9 may. 2008




Hoxe pasei por Bar Cobas no Polígono e fixen as fotos do cadro de Miguel Carballo.
Comentada no Blog po XDC. A Sra, di o do Bar e a Nai do personaxe. Saúdos, Trebolle.



axenda: UXÍO NOVONEYRA,
conferencia a cargo de Luís González Tosar

Liceo de Ourense, venres 9, 20,15 h.
organiza Sección de Literatura do Liceo- Vicerretoría Campus Ourense
patrocinan Deputación Ourense - Universidade de Vigo (foto Trebolle)
en poleiro alleo: Luzes (EP 8 maio)

A. Reixa, Aqueles libros d'O Moucho
Neste ano a invocación a Xosé María Alvarez Blázquez ten moito, amais de ser ben xusta, de pedagoxía histórica. Entendo que Alvarez Blázquez trataba así de emular os tempos en que Aires d'a miña terra de Curros Enríquez e Cantares Gallegos de Rosalía foron verdadeiros supervendas e estaban en moitísimas casas galegas de finais do século XIX e principios do XX. Pasaron os anos de exilio interior e o azar quixo situar o domicilio do meu avó en Vigo moi preto da librería Almoneda que xestionaba ...

M. Rivas, O bipartito e o Contentamento Descontente
Nun dos seus sonetos de amor (Amor é fogo que arde sem se ver), Luis Vaz de Camões define así ese sentimento: "É un contentamento descontente". E non estaría o grandísimo vate de Os lusiadas a facer un prognóstico tamén do porvir das sociedades de farturento desacougo? O caso é que o espírito do soneto intimista coincide co que indican os resultados dos estudos de opinión verbo do ánimo colectivo nesta Europa que din da transmodernidade. E aínda poderíamos ir máis alá, ou aquén, no xogo dunha poética da historia. Cómo é o tempo que vivimos? É a época CD, a dun Contentamento Descontente.

Se o diagnóstico acae ben ao que chamamos Europa, no caso de Galicia semella nin feito de encarga. Que pensan os galegos do actual Goberno bipartito? Unha porcentaxe está contenta, outra descontenta, mais a maioría mantense nun ánimo de "contentamento descontente". Esa é a verdadeira maioría natural de Galicia. Por fin hai unha coincidencia de fondo entre a cultura popular e as elites gobernantes. Galicia non é un Estado de Malestar, nin tampouco o anhelado Estado de Benestar. É un Estado de Contentamento Descontente. (...)
en poleiro alleo (Galicia Hoxe 8 maio):

ROSEIRA DO TEU MENCER.
Andoliña venres 9 maio.
O mundo dos nenos aboiou a cotío nas letras galegas: desde Curros e Rosalía a Pimentel, se pensamos nos poetas clásicos, ou en Castelao e Filgueira Valverde, entre tantos outros narradores posibles. Miguel González Garcés dedicou ó seu fillo o libro “Poemas a Albertiño” (1970). Nesa liña inscríbese tamén “Roseira do teu mencer”, de Xosé María Álvarez Blázquez, escrito dende 1949 e publicado en 1950. O poemario naceu no escritor coa chegada ó mundo da súa primeira filla, María Luísa, á que os pais chamaban Colorín polas súas meixelas coloradas. Ese nacemento, di Darío Xohán Cabana, provocou unha enxurrada gozosa e terrible de poesía galega no escritor de Tui.
No seu estudo, o Darío defende con entusiasmo este libro, xunto con “Canle segredo”. Eu estou con el: hai nesas páxinas calidade e densidade lírica, ledicia e sabor popular, musicalidade e emoción, graza e levidade: “Era un airiño soave/ que se ergueu pola mañán/ e viña de non se sabe. /Era un recendo de rosas/ da roseira de ningures,/ que se meteu pola porta”. Mantense esa tenrura en poemas máis tardíos como “O neno” ou “Meu moneco”. Por si mesmos xustifican estes versos o 17-Maio: “Cada neno é o misterio/ que envolve a nosa vida”.