Pallaso.Obra de Arturo Baltar. Ourense
Loxicamente, que cada un que faga o que queira. Xa nin é tema de conversación. Esa é a normalidade democrática que nos encanta a todos. Así, neste tempo de tomas de posesións de políticos, uns xuran e outros prometen, e todo ben. Iso que tendemos a crer que os que xuran son máis relixiosos e os que prometen máis laicos. E o feito de que o novo presidente de Galicia prometese e non xurase non lle estrañou xa a ninguén, pois iso da relixión e a política deben ir, cada vez máis, por camiños arredados. Lembremos que o señor Gallardón, alcalde de Madrid, xa lle gañou un xuízo a un xornalista falabarato da emisora dos bispos. Esa independencia, esa separación ,como todas as que afecten ás actitudes íntimas -relixión, sexo, etcétera-, están, por suposto, moi ben. Son temas transversais que nada teñen que ver coa dereita ou esquerda senón coa liberdade persoal de todos. Se cadra a promesa do noso presidente ten que ver com que empezase o seu ensino medio nun colexio relixioso e rematase facendo o vello COU no Instituto Masculino, como nos recorda constantemente, e propagandista infatigable dos seus ex-alumnos que é -volvo citala-, Anxeles Castro.E aínda que estes dous sentidos ‘ideolóxicos’ que se lle dá ás formas de compromiso no traballo político estean claros na interpretación popular, teño a impresión de que a etimoloxía está sendo retorcida. Porque loxicamente, xurar está relacionado con ‘xurado’, ‘xuramento’, ‘xurisprudencia’, ‘xurisdicion’, ‘xustiza’, palabras todas relacionadas co ‘ius-iuris’ latino, ou sexa da esencia da lei. Polo tanto, xurar sería realzar o compromiso coa lei, como xurisdición é o terreo onde ten valor de forza o que ‘di’ a lei, etcétera. Así, se un o desexa, pode ‘xurar por Deus’, ‘polos seus mortos’, ‘por Snoopy’ -como o pijo redomado na caricatura-, ou por calquera outro intermediario individual ou colectivo, existente ou inexistente, para que exerza de testemuña fidedigna. Pero se un simplemente o que fai é xurar, afirma só a esencia do máximo compromiso da persoa coa lei e a xustiza directamente. Algo laico e legalista.O verbo ‘prometer’ non me acaba de gustar porque non fai referencia á lei, que é a fonte do poder. E porque as promesas no mundo da política... en fin, xa me entenden. A metade delas viven menos que as bolboretas. Só cando Churchill prometeu o 13 de maio de 1940 ante o Parlamento ‘sangue, esforzo -inda que normalmente isto non se diga-, suor e lágrimas’, acertou plenamente. Empezaba a batalla de Inglaterra. En canto lle empezaron a caer as bombas alemás, xuraron todos, pero doutra maneira.