27 jun. 2007


Amores e infidelidades, das letras ó cine
Andoliña 28 xuño
Dicía Henrik Ibsen, o autor de Casa de monecas, que había dous códigos de moral, un do home e outro da muller: "A muller non pode ser autenticamente ela na sociedade actual, unha sociedade exclusivamente masculina, con leis exclusivamente masculinas, con xuíces e fiscais que a xulgan dende un punto de vista masculino". Por iso a súa Nora, personaxe inmortal do dramaturgo noruegués, se converteu en símbolo feminista da conciencia da propia da muller.
Iso sucedía aló por 1879. Eses códigos pasaron á literatura e ás artes: velaí o retrato das mulleres adúlteras en Madame Bovary de Flaubert ou en La Regenta de Clarín, entre outros moitos exemplos posibles.
E das letras saltarían logo estes esquemas e estereotipos ó mundo do cine: sinalouse esta perspectiva xa en películas como a deliciosa Breve encontro (1945), de David Lean, ou, en tempos máis recentes, O piano (1993): os adulterios femininos non podían, non debían, ter un final feliz. Unha actitude diferente amósase na película de Ulu Grosbard, Namorarse: en 1984 xa cambiaran as pautas morais, como testemuñan os personaxes encarnados por eses dous actorazos, Robert de Niro e Meryl Streep. Cando menos neste caso.