Caricaturas a esgalla en Auria
(Andoliña martes 21 marzo)Está a se celebrar en Ourense a oitava Bienal da Caricatura, unha cita con moitos anos detrás, que naceu da man do Clube Alexandre Bóveda e que hoxe desenvolve a Casa da Xuventude. Nesta ocasión recupérase un artista histórico esquecido, o compostelán Lino G. Rubido, do que soubemos polo libreiro Xesús Couceiro; e figura como artista convidado o portugués André Carrilho. Toda a cidade acolle un amplo abano de caricaturas de todos os países e estilos.
A monográfica do autor galego está dedicada a Xaquín Marín, 50 anos en liña cunha mostra que leva meses percorrendo Galiza. Xaquín Marín, director do Museo de Humor de Fene, é un dos grandes do humor gráfico do país, xa o temos dito. Debuxaba xa nos tempos de La Codorniz e Hermano Lobo e ten paseado a súa obra por boa parte do mundo (México, Bretaña, etc). Coas súas imaxes podería facerse unha crónica abondo completa do que sucedeu na nosa terra desde hai cinco décadas. Como di o escritor Ramón Loureiro no texto que lle dedicou no catálogo da Bienal, cos seus deseños o artista ferrolán "fai mellores os días, a maxia dos seus debuxos e dos seus lenzos permite navegar entre as malas horas nunha barca de soños…"
No hay comentarios:
Publicar un comentario