GALICIA-EUROPA-NÓS (2)
Solicitouse aquí información da exposición Galicia-Europa-Nós, que se exhibe no Museo do Pobo Galego e que organizou a Fundación Otero Pedrayo.
Polo de agora, ofrecemos ós lectores o esquema de toda a mostra e os textos dos primeiros paneis (o panel 2, de seguido e os paneis da primeira parte en comentarios).
A nova da inauguración da mostra en Galicia Hoxe e en La Voz de Galicia. Foto Xoán Crespo, de Galicia Hoxe.
A mostra estará nos locais do Museo do Pobo Galego ata o 15 de xullo.
1. Portada e título da exposición. Presentacion.Créditos.
PRIMEIRA PARTE
2. A Galicia atlántica. Mapa das relacións da Galicia prerromana coa Europa mediterránea e atlántica. O comercio do estaño. A cultura dos megalitos. De Dombate a Carnac e Stonhengue.
3. Galicia na romanización e os suevos. Prisciliano, Hidacio, Exeria, etc.
4. O mito artúrico e Galicia
5. O camiño de Santiago e a arte románica
6. Poetas occitanos. Poetas galego-portugueses.
7. O colexio dos Irlandeses. Comercio das vilas marítimas co norte de Europa
8. Ilustrados e liberais. Relacións con Europa.
9. Galicia vista polos europeos. Románticos e viaxeiros.
SEGUNDA PARTE
10. O galeguismo e Europa. O discurso da xeración Nós
11. Castelao viaxa por Europa. As cruces de pedra na Bretaña. Diario...
12. Vicente Risco viaxa por Europa. Mitteleuropa...
13. Otero Pedrayo e Europa. Adrián Solovio e Arredor de si...
14. Plácido Castro no Congreso das Nacionalidades Europeas
15. A Xeración Galaxia
16. A BBC e os programas en lengua galega.
TERCEIRA PARTE
17. O nacemento da Nova Europa. Despois da segunda guerra mundial
18. Continuación
19. Declaración Schuman. 9 Maio. Día de Europa. O Discurso de Castelao en pro da federación europea (1948).
20. A evolución do mapa europeo dende 1957.
21. Institucións europeas. Presenza de Galicia nelas.
22. Continuación.
(2) Memoria de pedras e ouro (a Galicia atlántica).
A historia naceu, como nace o sol, en oriente. O paleolítico, do que tan pouco sabemos, iníciase nas terras do leste de África e pasa a Europa, hai centos de miles de anos. O neolítico, a produción dos alimentos e a sedentarización, acougar nun lugar, comezou nas terras do Tigris, Eufrates e Nilo, uns 10 mil anos atrás. Pouco e pouco foise achegando ás terras occidentais e atlánticas polo curso do Danubio e polo gran camiño aberto do mar Mediterraneo. Así, ao redor do terceiro milenio antes de Cristo, conviven as culturas megalíticas mediterraenas –Malta, Cerdeña, Baleares, Almería...- coas occidentais de Portugal e Galicia e, máis alá, de Bretaña e das illas Británicas. A posición de metade de camiño entre o Mediterraneo e o norte de Europa de que goza Galicia, fará que xogue un papel de relación entrambos mundos que só coñecemos de forma difusa, e que se vai aclarando a medida que avance o tempo. O Dolmén de Dombate, os menhires como a Lapa de Gargantáns, e os petroglifos de Campo Lameiro, terán as súas correspondencias nos outros fiesterres atlánticos como Carnac (Bretaña) Stonehenge (Inglaterra) ou Newgrange (Irlanda).
Os contactos de orixe fanse máis intensos e constantes desde a Idade do Bronce, pois as producións materiais –espadas, alabardas, etc- entre os fisterres atlánticos da Bretaña, Inglaterra, Irlanda e Galicia, son idénticas, e moi semellantes os tesouros aureos de brazaletes e vasos, como o de Caldas de Reis.
Naquela altura, sabemos que fenicios e tartesos percorrían os mares occidentais en busca do estaño que precisaban para a elaboración do bronce. No século IV a.C. Rufo Festo Avieno fálanos das antigas expedicións en busca das Casitérides, illas de localización difusa, no occidente atlántico. A Avieno tamén debemos a información duns novos poboadores -“saefes” – que se superporían a outro anterior, “oestrimnios”, máis antigos. Esta noticia dos “saefes” vén sendo interpretada como a única referencia escrita á chegada dos pobos célticos a Galicia en varias ondas a partir do século IX. Estes celtas, se cadra non foron moi numerosos pero si o suficientemente importantes para deixar fondas pegadas en varios campos da nosa historia. Na ourivería, os torques, arracadas, brazaletes... Na toponimia, Lugo, Coruña... e o propio nome de Galicia. No sistema de poboamento... “castros” para nós, “hill forts” para os ingleses... E sobre todo tamén, como pezas claves no proceso de construción dunha identidade mítica no século XIX, tal e como aconteceu con outras culturas todo ao longo da Europa daqueles tempos.