24 oct 2006




A MEMORIA DA POESÍA
Xornadas en lembranza de Miguel Hernández, Federico García Lorca, Antonio Machado e Miguel de Unamuno

A Sección de Literatura do Liceo de Ourense organiza unhas breves xornadas de lembranza dos poetas españois máis relacionados coa guerra civil. Velaí o programa:

- Martes 24 outubro (20,15 h.). Mesa redonda sobre Miguel Hernández e Federico García Lorca, a cargo dos profesores Manuel Zabal e Severo Pérez, cun recital poético introductorio.

- Mércores 25 outubro (17 h.) Recital Poético con alumnos/as de varios institutos de Ourense.

- Xoves 26 outubro (20,15 h.). Mesa redonda sobre Antonio Machado e Miguel de Unamuno, a cargo dos profesores Adolfo Salgado Pérez e Isabel García Martín.

A ensoñación gobernamental

(Un anaco dun interesante post sobre o BNG e o papel de Quintana no blog Dpaso. Aínda que eu faría algunha matización, en xeral creo que o diagnóstico da situación actual do nacionalismo é axeitado. O que deparará o futuro é unha incógnita (quizais só parcial), creo).

Errou Quintana crendo que o motor do cambio do nacionalismo galego ía ser básica e case exclusivamente a acción de goberno. Confiando na capacidade de transformación e de apertura de novos diálogos cos intermediarios sociais desde a Xunta, desprezouse a importancia de manter activo o proceso de renovación do Bloque. Mesmo, o contrario, entregouse a organización ao control da UPG e despolitizouse a súa dirección nacional. A renovación desde arriba e desde fóra do BNG está condenada ao fracaso se non conta cunha sólida organización de apoios entre a militancia. O camiño non é unha renovación bonapartista desde arriba e desde fóra, senón a organización dos militantes non adscritos partidariamente que queren un cambio real no BNG e a súa democracia interna.A crenza de que só sobre a base da acción gobernamental o BNG mudaría a súa imaxe de partido, arroupándose cos atributos de forza de goberno madura, resultaron fallidos. A presenza dos nacionalistas no executivo galego tamén puxo en claro as debilidades programáticas, moitas inexperiencas na xestión, e evidenciaron, dramaticamente, a ausencia de mediadores sociais realmente comprometidos co BNG na maioría das áreas políticas da súa responsabilidade; nomeadamente no que lle toca ás políticas sociais e industriais, pero tamén ás culturais.


A mala sorte.

Os pobos, como as persoas, poden ter boa ou mala sorte. En outubro de 1956, os húngaros creron nas promesas de desestalinización do líder soviético Kruschev e botáronse á rúa, tiraron estatuas de Stalin e cantaron nas rúas de Budapest a Marsellesa e o himno “De pé, maxiares” do poeta Sandor Petófi.

Quitáronlle a fouce e a estrela á bandeira húngara e reclamaron a legalización dos partidos políticos e a saída do país das tropas soviéticas. Aquela revolta non acabou ben: os tanques rusos tomaron Hungría cun saldo final de tres mil mortos, 350 executados e douscentos mil refuxiados. Non tiveron sorte os húngaros: soñaron antes de tempo coa liberdade.

O resto do mundo nin mirou para eles. Non se podía alterar o difícil equilibrio da Guerra Fría. Como xa sucedera na España de 1936, as democracias fixeron como os moniños eses: nin vían, nin falaban, nin escoitaban. (Imaxe da pintora inglesa Ruth Franklin)