A POLÍTICA NON DEU MATADO O GALEGO... (NOTAS PARA UN DEBATE)Esta mañán estivemos en Telemiño (Ourense), nun debate sobre o Día das Letras Galegas e Lugrís Freire, Afonso Vázquez Monxardín, Xulio Fernández Senra (emiteno esta noita, ás 22 h.). Falamos de moitas cousas, do significado da festa das Letras Galegas e, moito, moitísimo, sobre o idioma.
E creo que coincidimos (e creo que hai moita xente en toda Galiza que pensa o mesmo) en que non imos demasiado ben.
En que hai que ser imaxinativos e audaces.
En que hai que crear un novo discurso sobre o noso idioma.
Velaí en riscos só bocexados (só quero abrir o debate) algunhas ideas posíbeis para empezar a falar:
UN DISCURSO A FAVOR DO GALEGO EN POSITIVO, sen enfrontamentos inútiles cando non son rendíbeis.
UN DISCURSO EN POSITIVO E OPTIMISTA: subliñar aquilo que funciona ben e todo o que anuncia un alborexar futuro do noso idioma en todos os usos sociais
A POLÍTICA NON DEU MATADO O GALEGO, PERO A POLÍTICA TAMPOUCO O VAI SALVAR. A sociedade civil, a xente do común, é a que ten a palabra.
Non é un problema de subvencións: o que cómpre para que a xente fale máis galego, son ganas, non cartos.
Queremos provomer o amor, e o amor non ten prezo.
Recuperar vellos lemas como
FALEMOS GALEGO para forxar ese novo movemento
cívico, aberto e con pouca estrutura e máis acción, sempre en positivo.
Colaboracionista declarados con todo o que sexa a favor, veña de onde veña.
Desbotar a imaxe que asocia o galego como algo exclusivo do nacionalismo (que teñen tantos mozos: se falas en galego xa tes que ser militante do Bloque).
O galego é de todos e salvarase entre todos, á marxe de ideoloxías e opinións políticas. Mal favor lle facemos a nosa lengua asociándoa ao futuro dunha alternativa partidaria.
A única política que interesa é o consenso de verdade, como a LNL e o PXNL, pero asumido, explicado, etc.
Se fose preciso, ese novo discurso levaría a unha nova organización a favor do idioma, que recollese este novo espírito: FALEMOS GALEGO.
Espero as vosas opinións...
(Ilustramos estas pertinentes preguntas cun cadro do xenial Virxilio).
14 comentarios:
Concordo co dito... pero paréceme insuficiente.
Certo, moi certo que hai suprimir esa imaxe tan típica dun (real ou suposto) especialista e político que, con cara de mala hostia, presenta un panorama apocaliptico e que regaña, desde os medios de comunicación ou desde unha tribuna parlamentaria, a tirios e troianos. O único efecto que produce isto é que moitos digan: -que lles dean, xa están estes do... a facer das súas.
Boa cara, boas palabras, son necesarias... pero non chegan.
Absolutamente de acordo. Contrariamente ó meu antecesor no uso desta tribuna penso que son abondas esas liñas de actuacións, esas premisas básicas, a actitude que encerran, o espírito que animan; mesmo sei de xente que dende o outra banda do ser aplaudiría esta actitude e a desexaría contaxiosa. Ou sexa, que pra min non hai debate máis que no atinxente ás accións concretas chegados ós casos concretos e, aínda que corre presa, de momento chegariame con ir sumando nomes, nomes e máis nomes a esta actitude...os feitos empezarían a aboiar axiña. ¿Que nos xogamos?
Na mocedade actual, tan competente e tan preparada, podería estar a reposta. Nunca houbo no noso país xente tan capacitada sendo tan nova. É necesario asociar o noso idioma a progreso, futuro, liberdade. E esas virtudes poden estar nas novas xeracións de universitarios.
É ben sabido que a consideración dunha lingua depende do prestixio ou categoría social dos seus falantes. Se as novas clases dirixentes, técnicas ou empresariais usan o galego con normalidade teríase a batalla perto de gañar. O complicado é conquerir precisamente iso: hai que demostrar que o galego é un idioma completo e totalmente útil, sexa cal sexa o rexistro que estés a utilizar, e que a promoción persoal que poidas ir acadando na vida non depende do idioma que utilices (obviedade para os galego falantes pero non para os outros).
