30 mar. 2006



De verdade todos temos un prezo?
(Andoliña xoves 30 marzo)
"Moza, ti vales moito", "tanto tes, tanto vales", "todos temos un prezo", "hai lugares onde a vida non vale nada" e outras semellantes son expresións que se usan a cotío como se todo se puidese avaliar a prezos de mercado, incluídos no paquete os seres humanos. Pois ben, na tolería deste mundo ultracapitalista en que vivimos xa se pode saber "canto valemos": hai unha páxina web que che facilita un cuestionario de 40 preguntas no que tes que responder desde o teu estado físico e profesional ata os vicios que padeces ou datos tan relevantes como se tes estrabismo, moita peluxe no corpo ou se perdes pelo. Adiviñen qué se pregunta respecto ao tema xenital e outras perspectivas relacionadas co sexo: www.humanforsale.com.
En fin, segundo leo no suplemento cultural de La Vanguardia (por certo, para min un dos mellores da prensa do Estado), seica tamén conta para ben o ter sentido do humor, certa sensibilidade artística ou facer actividades benéficas e solidarias. Cubertas as citadas 40 cuestións, o programa da web dáche en segundos a posibilidade de saber o teu prezo exacto en dólares. Si, a min tamén me pica a curiosidade, pero eu non o vou cubrir: temo pola miña autoestima.
(Tomo prestada esta imaxe dun blog portugués: www.100-stress.blogspot.com)

4 comentarios:

Boedense dijo...

Xa me tentaches a descubrir canto vallo eu. Xa che comunicarei os resultados. Un saúdo.

torredebabel dijo...

Logo de ler este texto, pensei nas cousas máis importantes na miña vida. E -coma xa dixo Mastercard- esas non teñen prezo. Por sorte!!!!!!!

marcos valcarcel dijo...

Pois, efectivamente, a maioría das cousas que paga a pena facer na vida "non teñen prezo", Aínda que a industria do consumo fai todo o posíbel por vender e converter en mercancía ata o pracer máis sinxelo, como tomar o sol dando un paseo á beira dun río (cando descubran cómo, tamén cobrarán por isto). O que a min me sorprende, eu que son profesor no ensino medio, é a actitude dos mozos e mozas de hoxe: teñen moitos valores, sen dúbida, pero teñen xa ese consumismo e materialismo inserto case no seu ADN. De calquera tema que fales -profesións, futuro, capacidades intelectuais ou artísticas- o primeiro que xorde nas súas cabezas é ¿canto gañas? ¿iso está ben pagado? e cousas así. Desde logo, nos meus tempos, entre os 14 e os 19 anos (e máis, se queredes) non funcionabamos así. Quizais a vida profesional era máis doada, pero resulta desalentador ver ao estado en que chegamos...

torredebabel dijo...

Eu son profesora, tamén, pero na universidade. Claro que é a universidad máis grande da Arxentina pero, tamén claro, que non deixa de ser a Arxentina. E, coido que neste país que tantas veces caiu e volveu a caer, os xovens van -cada vez máis- deixando de lado o medo ao porvir. Moitos estudaban economía ou querían ser avogados, e logo -ainda así- o país deixávaos fora do sistema. Entón, dende fai 10 anos, os xovens van procurando carreiras que lles gusten, non tanto que lles prometan un bo futuro. Ten un lado fermoso que é o vinculado á vocación. E ten un lado terrible que é o que fala do terceiro mundo... cousas desta vida.