7 sept 2006


Páxina catro dun documento
Andoliña sete setembro
O 23 de xullo do 2005 Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana asinaban en Compostela un documento titulado Acordo sobre Bases Programáticas para a acción de Goberno que sintetizaba, en 26 páxinas, as liñas estratéxicas do goberno de coalición PSdeG-BNG. Na cuarta páxina había un interesante apartado baixo o epígrafe "Parlamento máis achegado á cidadanía" que insistía en reafirmar o papel do Parlamento como centro da vida democrática do país. Como lembraba onte en EL CORREO GALLEGO o comentarista Luís Pérez, figuraba nese mesmo parágrafo unha expresa indicación de "facilitar a constitución e o funcionamento das comisións de investigación" na cámara galega, algo que aplaudiría sen reparos calquera demócrata.
Por iso sorprende que o Goberno se negue agora a facilitar esa comisión de investigación e opte por unha fórmula menor, á vista da gravidade que todo o mundo, sen excepcións, confire á crise dos incendios. Se hai tantas cousas que saber aínda, incluída unha posible trama política, que se investigue a fondo. Do contrario vai ter razón o Josep Pla que escribía en 1931: "Nada hai que cambie máis a un home que o exercicio da responsabilidade e a proximidade do poder".
(Imaxe: fotografía de Alberto García Alix).