9 may 2006


Da presenza galega en América, hoxe

Afonso Vázquez Monxardín fala no seu Camiño do Vao de hoxe (galicia hoxe) da presenza galega en América, da súa diversidade ideolóxica, do seu aproveitamento electoral ata o presente e dalgunhas posíbeis medidas a tomar para revitalizar aquel mundo. Velaí o remate do seu artigo:
E sobre o panorama da diversidade ideolóxica que existía, e cunhas crecentes necesidades comúns por envellecemento de poboación e decaemento económico do país de acollida, as forzas políticas españolas -e galegas, por suposto- foron incapaces de deseñar entre todas unha auténtica política de estado sobre o tema emigratorio (asistencia, nacionalidade, cultura, etc.) e xogouse con eles só no tema electoral, tentando todas as forzas arrecadar os seus votos, e impóndolles unha responsabilidade absolutamente inxusta e desproporcionada, a través da obriga de tomar decisións políticas sobre os niveis locais, autonómicos e estatais, dun país que deixaran había décadas e que apenas coñecían na súa realidade actual.
Ata o momento de hoxe, os sucesivos gobernos galegos, apoiáronse alá en quen os apoiaba, e, certamente, naquelas oficinas era difícil establecer separacións entre funcións administrativas e políticas, de xeito que parecía que só uns monopolizaban o contacto coa administración galega.
O ideal sería que o novo goberno galego non cambiase de "socios" senón de política. A Xunta de Galicia podía comprar, por exemplo, o antigo Centro Ourensán -enfronte do Centro Galego e con grande carga simbólica- e facer unha oficina de representación política institucional en terreo neutral, de actuación administrativa, de información económica, turística, de centro de exposicións, de recepcións, de estancia de viaxeiros da administración galega, etc. e que, xunto cun pequeno núcleo de funcionarios de aquí, promovese a execución de políticas deseñadas co máximo consenso a ambas beiras do mar, entre as sociedades, dándolle preferencia, obviamente, ás máis representativas. Cómpre proxectar máis Galicia e menos interese electoral. ¿Será posible? (
Imaxe do pintor Sucasas)

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi interesantes sempre os artigos do señor Monxardín. Escribe ben, pero coido que debía aprender a puntuar mellor.

torredebabel dijo...

Máis alá da puntuación, penso que os contidos deste artigo falan dunha mirada intelixente e crúa sobre a colectividade galega en Bos Aires (que non é o mesmo que en América ou que na Arxentina). Coido que neste tipo de razons é que se poden atopar as causas de que a meirande parte dos galegos e os seus descendentes non participen na colectividade hoxe e que, eses mesmos partidos políticos, vexan a sangría (non coñezo a palabra galega) de afiliados e simpatizantes e non teñan os -necesarios para a supervivenza- xovens militantes. Un problema de todas as forzas galegas na diáspora porteña.

Anónimo dijo...

