29 abr. 2006


BLANCO TORRES, UNAMUNO, AS LINGUAS
(Andoliña sábado 29 abril)
A tantos anos de distancia, sorprende a actualidade dalgúns debates con moitas décadas de historia. Leo no xornal “A Nosa Terra”, aló por 1919, esta cita contra o uniformismo centralista: “Unamuno di que xa se crebou a unidade. Non. A unidade está rota fai tempo, pro era unha rotura pasiva, que agora trócase nunha actividade que fará forte e fecunda a crebadura. ¿Dende cando houbo realmente en Hespaña unha unidade espritoal, de intereses ou de calquera outro xeito?”. A cita pertence a un xove escritor galego, 28 anos daquela, Roberto Blanco Torres, que pagaría logo coa súa vida o seu compromiso co país. E aínda non profetizara Jiménez Losantos a súa “quiebra de España”.
De Blanco Torres tense escrito que hai un aceno unamuniano na súa poesía. E escribíalle ao autor bilbaíno con respecto e admiración, como amosou nun estudo Alexandre Rodríguez Guerra. Como lle escribían tamén Blanco Amor e Otero Pedrayo e outros intelectuais galegos. Pero Unamuno, que merece ese recoñecemento noutras cousas, equivocábase nisto. Nos seus discursos nas Cortes, en 1932, opúxose á cooficialidade do catalán e ao seu uso na Universidade. Os ventos sopran hoxe noutra dirección, cando menos en Cataluña. (Imaxe: a caricatura de Unamuno feita por Álvaro Cebreiro, firmante do manifesto Máis Alá).

2 comentarios:

náufrago dijo...

Mais aínda que os ventos sopren noutra dirección, a virulencia dos ataques ( Losantos e moita xente pola blogosfera ) seguen sendo igual de duros. Son moitos os que non aceptan a diversidade e, ademais, disfrázanse de liberais. Pero só é liberdade para eles. Saúdos.

Anónimo político-cultural dijo...

Unamuno era unha boa persoa e un gran intelectual, pero, froito da súa época, era incapaz de comprender o pluralismo da realidade española.
O seu inmenso valor en contradicir aos insurrectos no célebre acto de Salamanca, enfrontándose a Millán Astray e toda a realea lexionaria e falanxista, pasará aos anais da dignidade universal.