12 abr 2006


A MINORÍA CATÓLICA EN ESPAÑA
(Andoliña mércores 12 abril)
A Igrexa católica está en caída libre: é a institución menos digna de aprecio para os mozos, que só se declaran católicos no 49 por cento (antes era o 77). E o número de practicantes redúcese ata o 10 por cento: por isto escribía estes días Reyes Mate nun xornal catalán que os católicos son xa unha minoría en España. A socioloxía di que estamos máis preto da laica Francia que da Polonia ultracatólica. Pero con certas diferenzas: en Francia os católicos, como minoría, aprenderon a argumentar e facer ofertas cualificadas. En España a xerarquía eclesiástica obvia esta realidade e segue a actuar, di o propio Reyes Mate, como se os católicos fosen aínda a maioría da sociedade.
Velaí ao cardenal de Madrid repetindo a propósito da Lei Orgánica de Educación (LOE) que o Estado debe aterse a unha orde natural que só sabe interpretar correctamente a Igrexa. Ou o documento publicado onte polos bispos cos máis rancios prexuízos de moral do vello nacional-catolicismo con naftalina. O discurso da cúpula eclesiástica necesita unha fonda renovación ideolóxica: situarse no tempo en que vivimos, xusto o contrario do que se está a facer. Unha renovación que, se tarda moito, quizais xa non chegue nin a tempo.
(Imaxe: Virxilio, Os contemplativos, 1988)

4 comentarios:

Anónimo dijo...

O mesmo discurso rancio de sempre por parte da Igrexa. Chegarán a formar un guetto os católicos practicantes. Saúdos

Anónimo dijo...

Si, si, todo o que se queira. Pero mentres haxa tanto "progre" que coa boca grande (o que se di) vai de laico, e coa boca pequena (o que se fai: o que de verdade importa) lle fai o caldo á Igrexa con vodas, bautizos e demais submisións, nunca teremos unha sociedade realmente laica.
Porque, amigo Marcos, cantos coñecidos e amigos seus teñen pasado polo aro católico? Non mo diga, que xa o sei: bastantes!

Marcos Valcárcel López dijo...

Ten toda a razón o anónimo cultural, aínda que creo que eu mesmo fun abondo coherente neste aspecto: voda só polo civil (hai bastantes anos) e tampouco cedín a ningunha influencia relixiosa sobre a miña filla: nin bautizo, nin primeira comunión, nin clase de relixión, nin nada semellante (quizais noutras familias hai máis presións, pode ser, pero tamén hai máis desexo de "pasar polo aro"). Se non se constrúe unha ética civil, coherente e colectiva, asumida por todos, todo o demáis é fume de palla, desde logo...

Anónimo dijo...

Polos datos que teño de vostede, sei que foi e é absolutamente coherente nisto de non pasar polo aro católico. E eu tamén teño sido e son igualmente coherente neste aspecto.

Por outra banda, creo que iso da presión familiar é unha desculpa de medio pelo. Acaso vostede non tivo algunha presión e foi quen de superala? Eu tamén tiven presións familiares e non lles fixen caso.

Porque imos ver: somos menores de idade ou maiores con dignidade e goberno?
Pois se somos maiores non podemos baixar a cerviz e despois ir pola vida coa cabeza alta. O que é incoherente que se foda: é incoherente... e punto.
Que non veña despois coas típicas desculpas (é que a familia da miña muller, é que a miña nai, é que non sei qué, ...). Nada de nada.

Vostede o di con claridade: se non construímos (e se non asumimos individualmente) unha ética civil laica, todo o demais é fume de palla.