6 ene 2008

Quintana insinúa que CiU, PNV e BNG poderían "decidir" conxuntamente "quen é o próximo presidente do Gobierno"
Di que os membros de Galeuscat preséntanse ós comicios coa proposta de pedir o "recoñecemento plurinacional do Estado"

A nova en Europa Press

GALEUSCAT NAS ELECCIÓNS
Andoliña martes 8 xaneiro

Nestes días Anxo Quintana fixo unha declaración ós medios afirmando que CIU, PNV e o BNG poderían “decidir” conxuntamente quen sexa o próximo presidente do goberno español. Engadiu ademais que os membros de Galeuscat levarán nos comicios a proposta de pedir o “recoñecemento plurinacional do Estado”. Sen dúbida esta segunda tese vai estar nos programas electorais dos nacionalismos galego, catalán e vasco, como outras veces, pero a primeira hipótese creo que é puramente retórica ou electoralista: sería a primeira vez que se puxesen de acordo nun tema de tal calado os tres nacionalismos periféricos.
De certo, atendendo á experiencia dos últimos anos, non sería nada doado facer coincidir os intereses das tres forzas, tan dispares en tanta cousas: aínda hai unhas semanas visualizouse o desencontro na votación coa que o BNG lle salvou “a imaxe” á ministra de Fomento.
Tamén é claro, velaí a historia parlamentaria recente, que o BNG, forza de esquerda, coincidiu máis con Esquerda Unida que con CIU nas votacións. Podería o compromiso que propón Quintana figurar nun documento público preelectoral? É obvio que non. Pois logo...

Robots.
Pan por Pan domingo 7 xaneiro

Sempre me gustaron os relatos de ciencia-ficción. E as películas que se inspiran neles. Hai dez ou once películas paridas dende historias de Isaac Asimov e auténticos clásicos como “Blade runner”, de Ridley Soctt, baseada na novela “Soñan os androides con ovellas eléctricas?”, de Philip K. Dick. Historias de anticipación, tamén se lles chamou. Cada vez están máis perto o mundo real e o virtual. Ou a existencia virtual de persoas reais. E a medicina camiña cara seres que non estarán moi lonxe do robot de “O home bicentenario” (1989, na imaxe) que reclamaba a súa humanidade. Non me estraña que en Xapón e Corea do Sur estean preparando leis para regular a conduta dos robots, na liña das tres leis famosas de Asimov. A primeira delas rezaba: Un robot non pode facer dano a un ser humano ou, por inactividade, permitir que un ser humano sufra dano. Valería mesmo para os propios seres humanos.



Cen anos de historia cultural. Balance dos anos 80

Cartel do primeiro festival de poesía no Condado, no que participaron importantes escritores galegos. Debuxo de Picasso para Celso Emilio Ferreiro.

A década dos 80, co Estatuto de Autonomía xa en marcha, deixounos novas institucións culturais como o Consello da Cultura Galega ou a creación da Radio e Televisión Galegas. No teatro, o nacemento do Centro Dramático Galego, cunha xeración de creadores como Roberto Vidal Bolaño, M. Lorenzo, Eduardo Alonso, Xulio Lago, M. Guede etc. No cine, o papel precursor de Mamasunción de Chano Piñeiro e logo outras obras do mesmo cineasta e Xavier Villaverde ou Carlos L. Piñeiro. Nas artes plásticas, o fenómeno Atlántica como máis relevante e novidoso. Na prensa, Luzes de Galiza, Dorna, Boletín Galego de Literatura ou Mancomún.Desta andaina son tamén creacións como a Biblioteca Básica da Cultura Galega (Galaxia), a colección de poesía Leliadoura, a fundación dos Premios de narrativa Blanco Amor, Xerais e Merlín ou a tradución ó galego, por Darío Xoán Cabana, de A Divina Comedia.

O salientable dentro da poesía.
Tempo de poetas: clásicos en vida como Luz Pozo Garza, Xoana Torres, A. Cunqueiro, A. Tovar, Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín ou López Casanova. E a longa xeira de novas voces: Fernán Vello, Luís González Tosar, V. Araguas, R. Raña, M. Forcadela, M. Vilanova, Eusebio Lorenzo Baleirón, Lois Pereiro, Rodríguez Fer, Xavier Seoane, Cesáreo Sánchez Iglesias, Millán Picouto, Álvarez Torneiro, Antón Rodríguez López, P. Pallarés, etc.

Na narrativa obras fundamentais de Carlos Casares, Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Xavier Alcalá, Carlos Reigosa, Antón Risco, a estrea de Manuel Rivas e Suso de Toro e un longo etcétera con nomes como Martínez Oca, Xesús Rábade, Fernández Naval, Cid Cabido, Lois Diéguez, Xavier P. Docampo, e outros citados nas últimas semanas. Destacados no ensaio e na investigación.

