27 nov 2009

O furacán catalán
O presidente Montilla agradécelles á prensa e á sociedade civil o seu apoio á "iniciativa histórica" do editorial conxunto de doce xornais en defensa do Estatut
Galicia Hoxe, 27.11.2009


O presidente catalán, José Montilla, agradeceulles onte á prensa editada en Cataluña e a todas as entidades civís a súa adhesión ao editorial conxunto de apoio á constitucionalidade do Estatuto catalán, unha iniciativa de doce rotativos cataláns que definiu de "histórica". O xefe do Goberno catalán asegurou, nun comunicado, sentirse "identificado" no contido do texto editorial, que recibiu "con satisfacción".
O presidente catalán agradeceu a publicación deste texto conxunto "tanto polo seu simbolismo como porque reflicte perfectamente a ampla unidade que hai na sociedade catalá na defensa do Estatuto e da vía institucional para expresar os desexos e aspiracións do país".
O presidente catalán reiterou que tanto el mesmo como o Govern no seu conxunto están "comprometidos na defensa do pacto político que os cataláns ratificaron co seu voto". Así mesmo, Montilla afirmou que o xesto das empresas editoriais "supuxo un grande apoio na tarefa de facer chegar toda a voz e a vontade dos cidadáns de Cataluña".
Doce diarios cataláns publicaron onte un editorial conxunto en defensa do Estatut no que subliñan a expectación pola sentenza do Tribunal Constitucional (TC) e advirten: "Se é necesario a solidariedade catalá volverá articular a lexítima resposta dunha sociedade responsábel".
Os principais rotativos cataláns que se sumaron a esta iniciativa iné- dita son El Periódico, La Vanguardia, Avui, el Punt, Diari de Girona, Diari de Tarragona, Segre, La Mañana, Regió 7, El 9 Nou, Diari de Sabadell e Diari de Terrassa e a el adheríronse ao longo do día as tres emisoras de radio catalás, Catalunya Ràdio, Rac1 e COM Ràdio e innumerábeis colectivos. O final do día converteuse nun alude de apoios, non só de partidos, senón tamén de institucións civís e económicas, así como de medios de comunicación e incluso de miles de internautas en foros e grupos en Facebook.
A dignidade de Catalunya é o título do editorial conxunto no que se recorda que o TC leva tres anos de "lenta deliberación e de continuas escaramuzas tácticas que danaron a súa cohesión e erosionaron o seu prestixio". Recordan os rotativos cataláns que coa esperada sentenza sobre o Estatut será a primeira vez, desde 1977, que o alto tribunal se pronuncie sobre "unha lei fundamental referendada polos electores".
O TC "foi empuxado polos acontecementos a actuar como unha cuarta Cámara", segundo este editorial no que se recorda que dos doce maxistrados que compón o tribunal, "só 10 poderán emitir sentenza", xa que Pablo Pérez Tremps foi recusado e Roberto García-Calvo faleceu.
Ademais, subliña o artigo, dos dez xuíces, "catro seguen no cargo despois do vencemento do seu mandato, como consecuencia do sórdido desacordo entre o Goberno e a oposición".
Tras recordar os "puntos de fricción" do debate, como a definición de Cataluña como nación, o catalán e as relacións entre o Estado e a Generalitat, advirte de que "unha parte significativa do tribunal parece estar optando por posicións irredutíbeis".
"Hai quen volve soñar con cirurxías de ferro que cernen de raíz a complexidade española", asegúrase no artigo editorial.
Os rotativos consideran que coa sentenza do TC está en xogo "o espírito de 1977" que fixo posíbel a transición española e expresan o seu temor de que se estea preparando "un verdadeiro ferrollo institucional". Neste punto, recordan "un dos principios vertebrais do noso sistema xurídico, de raíz romana: Pacta sunt servanda. O pactado obriga".
Advirten da preocupación que hai en Cataluña sobre esta cuestión e afirman: "Hai unha crecente fartura por ter que soportar a mirada irada dos que seguen percibindo a identidade catalá (...) como o defecto de fabricación que lle impide a España alcanzar unha sonada e imposíbel uniformidade". "Non estamos, advirten os rotativos, ante unha sociedade débil, prostrada e disposta a asistir impasíbel ao menoscabo da súa dignidade".
AS DECLARACIÓNS
O PSC rexeita un cumio de líderes
O PSC rexeitou a proposta do líder de CIU, Artur Mas, de celebrar xa un cumio de líderes sen esperar á sentenza e aumentou na súa demanda a Mas de que renegue de pactar cun PP que é, na súa opinión, quen presiona ó TC e "agrede" a Cataluña. O secretario de organización do PSC, José Zaragoza, avalou o editorial publicado de forma conxunta por unha ducia de diarios con sede empresarial en Cataluña.
Para Lleida a sociedade é forte
O voceiro de CIU no Congreso, Josep Antoni Duran Lleida, cualificou de "exemplar e envexable" o editorial e advertiu de que a sociedade catalá non asistirá "impasible ó menoscabo da súa dignidade". Duran destacou que o editorial é "claro e respectuoso". "Non estamos ante unha sociedade débil disposta a asistir impasible ó menoscabo da súa dignidade", recalcou e pediu o "liderado" para Cataluña.
Carod-Rovira: "É un feito singular"
O vicepresidente da Generalitat, Josep Lluís Carod-Rovira, cualificou de "feito singular e positivo". "O editorial pide respecto para a libre opinión da sociedade catalá expresada libremente nas urnas e fai tamén unha reflexión xeneralizada dicindo que xa basta de segundo que tipo de situacións", engadiu o vicepresidente da Generalitat. "Celebro moito este editorial preventivo antes da sentenza do Tribunal Constitucional".
Ciutadans pide respecto ao TC
O PPC e Ciutadans non avalaron o editorial. A presidenta do PP catalán, Alícia Sánchez-Camacho, pediu "respecto" polos que, como os populares, queren un Estatuto catalán "plenamente constitucional", e recordou que "a dignidade dos cataláns pasa por solucionar a crise económica". Albert Rivera, presidente de Ciutadans, cualificou de "inaceptable" a "presión" e acusou a Generalitat e a CIU de "aproveitarse" dos xornais.
Os sindicatos aplauden a idea
Os sindicatos CCOO de Cataluña e USOC aplaudiron onte a iniciativa de doce diarios. CCOO alertou das "frustracións e incomprensións" que podería xerar unha sentenza negativa que recortase as competencias da principal lei catalá, provocando "aínda máis desafección entre a cidadanía e a política". O sindicato insta a non esperar a sentenza para despregar as súas potencialidades.


