24 sept. 2008


Cerebro e medo.
Pan por pan martes 23

Un estudo de politólogos da Universidade de Nebraska seica relaciona a actitude política cunha estrutura cerebral. Segundo estes investigadores a xente que non se asusta doadamente defende o pacifismo, o control de armas, unha política tolerante coa inmigración e o apoio económico ó Terceiro Mundo. En cambio, os máis asustadizos apoiarían o patriotismo, o gasto en defensa, a guerra de Iraq e a pena de morte. Algo semellante indiquei eu neste recuncho noutra ocasión. É perigoso tomar estes traballos ó pé da letra e inferir unha base biolóxica nas condutas políticas. Pero tamén é lóxico que persoas optimistas, que cren na vida e na convivencia, saiban domear por igual os nosos medos internos e aqueloutros que nos queren impoñer. Os asustadizos, di o estudo, tamén están contra o matrimonio gai, a pornografía, o sexo preconxugal e o aborto. Mira ti que cousas!
Spanair, de X.M. Sarille

(...) Creo que se confirmou esa pulsión cando os medios de comunicación anunciaron que outro avión da mesma compañía realizara unha aterraxe forzosa. Estábase máis perto de atopar unha válvula para tanta impotencia. Mais todo o mundo sabe que nos países ricos os accidentes aéreos son excepcionais, e pouca xente sabe que as aterraxes preventivas son moi frecuentes, e que case nunca son noticia. Spanair puido converterse inmediatamente e de xeito arbitrario nunha ruína económica, porque ía prevalecer a idea de que é unha empresa perigosa. Non é que houbese unha estratexia calculada para arruinala, senón que o grande teatro da información, este descomunal simulador da realidade, ten vida propia, e nalgunhas ocasións crea monstros sen basearse na razón, aínda que case sempre os críe interesadamente e baseándose nela. (...)

En ECG. 23-9-08

Unha sentida evocación do val do Douro portugués.

Percorrín esas mesmas paisaxes hai uns poucos anos. Anxo Tarrío (a foto tamén é súa) contánolo no Galicia Hoxe.

Fobia á Memoria
Andoliña 24-9-08

A película de Cuerda, Os xirasoles cegos, resucitou un debate cultural que vén de vello. Refírome ás posicións que non xulgan a calidade da película, discutible como todo, senón a escolla dun tema relacionado coa guerra civil. Así, insisten algunhas voces no repetitivo da trama argumental, posición un tanto sorprendente. Primeiro, porque crítica e público recibiron ben historias sobre a guerra española como “Ay, Carmela”, de Saura; “As bicicletas non son para o verán”, de Chávarri; ou “A lingua das bolboretas”, de Cuerda e Rivas.
En segundo lugar, non é esa trama argumental a que define a oportunidade dunha película calquera. Cantas veces nos contaron a historia dos Estados Unidos no cine clásico a través do western? Cantas adaptacións literarias de Jane Austen e doutros autores nos levaron unha e outra vez ata o século XVIII en Inglaterra ou en Francia, en boas películas polo xeral? Ninguén protestou por iso. Así pois, a xenreira contra o subxénero da guerra civil só se entende se se pensa que a nosa historia máis achegada é secundaria e non merece ser levada ó cine. Ou, outra posible razón, se se padece unha curiosa fobia á Memoria.

Violencia
PAN POR PAN mércores 24 setembro

Hai menos dun ano, no instituto de Tuusula, perto de Helsinki, un mozo mataba a oito persoas antes de suicidarse. Onte mesmo, en Kauhajoki, outra pequena cidade finlandesa, repetíase o mesmo argumento: neste caso co asasinato de dez compañeiros. A nova sorprende sobre todo pola súa ubicación: Finlandia non está habituada a situacións violentas e os seus resultados educativos son os mellores en diversos estudos como o Informe Pisa. O tema, pois, é moi complexo: o que antes só pasaba nos Estados Unidos hoxe pode pasar en calquera lugar. É unha consecuencia tóxica da globalización: non hai fronteiras posibles nun mundo onde os autores destas macabras fazañas se ven a si mesmos como personaxes mediáticos que colgan as súas ameazas en Internet. Houbo épocas máis violentas na historia, pero daquela só as vítimas directas coñecían o horror. Non se invenrara aínda o Youtube.