18 abr 2006


E ao César o que é do César
(Andoliña martes 18 abril)
Hai xa uns cantos anos, nestas datas, paseaba eu pola fermosa vila de Allariz coa miña familia. Encontreime entón ao alcalde daquela vila, hoxe vicepresidente da Xunta, presidindo todo circunspecto unha procesión. Non era o único cargo do Bloque que o facía: había máis país adiante. O pasado domingo repetiuse a escena co alcalde da miña cidade e outros catro concelleiros á fronte dunha cerimonia semellante: neste caso no ambiente aboiaba unha certa polémica porque antes o bispo de Ourense publicara unha dura filípica contra este alcalde por oficiar o primeiro matrimonio gai dun cargo do Partido Popular en España. O bispo está no seu dereito a ditar normas para os seus fieis. Os que están descolocados, en ámbolos dous casos, son os representantes dun Estado aconfesional (artigo 14. 3 da Constitución) que nada pintan, creo eu, á fronte dun ritual sacralizado.
Se queren asistir como católicos, por suposto están no seu dereito pero que o fagan co conxunto dos crentes e non encabezando a procesión rodeados de maceiros. Sobre todo por aquilo que está nas escrituras como consello do mesmo Xesús que celebran os católicos: “Dar a Deus o que é de Deus e ao César o que é do César”. (Imaxe de Burne-Jones)

4 comentarios:

Veloso dijo...

Estou totalmente dacordo con vostede. Neste caso, cómpre salientar a dignidade e a coherencia que adoita manter, por exemplo, o alcalde de Pontevedra. Xa non só é cuestión de respectar os principios do estado aconfesional. Creo que a presenza "institucional" de cargos públicos nas procesións é unha falla de respecto á devoción e ao sentimento relixioso dos crentes que asisten por propia vontade. Un cordial saúdo.

Anónimo dijo...

É unha vergoña ver cómo políticos que se din nacionalistas e de esquerdas non teñen reparo, so pretexto dun mal entendido pragmatismo, en acodir como peleles ás procesións relixiosas, con esa ridícula e finxida circunspección.
Ese era o caso de Quintana en Allariz, Pérez Castrillo en Vigo ou Encarna Otero en Santiago, entre outros. Esta actitude servil, ridícula e oportunista, contrasta coa dignidade de Lores en Pontevedra, a quen hai que felicitar pola súa coherencia.

No fondo, o problema radica na indefinición do nacionalismo galego en tantas cousas, indefinición que fai posible que se poidan desenvolver no seu seo actitudes tan disímiles e contraditorias.
Co conto de que o BNG é unha fronte ampla, pásase de “puntillas” sobre asuntos que son fundamentais hoxe para a definición dunha política realmente progresista, que só pode ir intimamente unida ao laicismo (enténdase: non ao anticlericalismo).

Neste sentido, non é nada anecdótico que o BNG sexa moi morno á hora de manifestarse como republicano.
Na práctica, a ausencia de avaliación da idea de República non só se reflicte no típico accidentalismo verbo da forma de Estado, senón sobre todo na carencia e nula propagación dos VALORES REPUBLICANOS por parte do nacionalismo galego actual.
Seica van a expulsar a un militante do BNG do Ferrol por acodir a unha manifestación coa bandeira republicana. En troques, Anxo Quintana é vicepresidente, Castrillo asesor deste e Encarna Otero alto cargo da Consellería de Vivenda.

A conclusión semella clara: se vostede quere medrar e ter un futuro político no BNG, acoda ás manifestacións relixiosas con cara circunspecta. E se o pode completar con casar pola igrexa, bautizar os fillos e facerlles a primeira comuñón, mellor que mellor.

Viva o nacional(popular)-catolicismo galego!!!

Anónimo dijo...

Obvio é dicir que o laicismo é un valor republicano.

Anónimo dijo...

Moito se presionou co tema da igualdade de xénero que parece que nin se lle poden facer as beiras a unha moza -algunha xa se me ten queixado desta distancia políticamente correcta- para que poucas persoas se aclaren coa necesidade do laicismo radical á francesa.
Aínda onte pensei nisto nun funeral ao que me cadrou asistir. Temos xa vodas civís... pero non temos funerais civís, como algo normalizado. Hai que ir construíndo unha sociedade laica sen contemplacións. Se non hai máis remedio que prestarlles as instalacións dos institutos para as clases de Relixión, fagamos non esa trangallada que é Estudo Alternativo, senón unha materia de "laicismo" na que se faga a gabanza do mundo laico como sinónimo de progreso, como ben podemos ver. A Yihad, as cruzadas, os sacrificios humanos dos Aztecas,
os asasinatos relixiosos na India, a morte das bruxas de Salem, os asasinatos de onte en Tel Aviv, se cadra a invasión de Irak ditada por deus a Bush, seica di il, todo é teismo radical. O laicismo é o progreso.
Poñamos incluso as vacacións de primavera en data fixa, e que caian as Pascuas altas ou baixas.
O mundo laico, este mundo laico que naceu no seo do cristianismo ocidental, é o pai e a nai do progreso. Punto.
¿O BNG sorprende aínda a algúen?
Cumpría o cuarto pé para o banco da política galega, pero ese é outro conto