16 mar. 2006


Santiago Carrillo: "Cando tiña 5 anos, en Asturias, e non tiña conciencia política, cando me chamaban galego, sentíame insultado".
Estivo Carrillo en Auria, convidado polo Foro La Región. O salón de Caixanova a sobardar de xente, a metade tivo que quedar fóra. Un militante de IU ao meu carón, todo cabreado: logo nas eleccións non sacamos nin 400 votos, nin nos votan os que están aquí. Cousas da sociedade mediática, sen dúbida. O público era moi diverso, por idades (bastante xente nova, cousa rara nestes actos) e por ideoloxías (cargos políticos do PSOE, antigos militantes de esquerda revolucionaria, cadros nacionalistas da CIG, incluído o líder provincial Etelvino Blanco; ninguén coñecido do PP).
Carrillo falou da situación política actual. Non dixo grandes cousas novas, pero o público respostou con entusiasmo e aplausos convencidos, como nos touros. Fala sosegado, de vagariño, moi seguro do que di. Dálle moita caña ao PP, á xerarquía eclesiástica e sobre todo a Aznar: faino a el en persoa responsábel de romper o consenso e o clima democrático dende a aperta das Azores e a guerra de Iraq. Defende nidiamente que España é un Estado plurinacional e así debe ser recoñecido: di que no espírito da Constitución é o mesmo falar de nacións que de nacionalidades.
Tamén foi moi contundente na defensa de Cataluña contra todos os estereotipos e os ataques da dereita e de parte dos baróns autonómicos socialistas (é Cataluña a que aporta financiación extra ao resto do Estado e non ao revés, como se nos quere dicir). Fala contra os prexuízos e lembra a imaxe que tiñan os galegos non hai moitos anos: humildes, pobres, avaros... El mesmo en Asturias de neno, con cinco anos e sen conciencia política, lembra: "cuando me llamaban gallego, me sentía insultado, así era en aquellos tiempos". Fai fincapé na necesidade de recoñecer esa pluralidade nacional e as diferentes forzas políticas que a representan: os nacionalismos periféricos. Engade: algúns baróns do PSOE están tolos cando falan de cambiar a lei para eliminar do Parlamento os nacionalismos periféricos, existen e deben estar aí.
Defende a Zapatero nas súas políticas con ETA e aposta por "Paz por presos", así de claro. Ata semella sentir certa nostalxia por Fraga, di que cando menos tiña máis "sentido político" que a maioría dos que hoxe dirixen o PP, a dereita que califica de antidemocrática. Ante unha pregunta no coloquio, tamén defende a liberdade de expresión para todos, incluso para personaxes como Pío Moa ou César Vidal, demagogos con carisma de historiadores: "para min só son uns golfos" di Carrillo e engade que sempre estivo convencido de que Pío Moa era un confidente da policía de Conesa no Grapo. (Na imaxe, Carrillo cando novo).

2 comentarios:

Anónimo político dijo...

Santiago Carrillo está feito un chaval. Dá gusto velo a súa idade, pletórico de facultades e aínda fumando. Que sexa por moitos anos, don Santiago.

marcos valcarcel dijo...

É un home que, co peso dos anos, adquiriu unha maior presenza simbólica (e non só polo 23 F) e que está sabendo xestionar moi ben a súa independencia política, sen renunciar a súa ideoloxía (a esquerda democrática): onte mesmo afirmou que non tiña ningún carné e fala desde esa independencia cun maior grao de comprensión doutras realidades políticas diferentes (como os nacionalismos periféricos). O mesmo lle sucede a Herrero de Miñón, no campo da dereita, como ben coñecen os que os escoiten (eu só de cando en vez) na cadea SER.