24 may 2006


O galego, lingua sen rei nin cortes
(Andoliña martes 23 maio)
É ben coñecido o papel crucial que o Padre Sarmiento desempeñou na reivindicación da nosa lingua como instrumento útil para todas as funcións sociais. El mesmo definiu ben as orixes da postergación do idioma na política centralizadora dos Reis Católicos e na reforma das ordes monásticas, que encheron o país de xuíces, escribáns, cregos e funcionarios alleos que "ni hablaban ni entendían gallego y así se introdujo el abuso de escribir y actuar en castellano". Figura excepcional a de Sarmiento, pero non única, pois tivo precedentes, como amosa Beatriz Vaquero no seu traballo no volume "Entre liñas" (Univ. Vigo). No século XVII Fray Atanasio de Lobera, cisterciense, falaba desa lingua que "ben falada é graciosa, suave, elegante, sentenciosa e que en poucas palabras comprende moito, e mellor que outra a esencia do que vai tratando". O xesuíta Álvarez Sotelo denunciaba que os nobres falaban castelán e o galego non podía ser estudado por carecer de libros. E en 1606 o portugués Nuno de León explicaba que o portugués se convertera en lingua culta, deixando atrás o galego, porque aquela tiña Reis e Cortes, que é a oficina, "que nunqua houve en Galliza" dicía, onde se forxan e pulen os vocábulos. (Imaxe de Durero)

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Teño a impresión de que a introdución do castelán non foi especialmente traumática.
Explícome que parece que empezo provocando e nada máis lonxe.

¿Ata que punto existía conciencia de identidade lingüística como idioma de cultura, digamos, en 1480 por usar unha data simbólica?
Lembremos que a moda trobadoresca, case sempre oral, rematara uns cento e pico anos antes. A prosa tabelonica, é algo no que se mesturaba o latín, a lingua da igrexa, etc. e sobre todo o galego. Pero cantos documentos facía un cidadán do común ao longo da súa vida? Cantos sabían ler?
A lírica medieval relixiosa, fíxose en Toledo -nunha un códice visitou Galicia-, as coleccions dos cancioneiros en Lisboa para o PApa... nunca houbo unha recompilación en Galicia...
A conciencia popular de reino independente, que grao tiña de consistencia en 1480? Non marchou unha boa parte da nobreza dinámica a desenvolver as súas capacidades a Portugal ou a Andalucía facendo
desaparecer a intelligentzia do país?

¿E logo non sería que moitos galegos tiñan xa case unha conciencia dialectal para a súa fala -e para a súa nación- e vían a chegada do castelán como un elemento máis a unir á chegada dos novos tempos modernos que viñan de fóra e que lle facían a vida menos difícil: a suavización da opresión nobiliar, os correxedores e autoridades real, a imprenta, etc?
Lembremos o berro de "Viva elRey" dos Irmandiños contra o cabrón de Pedro Pardo de Cela aquel que quería encher de vasalos os carballos.
Se algunha destas cousas fose así, podería indicar que os "casteláns" non entraron simplemente a "ferro" senón como os romanos, con bastante máis anuencia que oposición. Sobre todo entre os pobres. Isto, de paso, explicaría os motivos sociosicolóxicos de certa permeabilidade excesiva non xa aos neoloxísmos -non había outra- senón á substitución de castelanismos por palabras galegas ditas "pola vella".
Eu que sei

Anónimo dijo...

Hipóteses arriscadas e interesantes, señor Etxe. Por que non se dedica a desenvolvelas e documentalas?

Anónimo dijo...

Por certo, e aproveitando de que seguramente ha pasar por aquí, quixera felicitar ao señor Monxardín polo excelente artigo publicado esta semana en Galicia Hoxe. Moi ben no fondo e na forma.

Anónimo dijo...

Sr. Político-Cultural(VI Asemblea)
Gustame máis a sementeira cá cava. Sonlle un nugallau.