6 may 2008




Darío Xohán Cabana e Xosé Mª Álvarez Blázquez, editor
Andoliña mércores 7 maio

Comezamos en Auria, no Liceo, o sexto ciclo Visións de Galicia, nesta ocasión dedicado ós poetas galegos de posguerra. Xosé María Álvarez Blázquez, Uxío Novoneyra, Manuel María, Celso Emilio e Antón Tovar son as figuras escollidas: todas de seguro indiscutibles, aínda que haxa outras máis posibles. Abriu o ciclo o poeta Darío Xohán Cabana centrándose na vida e obra de XMAB, o celebrado neste 2008 nas Letras Galegas. Darío, aínda novo, traballou co poeta de Tui no mundo editorial e publicou recentemente unha completa monografía sobre a súa vida e obra en Xerais.
O poeta de Roás subliñou a calidade poética de XMAB e dedicoulle moita atención ó seu labor como editor, dos máis relevantes de Galicia, con Soto y Freire, Martínez Salazar e Ánxel Casal. A aventura editorial do creador de “Canle segredo”, nacida da necesidade económica, foi tan heroica como oportuna. Dende Castrelos e as coleccións Pombal e O Moucho, encheu o país de libros: uns seiscentos mil exemplares editados, isto é, un para cada catro galegos. Percibiu os cambios da sociedade galega nos 60 e atendeu á forte demanda cultural dun país que quería saber máis de si.


FÍO MUSICAL (6). LA PIEDRA IMÁN. Música, por CARLOS MARZAL (El Mundo, Campus, 30.4.08)

A dónde nos conduce la música cuando la escuchamos? ¿Dónde nos hace estar? Estar, sí: porque la música, más que transportar, más que representar un trayecto, significa un estado, un lugar en el que hallarse, aunque sea de forma sucesiva, con el discurrir de la misma música. Un encadenamiento de tierras de acogida. Con la música nos encontramos en alguna parte, que es parte alguna: el lugar de la música. Es un territorio paradójico: no es ningún lugar concreto, y, sin embargo, es un concreto lugar. No podemos asignarle nombre, no sabemos asignárselo. Y, además, no hace falta. Conviene que quede innominado, entre nieblas, con su nimbo de misterio. Ese país de la música se halla en nuestra interioridad y fuera de nosotros, que hemos sido depuestos de nuestro yo, sin dejar de ser nosotros mismos. (...)

Nota: seguen sen chegar os Fíos Musicais de moitos dos contertulios: Arume, Apicultor, Leituga, X.M. Gzez., Jim Morrison, Monxardín, J. Medela, etc. etc. Xa saben que o blog segue aberto ás súas propostas. (Imaxe: Concerto campestre, de Giorgione)
Conversas contemporáneas (e 3): serie de entrevistas de MANUEL VIDAL VILLAVERDE en Galicia Hoxe 5 maio. Marcos Valcárcel: "O galego debe ser un valor de mercado no mundo globalizado".

Ao teu ver é posíbel un Estado federal español onde caiba Galicia como nación indiscutíbel?
Sería posible e quizais camiñemos cara a iso a medio prazo, pero sempre será un federalismo especial e un tanto asimétrico. E ademais ese camiño depende tanto da vontade das nacións minorizadas (Galicia, Cataluña, Euscadi) como da receptividade do conxunto do Estado e dun corpus ideolóxico dun posible "nacionalismo español" que vexa esa realidade federal como a máis democrática e progresista para o benestar dos cidadáns de todo o Estado.

Entendes, Marcos, que poida haber unha dereita culta e nacionalista?
Podería e debería habela nunha situación normalizada. Pero é difícil: no plano económico as forzas que a poden apoiar están moi suxeitos a intereses extragalegos, en xeral; no plano ideolóxico, terían que encontrar os pensadores e estrategas axeitados e os que hoxe militan na dereita, na súa inmensa maioría militan tamén no nacionalismo español, mesmo na súa versión menos tolerante.

Cal é a túa relación coa poesía, coa narrativa en xeral?
Pois moi agarimosa, porque traballo na miña profesión con textos literarios todos os días e eles son un apoio fundamental tamén no meu xornalismo ou na preparación de conferencias.
Son un lector moi asiduo de poesía, galega e de todo o mundo, e a poesía sitúame nunha sensación de relaxación e ó tempo reflexión intelectual para min só comparable ó que nos agasalla a música. Na narrativa procuro seguir na medida do posible a obra de autores galegos, onde o nivel é moi alto: sigo con maior fidelidade nomes como Casares, Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Xosé Miranda ou Agustín Fernández Paz, entre outros.

Tes oído falar da asociación "Galicia bilingüe"? Cal é a túa opinión con respecto a esta xente que considera que tamén o castelán é tamén outro idioma da nosa Nación?
Eu creo que realmente esta xente, á marxe da súa opción ideolóxica concreta, teñen un gran medo ós cambios. De feito nacen cando o galego está a dar algúns pasiños, tímidos, no plano legal para a súa recuperación como as Galescolas ou a esixencia do noso idioma no ensino. E tampouco cren nunha Galicia Bilingüe pois non propoñen nin aceptan ningún avance nesa liña: o que queren é unha Galicia Monolingüe en castelán, co galego reducido a un uso folclórico, e iso sería un paso atrás evidente na modernización da nosa sociedade. Seguen atados ós vellos complexos diglósicos.