A nación sen cidadáns

José Carlos Bermejo recrea a historia de Galicia

e da humanidade nun libro no que reivindica unha cultura escrita verdadeira

Galicia Hoxe, 27.11.2009 M. DOPICO . SANTIAGO


"Galicia é unha patria sen pobo, unha nación sen cidadáns e unha cultura sen pensamento". O historiador José Carlos Bermejo Barrera comeza con esta frase tan provocadora un dos capítulos do seu libro Auténticas e verdadeiras historias nas que se conta como Galicia chegou a ser unha terra baldía e o que lle pasou á humanidade, que presentou onte na libraría Couceiro de Santiago.
Editada por Lóstrego, a obra, que o seu autor define como un "libro de filosofía", -ao xeito das sátiras filosóficas do século XVIII-, reivindica a reescritura da historia alén do discurso oficial, xa que, ao seu ver, "a cultura galega escrita está totalmente fóra da realidade. Toda a historia de Galicia é mentira. A historia e a filosofía caeron nun discuso baleiro, afastado da realidade".
Auténticas e verdadeiras historias presenta, así, un peculiar, irónico e metafórico percorrido pola historia de Galicia e da humanidade, alicerzado na crítica ao poder e na recuperación das voces dos excluídos: as putas e en xeral as mulleres, os mortos, os nenos...
Para iso, propón un xogo, no que feitos, anécdotas e documentos históricos reais, persoeiros da filosofía, mitos gregos, lendas, argumentos teolóxicos... se artellan nun relato non liñal, con elipses temporais, no que conviven personaxes que non foron contemporáneos como Platón e Nietzsche.
A historia arranca a partir dun extracto do Ora Marítima de Avieno sobre Oestrimnia, -Galicia-, o país abandonado polos seus habitantes tras ser invadido polas serpes. "É unha lenda, que foi moi común nos textos antiguos. Cuevillas colleuna dun historiador alemán, e defendeu que os oestrimnios foran os primeiros habitantes de Galicia... Se os oestrimnios tiveron que marchar por causa das serpes, os galegos verdadeiros estarían desaparecidos, entón toda a historia de Galicia que despois se escribiu sería mentira. Ese é o xogo", indicou.
O libro mantén un ton de burla, de sátira, que contén ademais a autocrítica. "Os "gramáticos" dos que falo son os intelectuais. Presento os filósofos como fetos..., e non porque non os respecte, senón como un xeito de reducilos a unha forma humana...", salienta. "A vida académica é un intercambio de honras, favores e beneficios", escribe. As mulleres son, na obra, as inventoras da cultura verdadeira que permanece agochada: dos nomes, das palabras con significado, as gardiás e lectoras secretas dos libros.
"Eu diría que é un libro feminista", sinala o autor, que achega unha curiosa revisión da metáfora do contrato social ben afastada das de Rousseau e Hobbes: os puteiros compiten para pagar as putas con alimentos, roupas e abelorios cada vez máis perfeccionados...
Bermejo ironiza sobre o minifundismo, o crecemento urbanístico descontrolado, o culto á gastronomía, a creación da historia do "gran morto" (Santiago) para unir o pobo polo menos de cara ao exterior, a redacción de leis que nunca se aplican, a construción de "edificios monumentais", pero "baleiros" -en referencia á Cidade da Cultura-, o desenvolvemento da moda a partir da procura dos ricos dun xeito de diferenciarse dos pobres...
Pero tamén fala de moitas das claves da historia da humanidade: a distinción que as comunidades humanas trazan entre o "nós" e os "outros", a creación das clases sociais, a invención da fe relixiosa, dos oficios e a división do traballo, do Estado, da familia, do dereito, dos exércitos e a industria armamentística, do capitalismo, a simbiose da cultura co poder...

A volta dos oestrimnios
Na presentación do libro onte en Compostela, Bermejo leu un texto no nome dos "oestrimnios". "Queriamos ter vivido aí, pero non puidemos, porque non podiamos vivir sen dignidade e sen esperanza", comeza a "mensaxe". "Pero non puido ser, porque cando falamos ninguén nos quixo escoitar. Durante séculos oíronse nos aires de Galicia millóns de palabras que non tiñan ningún significado. As palabras nunca deixaron de fluír. Quen as dicía non podía dicir nada, porque non tiñan nada que dicir. Con todo nunca deixaban de falar". "Como non podían falar de nada nin de ninguén, en realidade só podían falar de si mesmos. Eles falaban porque eran sabios, e por iso sabían cal era o xeito correcto de falar"... segue o texto.
O libro pode provocar o riso, ou polo menos o sorriso, nalgunha das súas 191 páxinas, aínda que o obxectivo do seu autor vai máis alá da diversión: é suscitar a reflexión. "Ríome, primeiro, de min mesmo, de nós os intelectuais", subliña.