Hai que desterrar a idea de que o galego é o idioma dos pobres, dos incultos. Alporízome cando a miña nai e a miña sogra - galegofalantes as dúas - fálanlle en castelán aos nenos, ou cando intentaban convencerme ( antes de que eu pegara un par de bos berridos) de que llo falase eu a eles. Temos que acabar coa actitude vergonzante cara noso idioma, coa autoxenreira.
Remato: Hai que asociar o idioma galego con xuventude, alegría, modernidade. Falan galego os que son modernos, os que van á moda, os que teñen personalidade (dende logo, independentemente das tendencias políticas, porque o idioma non é patrimonializable, porque aínda haxa quen o despreza, non somos quen de impedirlles o seu uso cando así lles pete)
Perdón pola extensión, saúdos.
Home, algo mellorouse, antes só eran os pailáns (é ó que dicían) os que falaban galego. Hoxe en día, falano señores/as que fai uns anos seria de ciencia-ficción que falasen galego, sexa dunha maneira liturxica ou coma se queira, mais xa se ve doutra forma (Que pronto nos esquecemos do pasado). Ó que pasa é que cando mellor debería estar pois é cando menos se fala. Eso ten que ver co esgotamento do noso rural (o rural xa non é decisivo en ningún lugar de Europa e polo tanto non ó vai ser eiqui), a nosa educación (o colexio), etc. Outros detalles coma as normativas unha despois doutra... pois non axudan moito. A globalización esta xa eiqui e non vai liscar, así que fagamos a nosa lingua un sinal da identidade de todolos galegos. O traballo non vai ser doado, mais pódese facer.
Eu penso que se asocia unha lingua cun prestixio e asi acontece tanto en Galicia coma en Peru ou onde queira un.
Da peninsula xa desapareceron ou estan a piques de desaparecer o aragones, o aranes, o leones, o asturianu, etc, etc. O galego vai caminho da desaparicion por esa asociacion de lingua galega con atraso.
Penso que, se se quere enfrontar o problema CON REALISMO, a solución pasa por algo que xa fixeron outros países e que demostrou que FUNCIONA: a inmersión lingüística. Falo do caso de Quebec e de Cataluña.
Que é o que podemos facer en Galicia? Pois esixir que se cumpra a lei.
Está claro que en paralelo pódense levar a cabo moitas outras medidas, pero se non existe inmersión lingüística, daquela non hai futuro para o galego.
P.D. Xa sei que a lei non fala dunha inmersión lingüística total, pero ten a suficiente flexibilidade para que a educación sexa maioritariamente en galego.
En absoluto, acedre, o galego non vai desaparecer. Sabendo que a botella ao estar medio baleira está tamén medio chea, fixémonos nesta segunda opción.
Das 7000 linguas do mundo, o galego está entre as 300 que falan máis dun millón de persoas. O galego está en Europa onde hai ducias e ducias de linguas oficiais e existe un respecto, mesmo legal, por elas, agás Francia.
O Galego é unha lingua con TV, escola, radio, cultura e expresión política de todos, con máis de 1000 blogs...
O galego non vai desaparecer. Ora ben, a cuestión é outra. ¿Cal é o papel que lle reservaremos ao galego no futuro? ¿Uso ritual e como sinal de identidade teórico que todos dominemos pero fóra da cadea da oralidade, case como acontece co gaélico irlandés? ¿Unha lingua que faga de cemento social entre os membros desa comunidade como calquera outra lingua? Os exemplos, meus, deben ir en que nos fixemos no noruegués, islandés, holandés, luxemburgués, danés, etc.e non nos residuos como o aragonés -10.000 falantes- ou outros semellantes de europa. Debemos fixarnos nas linguas de poucos millóns de falantes normalizados en territorios nos que todo o mundo fala tamén outras linguas.
Porque esa é outra. A inexorabilidade do multilingüísmo debe ser entendida como un beneficio comunicativo da nosa etapa histórica. O castelán veu para quedar. O inglés que estudan os nenos nas escolas, tamén veu para quedar. Daquela o tema é pensarmos cómo facer o reparto de esferas, consensuado social e politicamente, para que convivan todas as formas de expresión que dominemos.
