17 may 2006


En defensa do Día das Letras
(Andoliña mércores 17 maio)
Todos os anos por estas datas xorden voces críticas co Día das Letras Galegas que advirten do seu carácter ritual e necrolóxico ou que afirman que só serve para facer exequias, etc, etc. Pois non estou de acordo. A invención do Día das Letras foi unha feliz iniciativa que serviu en 1963, da man de Del Riego, Ferro Couselo e Gómez Román, para restaurar a memoria negada deste país. A través dun escritor.
Pero lembrar un escritor ou unha escritora é tamén lembrar de xeito conxunto a súa xeración e o seu tempo histórico: neste 2006, esa honrosa Cova Céltica e os tempos esquecidos da Solidaridad Gallega, nos que militou Lugrís Freire, iniciando tantas cousas, con todos os seus pulos e a súa férrea vontade. E coa recuperación de Blanco Amor, Luís Seoane, Blanco Torres, Lorenzo Varela, Dieste, etc. iniciouse o rescate dos anos republicanos, das vítimas da guerra incivil e dos tempos do exilio: labor ben meritorio, sen dúbida.
Outra cousa sería pensar que o 17 de Maio vaia ser a panacea de todos os males da cultura e do idiomas galegos. Iso non, claro. Semella demasiado inxenuo, aínda se o fan persoas ilustradas e sagaces, pensar que nun día se poden arranxar tantas cousas...

5 comentarios:

acedre dijo...

Mui ben falado. Estou de acordo contigo.

Anónimo dijo...

Eu non. Mais habera que deixalo pro vindeiro ano (non imos estar raiando co tema todo o ano). Por certo, pra celebrar o Día das Letras Galegas como é debido, o millor e ir a Romaría Etnográfica Raigame en Vilanova dos Infantes.
( http://www.raigame.es/ )

Marcos Valcárcel López dijo...

Estiven varios anos na romaría de Vilanova, coñezo aos seus promotores e apoieinos sempre. Unha gran idea: podían facerse moitas cousas semellantes noutros lugares do país. Pero iso non indica que o dito antes non sexa tamén certo. HAI QUE SUMAR, NON RESTAR.

acedre dijo...

Eu fun a esa romaria habera catro ou cinco anos de casualidade que a minha muller tinha un curso en Ourense. Foi cando empezou a andar o Galicia Hoxe e eu fun ata Vilanova e paseino mui ben nesa vilinha. Creo que foi o millor dia das letras que pasei nunca.

Marcos Valcárcel López dijo...

Unha curiosidade: un dos postos do artesanato colócase na casa familiar de Méndez Ferrín. Contóunolo onte mesmo na Coruña: o que sucede é que, como coincide cos actos da Academia, Ferrín nunca pode acudir. Pero tamén lle encanta esta festa.