6 may 2006


ÁLBUM DE FOTOS AURIENSES (1)

O amigo Xoán Fonseca, onte mesmo e compartindo cea con Pepe Neira Vilas e Anisia Miranda, confesoume que abría todos os días o meu blog (varias veces ao día cando ten tempo) e que o ten como páxina de inicio en Internet. Abrumado pola súa confianza, voulle dedicar esta foto (mediados ou finais dos 90?) dun acto celebrado no Liceo ourensán, nun Encontro de Escritores Ourensáns e nun recital de poesía de sobremesa, co café e as pastas. En primeiro plano, de esquerda a dereita, estamos Xoán Fonseca (daquela con moito máis “peso político” que hoxe, se me permite a broma), eu mesmo, Carlos Casares, a súa dona Cristina Berg e o escritor auriense Bieito Iglesias. Xoán e Carlos Casares cos seus insepárabeis puros que podían durar dúas ou tres horas en agradábel faladoiro. En segundo plano, os asistentes daquel recital de poesía, varios dos cales, creo, leron os seus textos. A Carlos gustábanlle moito este tipo de actos e lembro que aquela tarde me comentou polo baixiño: “Estou seguro que case todos os que están hoxe aquí teñen un poema escondido no seu peto, aínda que non se atrevan a lelo en público”. No acto había varios poetas ourensáns presentes que recitaron. Estaban, de seguro, Chus Pato e Manuel Guede (están as súas parellas no fondo da foto) e creo que tamén Manolo Outeiriño e varios máis. O acto fora organizado polo Clube Cultural Alexandre Bóveda (que eu presidía daquela), que cada dous anos organizaba un Encontro de Escritores Ourensáns. Por certo, dende o peche voluntario do Clube, non se volveu facer, pero quizais haxa que resucitalo (se os amigos escritores ourensáns están polo labor, claro). A fotografía é do amigo fotógrafo Eduardo Núñez, que cubría moitos dos actos culturais nosos daquela época.

3 comentarios:

acedre dijo...

Magoa que morrera Carlos Casares.
A verdade e que o teu blogo e mui bo e non me extranha que o lea todolos dias.
Un saudo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas polas túas palabras, Acedre. Quero aproveitar tamén este blog para transmitir a memoria deses anos en Auria (digamos entre 1989 e 2001), nos que funcionou a tope o Clube Cultural Alexandre Bóveda, organizando centos de actos de interese. Aquilo foi posíbel pola entrega dos amigos que estou citando aquí moitas veces (Xoán Fonseca, Benito Losada, Monxardín, Moncho Quintana, Llamas, César Ansias, José Luis, etc.). Algunhas das fotos desa xeira irán saindo aquí, porque son parte da historia cultural da cidade. E grazas tamén a colaboración doutros amigos como Carlos Casares e moitos máis que nos apoiaron xenerosamente. Eu son dos que o boto en falla, sen dúbida, e así fan tamén moitos lectores e amigos. Unha aperta.

donacoca dijo...

eu non son escritora ni muito menos, pero hoxe "descubrí" o teu blog é moi bo, canto me gustaría coñocer a xente tan brilante coma vos.
Seguiré a ler, e a aprender cousas novas para mi
un bico