Chámanlles “makeover”.
Ou programas que poden contribuír, mira ti, a mellorar a calidade de vida. Levan xa varios anos arrasando nos Estados Unidos e en Latinoamérica, despois de que pinchasen os “realities” máis tradicionais tipo “Gran Irmán” ou “A casa da túa vida”. E chegan a España, con retraso, cando aquí tamén está a caer a audiencia deses programas que moitos chamamos Televisión Lixo. O que chega non é mellor: a cadea estadounidense ABC ten dende o 2002 un programa chamado “Extreme makeover” sobre o cambio físico radical das persoas: xa ven de onde se copiou o formato de “Cambio radical” (Antena 3) que tantas queixas provocou nestes días de médicos e consumidores.
Xa Otero Pedrayo escribiu nos anos 20 do pasado século sobre “o culto ó corpo”, pero don Ramón non fixo ciencia-ficción e nunca imaxinou algo tan endiañado como persoas que se prestan a ir á televisión para que lles cambien o seu físico mediante a cirurxía estética e así “endereitar a súa desastrosa vida”. Os reclamos do programa son frases como “Podré reír”, “Mi pareja no me dejará” ou “Por fin bajaré a la playa con mis hijos”, xogando sempre coa escasa autoestima de moitas persoas para montar o espectáculo arredor das súas miserias.
A min todo isto lémbrame “O home elefante” e “A muller barbuda” nas barracas de feira. Nos Estados Unidos xa triúnfan “makeover” onde buscan persoas que sufriran unha desgraza, que perdesen a súa casa por un incendio ou un furacán, para facerlles unha nova casa e mellorarlles a vida. Canto nos gustan os contos de fadas! En fin, xa saben, a televisión que virá: todo é cuestión de tempo.