IMAZ, ARTUR MAS, GALEUSCAT
La Región 17 setembro (o cartel da guerra civil en Euskadi é de Carmona)
Cataluña. Falabamos esoutro día, nun Pan por Pan, da radicalización do discurso nacionalista en Cataluña, que chega a figuras como Maragall ou Artur Mas. Colegas que traballan en Barcelona relativizan esta interpretación, afirmando que hai moito de “radicalismo estético” en Maragall e que CIU xoga coa tensión en dúas liñas: dende o soberanismo á conquista de competencia e orzamentos para o país. Por outra parte, é ben sabido que nos nacionalismos hai sempre “dúas almas” que abanean entre o independentismo e posicións máis moderadas e pragmáticas: foi así nos tempos da Segunda República e segue a ser hoxe. Haberá, pois, que agardar para saber en qué queda este radicalismo catalán, pasada a retórica dos discursos da Diada. Non cremos que o mapa político catalán permita demasiados movementos bruscos, como parece insinuar Artur Mas, dado que cadaquén garda celosamente o seu espazo electoral (ERC) ou con firmeza as súas posicións clásicas (Josep Antoni Durán i Lleida, por parte de Unió, que non quere saber nada de mesturas con marxistas ou socialdemócratas).
Josu Jon Imaz. Nesta semana produciuse a carta de renuncia de Josu Jon Imaz e reflectiuse o difícil que resulta manter lideratos fortes no nacionalismo vasco, aínda dende o goberno. Lembren a ringleira de nomes: Arzallus, Garaicoechea, Ardanza, Ibarretxe, Imaz, etc. Este último propugnaba un modelo de nacionalismo pactista e pragmático, pero que non renunciaba as súas posicións soberanistas. Ademais, tiña moi claro que ETA sobra no País Vasco e que non se poden planear medidas de cambio de estatus xurídico mentres a violencia non desapareza de Euskadi. A súa carta de renuncia á presidencia do PNV é un modelo de documento político de alta talla intelectual e sentido común: “Creo nunha Euskadi na que os diferentes sentimentos de pertenza dos que compoñemos a sociedade vasca convivan compartindo un proxecto de país, cuxo futuro constrúamos entre todos. (...) Traballo por unha Euskadi na que a nosa identidade vasca se constrúa en base a valores nun mundo cada vez máis aberto e complexo, no que o amor ó propio non nos leve a construír o futuro contra ninguén. Como esa árbore á que equiparaba a súa obra o universal escultor Eduardo Chillida, enraizado na terra vasca pero coas súas pólas e follas abertas ó mundo”. Chapeau por J.J. Imaz! Pouco favor lle fixeron Zapatero e outros destacando “o luxo” de ter un dirixente como Imaz no PNV. Que vai pasar? Fálase dun pacto interno no PNV entre os sectores máis radicais e máis moderados (Eguibar versus Urkullu) para evitar a división do partido: oxalá dean coa mellor fórmula para o futuro de Euskadi e para o conxunto español.
Galeuscat. O BNG, na etapa Beiras, abriu portas co pacto entre os tres nacionalismos periféricos autodenominado Galeuscat. Aquel pacto serviu para presentar o BNG en sociedade e “moderar” a súa imaxe: ó cabo PNV e CIU son partidos moderados e non marxistas, aínda que poidan promover políticas sociais progresistas. Hoxe o BNG é o mellor situado na negociación dos orzamentos do Estado e un aliado fiel de Zapatero e debe xogar esa carta con intelixencia: Galicia non debe quedar atrás, como tantas outras veces.