22 mar. 2006


Franco, honoris causa: nós xa llo quitamos
Veño de asinar na web que promove a campaña para quitarlle o doutorando honoris causa concedido ao dictador no ano 1965 (www.cansendono.net). Contan en Vieiros que seica non hai regulamentos nisto dos honoris causa e vai ser difícil quitarllo: pois, é igual, apetecíame asinar, e ademais os cidadáns xa lle quitamos hai moito tempo ao vello todas as súas distincións. No 65 eu tiña sete anos e non sabía destas cousas pero agora podo opinar, non?
Lembran tamén en Vieiros que en 1965 aínda ecoaban as protestas internacionais, tras as execucións de Grimau, Delgado e Granados. Malia todo, o entón reitor da USC, Ángel Jorge Echeverri, recoñeceulle a Franco "elementos esenciais como son a fe, a esperanza e a caridade", chegando a exclamar "¡Que belas accións ten realizado o noso doutorando!". Poderíase publicar un tomo ben gordo só cos ditirambos dirixidos ao dictador por moitos escritores e poetas (tamén algúns galegos, como estudou Alonso Montero).
O único ditirambo que merece Franco é algún dos moitos que lle dedicou o poeta Delgado Gurriarán; por exemplo:
"Franco, Franquiño/ piquirrichiño,/ refugallo de homes,/ selso de feixismo./ Alacrán con mando,/ sapo con estrelas,/ arañón con cruces,/ cobra pezoñenta./ Franco, Franquiño/ piquirrichiño:/ nas nádegas de Hitler/ puxeche o fouciño./ E o "duce" da Italia/ tamén llas bicache,/ pra que te fixeran/ o que ti soñache".
Por certo, tal como lembra o debuxo de Seoane en "Trece estampas de la traición", Franco e a Igrexa católica española servíronse mutuamente, durante moitas décadas, para os seus propios fins: cando é que vai pedir perdón a Igrexa española por esta criminal complicidade, como debera facer unha institución cristiá?

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Franco, Franco... Francamente, non recordo quen era ese tipo...
Ah!!!. ¿non era un que escribía filosofía nas paredes de Santiago?... Si. Franco del Carro. ¿Lembrades?

A min sempre me pareceu encantador e un xenio. (Debeu ser anarquista de novo) ¿Alguén recollería aquela arte efémera? Que bo libro de filosofía e teoría do caos daría!

Outro Franco interesante era un aviador, masón, xogador, mulleireiro, simpático que seica tiña un irmán medio parvo, moi túzaro e burro. Por iso é mellor lembrar a Franco del Carro ou o aviador que fixo sentir aos galegos orgullo de selo na Arxentina de comezos de século.

E o do honoris causa? Pois as dannatio memoria non valen para nada. Mellor a terra, ou a lousa que ten alá preto de Madrid.
Que lle dean!!! Ou que lle dean dúas ou tres condecoracións máis -que máis ten- ou o brazo incorrupto do rei das Tartas.
Ademais tiña faltas de ortografía.

Anónimo político-cultural dijo...

Eu tamén asinei.

acedre dijo...

Non sabia eu dese poema de Delgado Gurriaran. E para cando sera o dia das letras galegas adicado a el (non a Franco, claro) ?.
Un saudo.

marcos valcarcel dijo...

Pois de todos os nomes que saen cada ano como posíbeis candidatos arredor do Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán é un dos que máis o merece, sen dúbida. Non só pola súa poesía satírica-política, senón polo seu compromiso co país, o conxunto da súa obra (un gran poeta, o poeta dos nosos viños, entre outras cousas), o seu labor no exilio (Vieiros,etc.). En Valdeorras houbo unha campaña ao seu favor e xa tiñan apoios significativos, incluído Casares, pero este morreu naquel ano. En fin, esperemos que a RAG se acorde canto antes del... Se a Acedre lle interesa pode acudir ao Cancioneiro da Loita Galega ou a ampla e rigorosa biografía que lle dedicou Ricardo Gurriarán e encontrará moitos máis poemas antifranquistas. Saúdos.

Anónimo dijo...

Eu tamén asinei. Iniciativas como a de cansendono son necesarias para non esquecer nosa historia. O que me chamou a atención foi a data tan tardía en que lle concederon a ese asasino o doutorado. Saude e memoria