No campo do ensaio e da investigación destacan obras clave ou de síntese de Ramón Villares, Carlos Gurméndez, Carlos Casares, Alonso Montero, Torres Queiruga, R. Máiz, A. Santamarina, Neira Vilas, Fernández Del Riego, Filgueira Valverde, Carballo Calero, Ferro Ruibal, Antón Costa, Francisco Pillado e M.A. Fernán Vello, Carlos Fernández, Anxo Tarrío e Xosé R. Quintana, entre moitos outros.

Viñeron os Reis
E, entre outras cousas, deixáronme no Liceo un fermoso libro-catalogado publicado recentemente polo Ministerio de Asuntos Exteriores sobre A Historia de España a través do cine.
As mans xenerosas do amigo Xoán da Coba fixéronmo achegar ata alí. Só dicirlle que quedo sorprendido pola súa bonhomía e xenerosidade. No tema e no detalle, acertou de cheo: non lle caiba dúbida.

UN TIPO CON INTERESES, Afonso Vázquez-Monxardin (La Región, 5 xaneiro)
Debuxo de Xaime Quessada na revista Dorna, 1986, n.10.

Antes os ricos eran a xente con bos traballos, estudada e preparada e os pobres eran xente con oficios pouco remunerados e sen preparación nin estudos. Pero iso, como saben, tamén cambiou. Hoxe, todos temos coche, ensino e sanidade gratis, imos aos mesmos Centros Comerciais e gozamos de semellante desenvolvemento tecnolóxico; uns gastan cartos no fútbol, coches e teles e outros en libros, educación dos fillos, viaxes e spas. E a diferenza social mídese xa, sobre todo, na capacidade de descoñecemento de determinados neoloxismos –euribor, por exemplo- e na necesidade e presión do hipotético crédito hipotecario.
E vénme isto á cabeza porque hai pouco un destes mozos hipotecados contoume como certa –aínda que eu non lla acabo de crer- unha historia que parece simpática pero á que el non lle ve a graza. Velaí vai: Dera aforrado nove mil euros no ano. Contra a fin de decembro achegouse á sucursal do banco -tocaba revisión- e falou co director. “Ola, veño traer este millón e medio para amortizar parte do crédito e, de paso, que me diga canto me queda por pagar. Non me fale de intereses e capital; non me líe. Dígame só canto vou ter que pagar mes a mes e en total”. O do traxe e garavata escoitouno con toda amabilidade e botou man da calculadora... E o probriño do rapaz case se topa mal. Debía dezaoito millóns das puñeteiras pesetas –estou cheo do de antigas- e despois de botar as contas, espetoulle cun sorriso colgate: “Pois o da súa débeda, asegún se mire. Deber, vai deber menos, pero pagar vai ter que pagar o mesmo ou un chisco máis”. -¿Pero que me di, home? -Ben. Tranquilo. Voullo explicar fácil para que o entenda. Debe menos capital pero como os intereses subiron e vos-te-de-es-co-lleu-in-te-re-se-va-ria-ble- -movía o índice, acusador-, en vez de pagar por el ao 3,50 % de hai dous anos, cando pediu o crédito, ou 4, 25 do ano pasado, vai pagar neste que entra, o 5,25 % . Así, pois, e botando as contas, vai ter que pagar a mesma cantidade ou un chisco máis todos os meses, e claro, ao final tamén sae máis. Aínda que sempre pode ir amortizando.
-¿Pero que me di? Explíqueme que non o sigo. Debía ao entrar aquí dezaoito millóns, doulle un e medio, e dime vostede que lle sigo debendo dezaoito ¡ou máis! -Non é exactamente así. Deber, débeme –ben, débelle ao banco, claro, eu sonlle un empregado e tamén teño o meu crédito non crea- débeme, débelle, digo, dezaseis e medio... se mos entrega agora todos xuntos. Pero o Banco Central Europeo cambiou os tipos de referencia e nós tamén os nosos tipos de interese e así, a partir de agora, por eses dezaseis e medio, co tipo variable que vostede ten, vainos ter que pagar, vaille ter que pagar ao banco, claro, unha cota mensual como se debese dezaoito de antes, ou se cadra, un chisquiño máis, que aínda hai que facer números… Entende?
-¿Que se entendo? ¿Tipos de referencia? ¿Tipos de interese? ¿Tipo variable eu, que estou sempre nos oitenta e tres quilos e nunca digo unha palabra máis alta que outra? Tipos sen escrúpulos é o que son vostedes. Que ben lin que os seus benficios medraran o 87 por cen o ano pasado... Que non está ben que abusen así de nós. Que un día rebenta todo”.
O mozo marchou do banco nervioso temendo o momento de llo contar á moza, desde había un mes no paro. O director suspirou preocupado; non era a primeira vez que un cliente perdía a calma nesa semana e sabía adiviñar historias feas por debaixo. O mozo case tropeza na porta cun rapaz escuchumizado de anorak moi amplo e que estaba subindo unha bufanda para tapar a cara… Cando escoitou ás súas costas un berro de “manos arriba”, esbozou un sorriso e murmurou para si: “Teña coidado cos empregados. Eles non lle teñen culpa e seica teñen tamén os seus créditos... pero sobre todo, non se lle ocorra firmar nada”.