6 oct 2008

Recuperar Gallicia
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo, 6-10-08)

Un bon amigo dime que esaxero ao insistir en que os portugueses ollan para o seu Norte e non ven alí Galicia. Hai uns cincuenta anos, o Porto ollou efectivamente para o Norte e achou que nós existiamos como pobo e como País, a iniciativa da Associação de Jornalistas e Homens de Letras daquela cidade. Foi cando abriron aló un comprido espazo público ao que chamaron Praça da Galiza, cunha considerábel escultura de Rosalía de Castro no centro. Por entón, Vigo, en reciprocidade, erixiu un modestísimo busto á memoria de Camões, neste caso co concurso da Asociación da Prensa da cidade galega, na Praza de Portugal. Tamén en Vigo hai unha rúa do Porto que até hai pouco tempo lucía unha boa lápida de mármore que alguén fixo desaparecer e que iría parar ao depósito de ladroízos vigueses onde tamén foi achantada a varanda do Náutico, a fonte luminosa da praza dos cabalos de Oliveira e outras valiosas pezas de ornato público. Perante o monumento a Rosalía non se fan actos no Porto e o de Camões apenas recibe unha ofrenda fría e oficialista no Día de Portugal.Despois de medio século de indiferencia, parece que en Portugal aparecen signos de que acolá saben como se chama a terra que hai e pobo que vive para aquí do Porque Nacional da Peneda-Gerês e do Río Miño. Un centro universitario privado de Vila Nova da Cerveira decidiu hai tempo recuperar o nome de Gallaecia porque os seus ilustrados promotores sabían ben que a Lusitania aquén do Douro era só unha antelequia ideolóxica e Gallaecia figura tamén nos nomes dalgunhas poucas entidades do Norte de Portugal, o cal é moi relevante. O aeroporto de Matosinhos, que nós vimos crecer, que nos vén servindo moi ben aos galegos do Sul nos últimos tempos e que hoxe recibe o nome de Sá Carneiro, tamén se decatou de que existimos. Somos, hoxe, ben visibeis no Sá Carneiro e loce alí un grande letreiro no que pode lerse: "Oporto (en versión castellana do topónimo), o aeroporto de tódolos galegos". No meeting point deste aeroporto hai unha moi clara indicación que di "Galiza" e que sinala ao lugar de onde parten os autobuses para o noso País.Hoxe son moitos os portugueses e os galegos que acreditan nas inmensas posibilidades que suporía unha activación efectiva da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, ou Eixo Atlántico. Mais non se apreza vontade política para dar pasos adiante nese sentido. Tense lanzado a idea de que tal Eixo debería recuperar o nome de Gallaecia. E por qué non o de Gallicia, tendo en conta que así lle chamaban ao noso reino común orixinal Venancio Fortunato, Martiño de Dume e Isidoro de Sevilla nos séculos VI e VII? Penso eu que a Nova Gallicia non pode ser só un buró parar xestionar axudas da UE, se é que vai haber máis favores para rexións transfronteirizas, senón un organismo vivo e actuante no que a vella torgueira galegoportuguesa poda facer abrochar gromos novos de civilización. E iso esixe unha conciencia cultural e histórica e unha determinación política que non dou visto por ningures no universo partidario vixente. Desde logo, no futuro parlamento do Hórreo deberían sentar verdadeiros partidarios de Gallicia. E tamén nos concellos, desde o Ortegal ao Miño.
O Casablanca e outras cousas

de Afonso Vázquez-Monxardín (LA Región 4-10-08)

LINGUA, NACIÓN, CRISE
Marcos Valcárcel (La Región, 6-10-08)

Da lingua. Sempre é oportuno debater sobre a situación do galego e a súa historia na evolución social deste país. Por iso estou a ler o traballo de María Pilar Freitas Juvino “A represión lingüística en Galiza no século XX” (Xerais). Nacido nunha tese de doutoramento, de certo o volume é máis unha historia da normalización do galego nese período que o que anuncia na portada. Quizais as páxinas máis valiosas do mesmo sexan as do capítulo III sobre a lexislación represiva e coutadora do idioma, constante dende 1902: hai aí achegas curiosas como a prohibición doutros idiomas fóra do castelán nas caixas de mistos. Escúlcase tamén con detalle no papel represivo da escola, na desgaleguización da Igrexa ou no desprezo da Real Academia Galega (“Academia del estrume” na peculiar definición dun dos seus críticos).
Tamén se revisa, con detalle, a memoria que quedou na nosa literatura desas políticas represivas: velaí o papel dos Seminarios, tan ben retratado en “Amigos sempre” de Alfonso Eiré. Noutros aspectos hai simplificacións que conviña matizar moito máis: un exemplo, non se pode despachar en dúas liñas de descualificación o que supuxo no seu momento o “Informe dramático sobre a lingua galega” (1973) de Xesús Alonso Montero.
Da nación. Xa escribín neste xornal, noutras ocasións, sobre a gran figura de Plácido Castro, galeguista que representou a Galicia na Sociedade de Nacións en 1933. Pois ben, o concello de Vigo decidiu colocar unha placa na rúa Reconquista co texto: “Aquí viviu desterrado Plácido Castro, a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como nación”. Pois xa a temos montada. A placa non se pode colocar pola oposición dun veciño do edificio á palabra “nación”. O que pasa é que iso foi o que fixo Plácido Castro e só consta como feito histórico: os galeguistas históricos chamábanlle “nación” ó noso país, non “rexión” nin outra fórmula calquera. Así son as cousas.

Da crise. Transcribo, do meu blog, a explicación que dá un asiduo, Lobo Neghro, sobre a xénese da crise económica. Cando menos é orixinal e divertida, e quizais non moi disparatada: “Na prensa recollen que a movida toda dos bancos e crise foi debida a persoeiros psicópatas. Xa sabíamos que son o un por cento da humanidade, o cal é unha brutalidade. Eu xa calculara que ese un por cento se concentra como un almíbar na política e alcanza o rango dun cinco á dez por cento, o cal fai que a actividade política de partidos sexa altamente perigosa, enfermiza, e ás veces insufrible. Seica estes persoeiros caracterizados por unha ausencia total de moral e unha incapacidade de distinguir entre o ben e o mal tamén se concentran en lugares de poder económico. Eu víaos en direccións de multinacionais, pero non pensara velos no temón da banca trapalleira. Para chegar aí teñen que ter unha intelixencia moi aguzada e capacidade de traballo, alén da falta de moral. Pola intelixencia, a psicopatía non ten tratamento, só teríamos que detectala. Difícil porque son auténticos encantadores de serpes.”