Quen se empeñe simplemente nunha "competencia" entre galego e castelán, vai de cu. O deportivo Amoeiro non pode competir co BarÇa, pero é o que fai gozar aos veciños de Amoeiro.
Debemos buscar fórmulas imaxinativas procurando alá onde haxa exemplos de convivencia estable entre formas lingüísticas próximas -de aí o tema do luxemburgués-alemán- para establecer camiños de proxección futura.
O principal é deixar de laiarnos só, e convencer á xente que o futuro do galego, como dos ríos ou do patrimonio histórico, ou a reciclaxe, só está en mans da xente.
O galego será o que nós queiramos. A sociedade civil debe rearmarse e recuperar ese tema e procurar que deixen de utilizalo políticamente nas loitas dos partidos
Por certo, o piar fundamental para a trasmisión do galego é a familia. Vexo que ó mais doado pra todos é botarlle a culpa ó colexio. Como se no colexio tamén tiveran que formar, educar, etc. Hoxe en día a xente traslada responsabilidades ó colexio de caseque todo, e mais cedo que tarde imolo pagar.
De cando en vez ainda aparece algunha fontela no medio do deserto.
Os planificadores de "marketing" e e estrategas comerciais, empezan de darse de conta do galego como outra posibilidade de se diferenciar do montón.
Eu para empezar co entrante, proporía facerlle chegar a esta empresa parabéns polo detalle
E ogallá outras empresas acabasen por copialos.
http://www.lavozdegalicia.es/se_cultura/noticia.jsp?CAT=106&TEXTO=4763856
XulioDRabal
Xa abonda de homenaxes necrolóxicos. O Día das Letras Galegas no seu momento tiña a súa lóxica mais agora mesmo eso de sacar a pasear o morto de cada ano xa é de ¨flipar¨. Ises libros adicados ó Lugrís remataran aborcallados nos faiados da Xunta (Pronto conseguiran xuntar uns cantos millóns de libros de novo). ¡Basta xa de facer do galego unha cultura necrolóxica! Todos ises cartos queimados en homenaxes necrolóxicas poderíanse empregar millor, por exemplo, en por en galego todo aquelo que vaia saindo no campo das novas tecnoloxías. Ise é o futuro, ó demais é vivir dos mortiños.
Xa existe unha organización plural, apartidaria e independente que traballa dia a dia a prol do galego e dos seus falantes.
Pedir o cumprimento da LNL de 1983 e que xa ten 23 anos non é ningunha postura maximalista, e só unha custion de dignidade e amor ao País e a súa fala.
Non lle poñer chatas a obra e a colaborar todos coa Mesa Pola Normalización Linguistica (www.amesanl.org), no canto de andar inventando novas plataformas
Ten razón o Carrazúa.
Xa pensa Paco Rodríguez para que ninguén máis vai ter necesidade de pensar no país.
Ten razón, a MNL é unha organización, plural, apartidaria e independente... por iso está como único ligazón cultural de lingua na páxina da UPG
http://www.uniondopovogalego.org/documentacion/ligazons.htm
Que ninguén pense nunca en Galicia fóra do BNG, xa existe el.
Veña xa.
O mundo é plural.
Trátase de sumar a xente que nunca entraria na Mesa, non de pensar en restarlle a ela nada. Trátase de convencer aos mornos de que hai vida no galego máis alá do que algunha xente ve como radicalimo.
Galicia é plural e diversa e a loita pola lingua -e pola terra- pode ser plural e diversa.
Con Cunqueiro, con Celso Emilio, Con Todos, coas súas contradicións.
Coa TErra.
Non peches a posibilidade a que medre o apoio social ao galego... ¿Ou ten que haber sinonimia apoio ao galego = apoio ao Callón?
Anda ya. Menos rollos.
¿Apartidario? Si, home, si.
Sen negarlle ningún mérito (e tamén ningún demérito, que de todo ten) á MNL, dicir iso que di Carrazúa, que é "unha organización plural, apartidaria e independente", só ten dúas posibles explicacións: ou é un sarcarmo, ou que se pensa que o que se celebra é o Día dos Santos Inocentes en vez do Día das Letras Galegas.
Publicar un comentario