30 mar 2008


Cen anos de historia cultural
1999: Libros para un final de século


Remataba o século XX cunha boa fornada de libros, sobre todo nos campos da narrativa, o ensaio e a investigación. Empezo o meu reconto polos mundos narrativos cunha serie de obras publicadas por Galaxia: As grandes carballeiras, de Xesús Manuel Valcárcel, novela que se definiu como fábula moral e novela que recupera a tradición céltica dos druídas e as lendas galegas; Os xenerais de África, de Vítor Vaqueiro, conxunto de dez relatos de forte tensión ética e estética; O mellor francés de Barcelona, relatos coa mellor ironía e vontade de estilo de Bieito Iglesias; Os fillos do río, nova entrega ourensá, poboada por seres marxinais, de Antón Risco; Alén da desventura, novela de intriga e aventuras de Xavier Alcalá; e Luz de abrente (Galaxia), novela entre a fantasía e a realidade de Tucho Calvo.
Da mesma quinta son Os séculos da lúa (Espiral Maior), novela concibida como un pentagrama, segundo o seu autor Xosé C. Caneiro; As plumas do moucho (Ir Indo), de Luis García Mañá, ambientada no Vigo da Segunda Guerra Mundial; Por tras dos meus ollos (Sotelo Blanco), de Nacho Taibo; Malaria sentimental (SB), relato de aventuras e acenos bélicos de Xavier Queipo; As irmás bastardas da ciencia (Laiovento), premio de narración curta Carvalho Calero, de José Luís Martínez Pereiro; e Hóspedes do medo (Embora), de Anxo Franco. Xavier Costa Clavell achegaba once narracións realistas en Lume esmorecido (Ir Indo) e Francisco X. Fernández Naval publicaba oito relatos baixo o título Historias roubadas (Everest).
En Edicións Xerais aparecían títulos como O desintegrista, na escrita innovadora e irónica de Xurxo Borrazás; Ollos de sal, de Anxos Romeo; O home de pau, quince relatos sobre o mundo urbano contemporáneo, de Xosé Neira Vilas; e Bailarina, novela de ciencia-ficción ambientada no século XXII, de Manuel Seixas. (...) (...)



Unha das novas culturais do ano foi a aparición en Edicións Xerais do Diccionario dos seres míticos galegos, preparado por Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda e ilustrado, e forma magnífica, polo debuxante cubano, hoxe xa falecido, Lázaro Enríquez. Magnífica obra de referencia da nosa cultura popular e do patrimonio oral dos devanceiros. Os mesmos autores e editorial puñan ademais en marcha esa marabilla que é a serie ‘Cabalo Buligán’. No campo da lingua e literatura galegas, Henrique Monteagudo daba a luz a súa Historia social da lingua galega (Galaxia) e saía xa unha segunda edición, en poucos meses, da Historia da lingua galega, de Ramón Mariño (SB). Edicións do Cumio, dirixida por Antón Mascato, publicaba o primeiro dicionario galego en cd-rom. En Xerais aparecían dous valiosos volumes sobre a nosa lingua: Lingua e ciencia, de Luís Daviña Facal , observacións atinadas sobre o uso da lingua na terminoloxía científica, e Os sons da lingua, dun equipo coordenado por Xosé Luís Regueira, como manual para aprendizaxe e perfeccionamento da pronunciación do idioma. Na mesma editorial saía A Cantiga de amigo, de Mercedes Brea e Pilar Lorenzo GradínRicardo Gurriarán achegaba unha valiosa biografía do poeta de Valdeorras Florencio Delgado Gurriarán (Castro), con atención á súa obra no exilio mexicano e ós seus poemas satíricos contra Franco. (...) (...)



Na Historia, o esforzo editorial era enorme. Dese ano son obras como A cidade medieval galega, síntese sobre a realidade do mundo urbano da nosa Idade Media a cargo de Anselmo López Carreira, na colección de monografías de A Nosa Terra; Prisciliano. Profeta contra o poder (A Nosa Terra), de Xosé Chao Rego, achega destacada ó mundo do priscilianismo medieval; A Galicia clásica e barroca (Galaxia), da historiadora Ofelia Rey Castelao; A lume manso (Galaxia), estudos sobre a alimentación en Galicia, de Xavier Castro; e Reflexiones sobre el arte rupestre de Galicia, de Xabier Costas e J.M. Hidalgo Cuñarro. Tamén títulos de temáticas máis próximas no tempo como un volume conmemorativo de CCOO dedicado á loita sindical viguesa (A forza da palabra); Os campesiños de Lavadores (ANT), de Isidro Román Lago; Moaña nos anos vermellos (1930-1937), de Xosé M. González e Xosé C. Villaverde (Castro); O nacionalismo na era tecnolóxica (Laiovento), do catalán Xavier Durán, análise das identidades culturais e nacionais dende unha perspectiva moderna. (...)(...)
75 fotos, primeiro reto da Ourensanía
En tres ou catro días Ourensanía. Fotos de Ourense xa chegou ás 75 imaxes. En moi pouco tempo penso duplicar esa primeira base documental.
Entre as máis interesantes está esta do fotógrafo Reza, sacada no Teatro Losada, nuns Xogos Florais dos anos 60. Otero Pedrayo facía de mantedor: velaí un dos seus acenos máis característicos.
Entre as últimas hai pezas artísticas e retratos de Siro López, Xaime Quessada, Manuel Figueiras, Blanco Torres, Méndez Ferrín, Losada Diéguez, Blanco Amor, Rey Soto, Prado Lameiro, etc. Tamén unha caricatura de Benito Losada, por Siro López.

A mentira de Hillary.
Andoliña martes 1 abril
O ser humano ten unha tendencia innata a esaxerar. E logo non o facemos na vida cotiá, día si e día tamén? O de esaxerar pode ata ser unha virtude: un guionista de cine ou un novelista deben saber forzar as situacións e a iso non lle chamamos mentira. Valorámolo como creatividade e exercicio de orixinalidade. Pero hai outro criterio cos políticos: aí está moi mal visto o de mentir e nas campañas electorais abusan dese insulto ata a saciedade: vostede mente!
Iso é o mesmo que lle din agora a Hillary Clinton, que contou que nunha viaxe a Bosnia en 1996 tivo que correr agachada no aeroporto para fuxir dos disparos dos francotiradores serbios. A precandidata demócrata quixo presumir de experta en conflitos internacionais, pero nos arquivos da CBS quedou unha gravación daquela xornada. E non foi así: recibírona con toda a pompa, ela toda relaxada, e unha nena leulle un poema de benvida. Iso foi o que pasou.
Tras disto, Hillary derrúbase nas enquisas: demasiada imaxinación! Dicía Alexander Pope que o que di unha mentira non se decata do traballo que emprende, pois ten que inventar outras mil para soster a primeira. E a Hillary, as que veñan logo, non llas van crer.