7 abr 2006


Homenaxe a Julio Losada
(Andoliña 7 abril)

Hoxe é o día de Julio Losada en Ourense. Coñecido ourensán propietario do Café Miño, home liberal e progresista, axudou a refuxiados republicanos na Guerra Civil e foi durante moitos anos o centro de moitas tertulias no Liceo.

Julio Losada vai ser homenaxeado pola Asociación de Amigos da República da cidade. Quizais fóra do marco ourensán moitos non o coñezan, pero quero lembrarlles que foi tamén amigo fiel e confidente de Carlos Casares: nas súas columnas Carlos relembraba acotío a fonte inesgotable de anécdotas e lembranzas doutro tempo que Julio repartiu sempre con xenerosidade.
Os promotores deste acto queren así simbolizar o papel das persoas que cos seus actos e o seu exemplo transmitiron uns principios de compromiso e resistencia fronte ao réxime franquista. Antes houbo outros recoñecementos: o galeguista Luís Taboada, Camilo de Dios (en nome dos maquis galegos), os veciños de Cambedo, o pobo castigado da raia portuguesa, ou o vello militante comunista Clemente Jiménez, entre outros. Julio Losada convértese así, con esta merecida homenaxe, nun novo fío da memoria. Desa memoria que quixeron, con todo o seu pulo, enterrar coas armas e coa propaganda. Pero fracasaron.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Este non foi o da despedida de Celso Emilio?

Marcos Valcárcel López dijo...

Non teño datos ao respecto, se tivo que ver nese acto: haberá que preguntarlle. Polo que eu sei, a despedida de Celso Emilio estivo organizada basicamente polo PCG (Alonso Montero) e pola UPG da época (Méndez Ferrín). Viven aínda moitos dos protagonistas daquel acto, de forte simbolismo para o seu momento. Habería que estudialo a fondo e rexistrar o que quedou na prensa, quen asistiu e todo iso...

Anónimo dijo...

Digoo porque o acto celebrouse no Miño, non? Falo de oídas, eh.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para usuario anónimo e para todos os que poidan interesar este tema: Pois non, a homenaxe-despedida a Celso Emilio fíxose o domingo 15 de maio de 1966 no HOTEL ROMA de Ourense. Participaron no xantar 250 comisións e recibíronse 1250 adhesións de Europa e América. Léronse pòemas e Manuel María propuxo que o homenaxeado fose nomeado académico de número da RAG. Antón Tovar abriu os discursos nos que participaron Ferrín, Emilio Álvarez Blázquez, Xosé María Castrovijo, Alonso Montero, Blanco Amor e o mantedor do acto, Luís Soto Fdez. No lugar de honra Otero pronunciou unhas palabras e criticou o "feudalismo hidroeléctrico de FENOSA": estaban presentes seica algúns labregos de Castrelo de Miño que loitaban contra a expropiación do val. Creo que tamén tivo algo que ver na organización do acto o avogado AMADEO VARELA, un nome vencellado entón á UPG e á revista Vieiros, de México.

Anónimo dijo...

Parabens a Don Xulio. O Casares surrirá dende onde estea, seguro. Pra recabar datos daquel acto de despedida ó CEF, pódeselle preguntar -amáis dós indicados- ó doutor Santiago Lamas que está máis a man e ten moi boa memoria, seguro que il recorda moitos pormenores. Outros limitámonos a recordar o Hotel Roma, o que non é pouco.