13 dic 2007

Avance de contidos

Estes días, co Simposio Carlos Casares e outras cousas, non creo que poida escribir moito. Só dicirvos, a todos/as, que na primeira sesión, de mañá, xa se contaron moitas cousas de interese. Sobre todo na intervención de Xavier Carro que conviviu con el na etapa que Casares retrata en "Xoguetes pra un tempo prohibido" e que mesmo lle pasou moitos dos libros que puideron influír nel naquel momento.
Tomei bastantes notas: en canto teña un pouco de tempo, seguro que esas notas acaban por aquí.
Por exemplo, só como avance: entre os libros que lían os mozos da NNG, ademais dos que se citan sempre (Joyce, Proust, Kafka, Faulkner, etc.), había outros que puideron deixar unha forte pegada no Casares dos "Xoguetes". Por exemplo, "Señas de identidad", de Juan Goytisolo (na primeira edición mexicana). E "Tiempo de silencio", de Martín Santos. E "Encerrados con un sólo juguete", de Juan Marsé. E mesmo un de Torcuato de Lena, "La edad prohibida": obsérvese que palabras como XOGUETES e PROHIBIDO estaban xa nesas referencias.

HOMENAXE Ó EXILIO MEXICANO
Andoliña venres 13 decembro

O cineasta Carlos Velo, o pintor Arturo Souto, o poeta vadeorrés Florencio Delgado Gurriarán, o mestre Luís Soto, compañeiro de Castelao, todos eles impulsores da revista “Vieiros”, unha das xoias da historia da prensa galega. Quedan aínda descendentes de todos eles e de moitos máis centos de galegos que se refuxiaron no exilio mexicano. O México de Lázaro Cárdenas recibiunos cos brazos abertos: dende os que desembarcaron no buque Sinaia ata todos os que alí se achegaron despois. Aló proseguiron co seu labor republicano e galeguista. Aló saiu o “Caniconeiro da loita galega” de 1943. E “Loita”, revista galeguista da comisión galega do PC de Hespaña. E a antoloxía “Poesía de Galicia”, de Alejandro Finisterre (1969)-
Toda unha aristocracia intelectual que enriqueceu a cultura mexicana con acenos galegos: lembremos tamén ó poeta Lorenzo Varela, acollido na casa de Octavio Paz; ó arquitecto José Caridad Mateo, Serafín Ferro, Marcial Fernández, Roxelio R. de Bretaña, ó médico Francisco Comesaña, etc. Ata a morte de Franco, México mantivo o apoio ó goberno republicano no exilio. A Xunta, con Pérez Touriño á fronte, homenaxea agora esa xeración: con toda xustiza.