11 may 2006


QUE PASOU NAQUEL DÍA LONXANO?
(Andoliña xoves 11 maio)
Leo no suplemento cultural de “La Vanguardia” que existe unha tenda en Barcelona especializada en vender xornais e revistas antigas. Chámase “La premsa d’ aquell dia” e demostra unha vez máis que os cataláns son espelidos como allos. O seu público non se compón só de historiadores, como se podía sospeitar, senón sobre todo de persoas do común que acoden en busca do xornal dunha determinada data. Hai moita demanda dende os anos 70, pero tamén aparecen diarios dos 50 e mesmo revistas de comezos do século XX: a datas máis arredadas, moita máis dificultade para localizar eses papeis.
Para que? Pois seica a xente merca esas follas amarelas, ás veces restauradas, porque quere saber qué pasou xusto no día en que naceu. E está disposta a pagar entre 15 e 50 euros pola portada ou o xornal completo de data tan relevante. Confeso que a min mesmo, que non son nada supersticioso, gustaríame saber qué pasou en Ourense, en Galiza e no mundo o 3 de marzo de 1958: habería algún accidente grave, algún crime pasional, unha inundación do Barbaña? Levo trinta anos coleccionando xornais, recortados e catalogados por temas, e teño un arquivo ben dotado ao respecto. Pero, xa ven, fáltame esa data…
(Na imaxe, o magnífico Retrato dunha vella, 1611, de Guido Reni).

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu vin a tenda esa na TV hai un par de meses con motivo de non sei qué, ocupando un espazo no telediario da noite...
Pensei en ti...

Marcos Valcárcel López dijo...

Cando visite Barcelona, xa sei onde teño unha parada fixa.

Anónimo dijo...

Tal día o principal fito foi o seu nacemento. Parécelle pouco?
Apertas.

torredebabel dijo...

Teño o xornal (un deles) do día en que nacín porque unha amiga moi querida regaloumo nalgún cumpreanos (pode que fose para os 30 anos). Na Arxentina e que eu saiba, non hai unha tenda especializada só en xornais e revistas, pero os números vellos coma o caso que conto pódense mercar en calquera kiosco do centro da Cidade de Bos Aires pedíndoo uns días antes. As revistas, moitas delas, tamén pódense mercar nalgunhas ferias que hai en Parque Centenario, parque Rivadavia e Plaza Italia. Tamén teño anos e décadas gardando papeis e algunha fada madriña deume verdadeiras alfaias de papeis amarelos.

Anónimo dijo...

Los restos de Miguel Angel Blanco Garrido, serán trasladados a La Merca, provincia de Orense, para evitar profanaciones reiteradas.

Anónimo dijo...

Vostede sabe que os feitos históricos importantes case nunca aparecen reflectidos no xornal do día.
Mr Trolh

Anónimo dijo...

A capa do TIME do 3-3-58 téna eiquí,e os contidos:

portada TIME
Mr Trolh