En que obra ou obras estás a traballar agora?
Teño pendente de saída unha breve Historia de Ourense en Xerais para uso escolar e divulgación en xeral e un traballo sobre un empresario ourensán do transporte, realizado en colaboración co historiador Lois Domínguez Castro. Fóra diso e do xornalismo, que me absorbe moito tempo, prepararei de inmediato a serie Cen Anos de Historia Cultural, publicada neste xornal, para editala en libro, ampliada e revisada.
en poleiro alleo

Camiño do vao. Presunción de clientela, AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (GH. 6.5.08)

O caso Dreyfus e o primo do Zumosol, Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 6.5.08)

Leopoldo Calvo Sotelo, despedida en Ribadeo (crónica de Xaime da Pena)


Fora xa do boato da Vila e Corte, chegaron polo mediodía os restos de Leopoldo Calvo Sotelo a Ribadeo.
Repousaron ata as seis nun engalanado Concello de Ribadeo do que é ademais de fillo predilecto, alcalde honorario.
Dicir que Calvo Sotelo tivo relación con Ribadeo, degradaría a paixon que sempre sentiu pola vila. Alí estivo na súa nenez, levou a súa noiva e logo muller a coñecer o rompente do Cantábrico e cos seus fillos no verán foron unha familia que se esperaba, ademais de por ser numerosísima e que non pasaba desapercibida, tamén pola categoría dos invitados e convidados que se caían por Ribadeo por mar e terra. O Rei estivo invitado en varias ocasións na súa casa e sen dubida de aí lle ven o título real de Marques da Ría de Ribadeo, e se non houbo algún Consello de Ministros foi sen dúbida por que era algo lacazán o bo do Leopoldo e prefería a orde de Madrid que a desorde mariñán.
Onte, por tanto a vila que tanto gabou deulle o derradeiro adeus, e verdadeiramente sentido polo que se viu, xa que pecharon practicamente todos os locais comerciais, e congregou as autoridades civís e militares de Galicia, que ollaron como oito membros das diferentes armas do exército portaban sobor dos seus ombreiros o cadaleito cuberto cunha bandeira de España.
Estivo a Xunta ó seu máis alto nivel con Touriño e o Parlamento representado por Dolores Villarino. O Estado polo Delegado de Goberno e tamén a Provincia polo Subdelegado.
Tamén estiveron alcaldes e ex alcaldes, case todos da UCD que logo repetiron no PP, con Alberto Núñez Feijoo a cabeza, e un pequeno grupo de ex-compañeiros de partido. José María Pardo Montero, Antonio Díaz Fuentes, Cándido Sánchez Castiñeiras entre outros.
Celebrou un funeral de corpo presente o Bispo de Mondoñedo na Capela de Santa María do Campo, que se desfixo en citas para xustificar a bonhomía do defunto, namentres un coro de voces brancas axudaba a canta-la misa, na que puidemos ver a Landelino Lavilla, Martín Villa , a ministra Cabrera, e os seus fillos cun aspecto grave e desolado, acompañaban na dor a dona de Calvo Sotelo que se lle notaba que o óbito foi inesperado xa que estaba realmente afectada.
Fixeron posteriormente na intimidade un enterro no Cemiterio municipal, e nós deixamos Ribadeo nunha tarde gris, cas ganas de entonar unha habanera na honra dun bo home, despois dunha pequena tertulia vespertina nunha terraza baixo a Torre dos Moreno.

DEZAOITO EUROS
Andoliña 6 maio

Vin esoutro día a película “As mulleres de verdade teñen curvas” (2002), ópera prima da directora colombiana Patricia Cardoso, que fai cine nos Estados Unidos. Unha ben contada historia, interesante, da inmigración sudamericana, que combina a conquista da propia autoestima sobre o seu físico na moza protagonista, e a súa loita polo dereito a un mellor futuro, a través dunha beca para ir acceder á Universidade, mesmo contra as arelas dunha nai castradora.
As mozas sudamericanas, a medio camiño entre as dúas culturas, traballan ata a extenuación nun taller de costura, atafegadas pola calor, e fan fermosos vestidos de deseño ó custe de 18 euros: os mesmos vestidos que se venderán logo nas tendas máis fashion a 600 euros a peza, segundo se afirma na propia cinta.
O mundo é inxusto: alá e aquí. En Galicia tamén se podería rodar unha historia semellante, quizais coas mozas dalgún taller téxtil semiclandestino. Os nosos labregos e gandeiros recollen unha parte moi cativa do que producen: hai outras mans máis cobizosas. Ó cabo, 6 de cada 10 fogares teñen graves problemas económicos. Un de cada catro vive con menos de mil euros ó mes: cóntano os xornais, todos os días.
Xan Bouzada
Coñecín a nova onte pola tarde a través dunha mensaxe dun amigo da Universidade de Vigo. Xan Bouzada, sociólogo e home comprometido coa nosa cultura e co galleguismo, faleceu onte, vítima dun cancro. Trateino hai anos e coincidimos nalgunhas citas culturais, en múltiples ocasións; tamén colaboramos xuntos nunha comisión cultural que hai anos deseñaba un diagnóstico cultural a petición do CCG (na que tamén estaban C.Casares, Damián Villalaín, H. Monteagudo e M. Vieites, entre outros). Soubemos tamén que deixou escrita a súa petición de que a súa despedida fúnebre fose pronunciada polo seu amigo o poeta Darío Xoán Cabana. Dende aquí, o meu pésame á súa familia e amigos/as.


O sociólogo Xoan Bouzada Fernández nacera en Lugo en 1951. Publicou varios libros sobre a materia da súa especialidade centrados na realidade galega, como Escola, cultura e vida comunitaria nun concello galego: Moaña, A situación socio-cultural dos concellos galegos e O desenvolvemento comunitario local. É autor tamén de Familia e comunidade (Galaxia, Ensaio 2002). Xunto a Anxo M. Lorenzo Suárez escribiu Redes sociais e conxuntos de acción (Galaxia, Igesco, 1996). Pertencía tamén ó consello de redacción da revista Grial. (Na foto, nun acto no CCG, en compaña de Emmanuel Nègrier).