espectador non é ningunha mensaxe sobre a inviolable constitución do réxime social senón a participación durante unhas horas nun conflicto (do que pode aventurar o final) que interesa nos seus propios termos. De feito, ben mirado, o nudo principal dunha obra de teatro do século XVII, aínda que remate de acordo con certas premisas sociais e, sobre todo, con certas expectativas poéticas que admitimos baixo o nome de happy end, amosa un mundo descomposto, repleto de fendas e tachas, que anuncia, se non hai remedio (e sempre hai porque existe o deus ex maquina das comedias), ruína. A xente acode ao teatro para ver ese conficto, para asistir ás leas entre os protagonistas. Quere que a resolución do problema quede para o último momento. Mesmo despreza ese final, porque no fondo resulta esperable. O poeta, se quere trunfo, éxito, fama, precisa enardecer e alimentar a polémica. Se non o fai, corre o risco de ver marchar pola porta aos seus queridos espectadores. Debe manter a tensión dramática, despois de urdila co artificio que a experiencia lle permite e co engado de enredos ou falsas identidades.

Creo que esta é a verdadeira estratexia dos grupos que procuran a perda de valor do galego nas institucións, despois de varios anos de acordos unánimes sobre a preferencia e a hexemonía do idioma galego (como lingua propia e lingua a conservar) nos distintos niveis da administración pública. Onde non hai problema algún, o político do PP (avisado e experimentado noutros enredos semellantes) trata de urdir conflicto. Non procura un fin determinado, a pesar das apariencias, non. Entende que o interesante é a polémica, a creación dun estado de ánimo en perpetuo debate. Desatende o final (aínda que necesita presentar unha proposta que sabe de antemán vencida) porque sabe que o que move (como os casos de honra no século XVII, que “mueven con fuerza a toda gente”) é o caso, o enmarañamento (o nudo) do asunto. O desenlace xa se verá: a verdadeira finalidade dunha proposta como a de López-Chaves hoxe* é a de provocar a lea e prolongala ata que o vencimento da peza, alá polas novas eleccións municipais, dea os froitos desexados: o aplauso dos seus por maquinar semellante alboroto. Que diso se trata.