Miña querida Torre de Babel...
Ese recambio xeracional non se fixo... e xa é tarde.Creo.
Cando a finais dos cincuenta Blanco Amor xogaba ao teatro cos fillos non xa dos galegos senón dos galeguitas, alá no Centro Lucense da Av. Belgrano, cando Pepe Neira e Anisa montaban Follas Novas, cando se organizaba AGUEA e despois a Asociación de Fillos de galegos...
Cando todo aquilo existiu como solpor dun tempo, era posible facer un recambio pero non se deu feito... Nin os galegos das sociedades deixaron aos máis novos asumir responsabilidades verdaderias, nin a Arxentina ofrecía posibilidades de desenvolvemento profesional. ¿A presenza galega, para integrar aos mozos desacougados, eran os pic-nics do domingo ao son das gaitas nos terreos beira do Río de Olivos ou o Tigre? ...
Daquela os mozos, con bastante lóxica, escaparon. Non tiñan oco. Carlos Abraira marcha a USA, onde triunfa e hoxe vive beira do mar en Florida... o chorado Ricardo Palmás a Londrés, triunfa, percorre Europa e morre... Pepe Neira e Anisia, a Cuba; veñen algúns mozos a Galicia (Manuel Meira, Antón Santamriña...)voltan moitos vellos exiliados e emigrantes (Blanco Amor, sempre tan próximo á mocidade, Isaac Díaz Pardo, Seoane...).
E os vellos expatriados dos anos vinte, todo amor e vontade de construción de país, como Bieito Cupeiro, como Fernando Iglesias Tacholas, como Ricardo Flores, como Bieito Abraira... seguiron sendo "útiles" naquelas sociedades como o nacido "Galicia" ou o "Centro Galego" para celebrar cada vez festividades máis rituais no Teatro Castelao... ata finais dos anos 80 en que acaban de morrer.
Pero hai unha esperanza. Vós, os netos, máis preto de nós polo Ciberespazo, máis achegados á nosa realidade cotiá pola TVG e TVE, vós que ledes os xornais galegos na rede e os nosos blogs... tedes a palabra.
A Galicia da ciencia, da historia e da reconstrución política necesita o concurso dos nosos "irish americans", dos "galaico-arxentinos" que sen amando a Cruz do Sur, saiban ter un oco no corazón para as estrelas, as néboas e as ondas dos nosos mares do norte.
Graciñas por tender esta ponte cotiá connosco, Torre de babel.

Anónimo dijo...

Francamente: o señor Monxardín, e outros galegos e aquí e acolá, teñen un coñecemento moi acaído da realidade dos nosos emigrantes, dos seus fillos e os seus netos.

El non sería posible que, desde algún organismo ou departamento dalgunha consellería, formar unha sorte "consello asesor" que subministrase claros criterios de actuación na Galicia de alén mar por parte das nosas autoridades?

É unha proposta disparatada? Non creo.

Anónimo dijo...

Un "consello asesor" que fuxa do estreito partidismo curtopracista, formado por xente con ideas e coñecementos claros, sen cuotas partidarias nin nada polo estilo, e que fose quen de establecer directrices claras.

Xentes como o señor Monxardín, a autora do blog "Fíos invisibles" e outros, son, serían, imprescindibles en tal "consello asesor".

Solicito comentarios ao respecto desta idea. Graciñas.

Anónimo dijo...

Así como hai un Consello da Cultura Galega, non podería haber un "Consello da Emigración Galega" que dese directrices á Xunta?

Claro que para iso habería que fuxir de "representacións burocratizadas" e outras lindezas. Pouca xente, pero moi escolleita, con gañas de traballar, razonablemente financiada, con criterios operativos, etc.

A concreción desta idea non é nada fácil, pero podería intentarse.

torredebabel dijo...

Tivemos nós, na Arxentina, un presidente moi amado e igualmente odiado que decía: "Se vostede quere que non pase nada con algún asunto, simplemente forme unha comisión". Moitos grupos téñense formado para facer cousas que logo (no meior caso) non fan ou que sí fan pero mal ou para ganar votos e só para iso. Eu -seguramente polo lugar onde nacín e onde vivo- descreo moito deses grupos ainda que, seino ben, o problema non é dos grupos/asociacións/consellos senón miña.

E acabaría acá o meu comentario se non fora porque fai 15 días que atopei un milagre. Foi co gallo da Feria do Libro de Bos Aires cando chegaron acá funcionarios e escritores. Entre eles viña unha moza do BNG que revolucionou completamente a miña mirada sobre o tema. Chámase Ana Miranda e non teño interese en falar ben do Bloque. Que ela traballe aí só fala de que ainda ninguén decatouse do boa (e peligrosa, por iso mesmo) que esa moza é.

Non só é unha muller formada (avogada, cuatro idiomas e tres posgrados) senón que é intelixente e sabe moito do que fala. Coñece moi ben a colectividade e tamén sabe cómo interesar ás xentes. Ela sabe facer algo que -penso eu- é o unico que garantirá no futuro que a galeguidade sexa máis que empanada e gaitas: ela sabe sementar o amor, o orgullo e a paixón por Galiza. Sen tópicos. Con información. E o fai sen falar moito. É máis doado vela traballar que vela falar. Coido que na semana que pasou acá, non a ouvín decir nada do Bloque nin do goberno. Moito menos pedir votos ou falar de política.

