5 jul 2006


‘O cidadán do mes’, de Ameixeiras
(Andoliña mércores 5 xullo)
Hai unhas semanas gañaba o último premio Xerais Diego Ameixeiras, autor das novelas policíacas Baixo mínimos e O cidadán do mes, arredor das andainas do detective Horacio Dopico. Debemos engadir o seu nome á nosa serie sobre Ourense: universo literario pois ámbalas dúas están ambientadas na miña cidade e con profusión de riscos topográficos. Poderíase elaborar un plano urbano auriense seguindo os pasos do protagonista: dende a Cruz Alta ata o Parque Miño, dende a rúa dos viños ata Barrocás e o Polvorín, con incursións na Derrasa e na Chavasqueira e protagonismo para lugares de culto das novas xeracións como o Café Auriense ou o Rock Club.
Creo que ningunha obra literaria ata agora recolleu un abano tan amplo de espazos ourensáns, axuntando o Ourense histórico e medieval (o que coñeceu a Xeración Nós) cos novos barrios, froito da emigración e da especulación urbanística, nacidos de xeito ben desordenado nas décadas dos anos 60 e 70. Os espazos climatolóxicos tamén son importantes: se en A esmorga a choiva e a friaxe eran dominantes no curso da novela, agora quedamos enchoupados polas suores da calor abafante dun agosto ourensán, tan real por certo.