18 jun. 2007


DÚAS NOTAS SOBRE O 15-VI-77
La Región 18 xuño.

15 de xuño. As eleccións do 15-xuño-1977, conmemoradas nestes días, abriron unha nova etapa democrática na historia española sobre a que existe hoxe unha ampla e rigorosa bibliografía. A transición española mesmo se ten presentado como un modelo dentro do conxunto das transicións á democracia no mundo occidental, pero tampouco foi a única con éxito naquel momento (velaí Grecia ou Portugal). O tratamento mediático leva á simplificación e pode suceder que as novas xeracións vexan o fin do franquismo e a chegada á democracia como un conciliábulo dun reducido grupo de actores políticos. Por suposto, ninguén lle nega o seu papel a Adolfo Suárez, que encabezou o abano de reformistas comprometidos en autoliquidar a ditadura, nin tampouco o protagonismo do monarca ou das diversas forzas que se posicionaron na contorna internacional. Adóitase tamén subliñar o relevo dalgúns políticos antifranquistas (Santiago Carrillo dende o PCE) ou a moderación táctica dun movemento sindical que subordinou as súas estratexias á conquista da democracia.
Protagonismo popular. Todo o dito anteriormente non debe ocultar o protagonismo popular de centos de iniciativas, partidos, forzas sociais, que se organizaron contra a ditadura e marcaron dalgún xeito o ritmo dos cambios. Certo que moitas delas eran rupturistas e que o que logo saiu adiante foi un xeito de “reforma pactada” pero de amplas perspectivas: de feito, Javier Tusell fala dunha “ruptura por procedementos reformistas ou unha reforma tan fonda que fixo desaparecer radicalmente o reformado”. Os mesmos resultados das Eleccións do 15 de xuño de 1977, que nos situaron a todos no plano da realidade, ofrecen un mapa político non moi diverso do que xa se consolidara na Segunda República, feito este menos destacado. Así, as comunidades que votaron á esquerda na República fixérono tamén en 1977 polos socialistas e os comunistas. O centro reformista e a dereita (UCD e AP) tamén tiveron os seus mellores resultados nas zonas de predomino do centro e a dereita nos anos 30: velaí a memoria do pobo.
Algúns detalles. Dito isto e subliñada a lexitimidade daquel proceso electoral e reformista, tampouco sobra dicir que a UCD do 77 tivo a Televisión para ela soia e a maioría dos medios de comunicación, así como o respaldo dos poderes económicos e fácticos. Ou lembrar que a esquerda e o galeguismo tiveron que facelo todo dende os seus inicios: como crear medios de comunicación propios como a revista “Teima” (1976), por exemplo. Ou que moitos partidos á esquerda do PCE chegaron ás eleccións sen ser legalizados ou tiveron que acollerse a coalicións electorais para poder presentarse. Así lle sucedeu, por exemplo, á UPG creando xunto coa AN-PG a plataforma do Bloque Nacional-Popular Galego. Aínda en 1977, uns quince militantes da UPG eran (eramos) detidos na Praza do Toural e convidados a visitar os calabozos de Raxoi por querer vender na rúa o “Terra e Tempo”. Son “detalliños” menores estes: a letra pequena da historia.
CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL

1960: cUNQUEIRO, dEL RIEGO, mARTINEZ RISCO

1961: eSPLENDOR NA NARRATIVA

1962: lONGA NOITE DE PEDRA

Pois vai ter razón o amigo Arume: debín esquecer de colgar os artigos da serie CEN ANOS relativos a 1960, 1961 e 1962. Recupero agora sequera os textos, no apartado de comentarios (en Galicia Hoxe dixital xa non os vexo).
Polo demáis, se alguén quere clicar no apartado de Etiquetas (ó cabo destas liñas) encontrará os artigos ordenados, cara atrás, dende 1970 a 1950 (falta algún máis).
A serie empezou en 1906 e rematará, nuns meses, co 2006. Cando teña tempo (ben tan escaso) poñereille etiquetas a todos para que sexan accesibles dende aquí.