Sen embargo, podolles decir que moitos melloramos fabulosamente a nosa mirada do bipartito logo de coñecela.

Fai dous días, un amigo que fixen neses días (ela fai iso tamén: fai que as xentes se coñezan, se vexan con simpatía) decíame con moita verdade: con unha persoa coma ela acá, en dous anos teríamos unha colectividade chea de xóvens, chea de mulleres e chea de nenos.

Pode que teña vostede moita razón e esa idea sexa moi boa. Só que dubido moito que un consello/grupo/asociación sexa posto en máns tan boas. Sempre acomódanse mellor os que capitalizan estes traballos e saen mellor nas fotos, porque levan moito tempo posando...

Anónimo dijo...

Grazas pola xenerosidade das túas palabras, anónimo cultural, pero eu tamén desconfío desas comisións imposibles...
Creo que algunhas cousas da historia ou que pasan coa emigracion sabémolas -ou crémolas saber- moitos. Pero as alternativas sobre o que hai que facer dependen da visión e intereses de cada un. Como dicía Blanco Amor, "eu son independente que nunca indiferente", por iso non digo máis que o que penso, sen pensar nesas "rendibilidades" políticas que creo, maltrataron á colectividade e serviron para beneficio persoal dalguns que empezaron presentando a Felipe González no xantar do Deportivo Español á beira de Ríos Seoane... e acabaron de deputados autonómicos en Santiago.
Pero o camiño, como sinala Torre de Babel, está en que xente entusiasta de aquí traballe polo país e pola comunidade, como funcionarios do noso goberno aí,que traballan para Galicia e os galegos, máis alá das opocións politicas concretas.
Temos unha casa de Galicia en Bruselas, sede da Fundación Galicia- Europa. Temos unha Casa de Galicia en Madrid. Completemos o tema coa "Casa de Galicia" en Bos Aires... (Se cadra habería que buscarlle outro nome -Casa da Comunidade Galega, p. ex.- para non coincidir coa da rúa San José.
Sería preciso apoio, consensos e traballo en serio. Hai vinte ou trinta grandes traballos pendentes que facer...
Pero o deseño de políticas comúns arestora é un tema difícil.
(E ollo, non son un enamorado do consenso, pero, non podemos levar alá os desencontros de aquí).

Anónimo dijo...

De deputados autonómicos do PP pola Coruña.

Anónimo dijo...

Pois nada, nada, retiro a idea e xa está. Está visto que era un disparate. Pero a casa segue sen se arranxar.

torredebabel dijo...

señor anónimo político-cultural, a idea non é un disparate. O disparate, en todo caso, é pensar que algo así de bo, de noble e de efectivo vai sair de políticos así de malos. Ademáis, o mundo pode dividirse entre os que protestamos e criticamos as ideas dos outros e os que teñen e crean esas ideas. Por sorte, as cousas que melloran é polos segundos que non polos primeiros.
Moita xenerosidade e moita intelixencia hai nestes comentaristas e o malo sería quedar todos contentos co que acá se dí e nada máis. Eu teño fe (asín de agnóstica -ou atea, segun o día- que son) na galeguidade dalá e dacá.
Apertas!

Anónimo dijo...

Sr. Político-Cultural non retire a idea. Preséntea, vaia ao "Rexistro" xeral de San Caetano e dígalle "Veño rexistrar unha boa idea para que algo funcione algo mellor".
Seguro que o reciben encantados...
Ou non é así a cousa?

Anónimo dijo...

Namentres non creen en San Caetano unha ventaniña específica que poña "Rexistro. Admisión boas ideas", vai ser imposible rexistrar nada.
Pero chéganme noticias de que no ano 2153 van poñela. Xa que logo, que ninguén desespere, aínda estamos a tempo.