2 sept. 2007









A fráxil condición humana.

Andoliña martes 4 setembro

Nunhas cartas que mandou queimar á súa morte, decisión que non se levou a cabo, Teresa de Calcuta deitou reflexións relixiosas que evidencian as súas dúbidas de fe: xa en 1948 escribía a madre Teresa, premio Nobel da Paz: "Eu chamo, pero ninguén responde, ninguén a quen agarrarme, ninguén (...) Mesmo no máis fondo non hai nada, agás baleiro e escuridade (...) que esgazadura esta insospeitada dor, non teño fe". Hai corenta cartas deste ton que se recollen nun libro de próxima publicación. Por outra banda, Arthur Miller, un escritor que admiro por moitas razóns, ocultou durante anos que tiña un fillo con síndrome de Down: nin sequera o cita nas súas memorias e só se lembrou del á hora de facer o seu testamento. Son dúas novas recentes que nos desvelan as múltiples reviravoltas da condición humana.
Dúas novas que, dalgún xeito, nos ofrecen unha visión máis humanizada dalgúns grandes personaxes do noso tempo. E que, ademais, nos permiten reconciliarnos coas fraquezas ás que todo ser humano ten que pagar o seu óbolo: se ata eles o fixeron, que nos semellan figuras case xigantescas, como non imos padecer nós tamén, humildes humanos do común, miserias semellantes ou outras peores?