19 jun 2007

EN POLEIRO ALLEO

Chamarlle marimacho a una ministra (X.M. Sarille, ECG)

¿Cazo ou caldeiro? Velaí a cuestión (Afonso Monxardín, GH)

Psicoloxía do pacto (M.A. Fernán Vello, GH)

Centros galegos (Xulio Ríos, GH)
Trinta anos despois (Igrexa e franquismo)
Andoliña 19 xuño

O proceso de transición democrática que se abriu coas eleccións do 15 de xuño do 1977, hai agora trinta anos, non foi unívoco: houbo freadas e mesmo retrocesos. Hainos aínda hoxe. Por exemplo: os lectores/as lembrarán que un sector da Igrexa, mesmo da xerarquía, tivo problemas serios co franquismo. Monseñor Añoveros, bispo de Bilbao, estivo a punto de ser expulsado con Arias Navarro por unha homilía na que falaba dos dereitos non recoñecidos do pobo vasco. E o cardeal Tarancón acabou nas pintadas da ultradereita ("Tarancón ó paredón") por dicir cousas como que El-Rei debía ser o rei de "todos" os españois. Esta Igrexa do 77, cando menos en parte, estaba xa moi lonxe dos bispos que saudaban brazo en alto ó carón de Franco cando o ditador entraba nas catedrais: as fotos están en internet.
Hoxe a Igrexa está recuando e non se recoñece naquela imaxe de hai 30 anos. Antonio Cañizares, unha das máximas voces da xerarquía eclesiástica, desfacíase onte, nun xornal de Madrid, en gabanzas do xornalismo antisistema (Jimenez Losantos), afirmaba que en España só hai rexións e mesmo falaba das "Vascongadas": eu podo adiviñar o ton despectivo desa expresión tan dos tempos do ausente.