4 may 2006

Sumar e non restar
Acordo total con Afonso Vázquez-Monxardín polo seu artigo de hoxe en Galicia Hoxe, nun tema que tamén a min me afectou (como diría o outro, sen comelo nin bebelo...):
Devolvendo ante as cámaras, por Afonso Vázquez-Monxardín
Foi o presidente da Mesa devolver os materiais da SXPL a San Caetano e eu síntome un tanto contrariado coa súa actitude, pois a maioría foron feitos polo meu amigo Marcos Valcárcel e mais por min, tamén eu coma el, do gremio dos catedráticos de lingua e literatura galega que se baten, día a día, nas esforzadas trincheiras do ensino medio.
E non me incomoda polo que leva de desprezo ao noso traballo -no fondo a min o que pense o señor Callón non me acaba de sacar o sono- senón polas outras desconsideracións que vexo integradas nesa devolución. O desprezo polo extraordinario traballo dos caricaturistas Manel Cráneo e David Pintor "Pinto"; o desprezo polo esforzo dos deseñadores do Clube da Esquina; o desprezo para cos realizadores do DVD. Moléstame por todo isto, que é bastante, pero sobre todo polo erro estratéxico que, creo, deixa ver. Menosprezo á historia do propio Día das Letras Galegas, concibido, desde 1963, como exaltación da lingua e cultura ao redor do traballo dun persoeiro da nosa cultura.
Menosprezo ao plenario da Real Academia Galega que foi quen decidiu rescatar para esta ocasión a figura dun seu ex presidente, todo compromiso, todo esforzo e todo boa vontade. Desprezo, tamén, a unha familia colaboradora con todos os que se achegan á figura de Lugrís e ilusionada co rescate da memoria dun avó e bisavó que centrou a súa vida no espertar do seu país.
Pero tamén me desacouga pola súa utilización como elemento de tensión e presión na política interna do goberno bipartito, que, seica, segundo o lido na prensa hai meses, conta con catro asesores, dous a proposta de cada forza, para esa secretaría xeral.
É obvio que se trata de ir quentando o ambiente para a manifestación do día 17 que se contempla como un auténtico tour de force desde o nacionalismo de cara a cuantificar os apoios para o seu deseño da cuestión lingüística na reforma estatutaria. Tamén pode empezar a sospeitarse agora o seu escaso interese polo control da "carteira" de política lingüística como algo pensado por alguén que valoraría positivamente as posibilidades que abría: ter un punto simbólico co que poder ter unha fricción permanente e marcar diferenzas, tan importante como a fala e sen sufrir o desgaste directo na relación política, porque a iniciativa vén de "fóra", dunha unha organización independente, organicamente, como é a Mesa.
O problema non está, meus señores da Mesa, en impedir que os profesores dos institutos e colexios teñan un recurso máis como este que permite traballar a lingua, a literatura e a propia historia do país ao redor de Manuel Lugrís Freire. Un recurso para revivir o agromar da conciencia e identidade moderna desta nación, nese frutífero camiño desde o rexionalismo do XIX ao Estatuto de Autonomía de 1936, nacido, lembrémolo e honremos tamén esa memoria exemplar, das pontes e mans tendidas entre a esquerda e o galeguismo.
Meus señores, o problema non lles está no que se fai, senón no que se deixa de facer, ou no que se podía facer e aínda non se fixo. E ese é outro tema do que, seguramente, hai que falar con boa vontade e interese único na eficacia, a través de ideas, iniciativas, proxectos, promoción de puntos de encontro -como o PNL- seriedade, e, por suposto, sen cámaras. Sobre todo, hai que tratar sempre de sumar e non de restar. E devolver é restar.

14 comentarios:

Anónimo dijo...

Perfecto, impecable, absolutamente irrebatible este artigo de Afonso Monxardín. E ademais valente e necesario para unha verdadeira defesa e promoción social da lingua galega.

Xa vai sendo hora de que digamos en voz alta que non, que queremos estar ben lonxe de sectarismos xa caducos e do cretinismo político, si! do cretinismo político destes rapaces sectarios, nulos de entenderas, que o único que fan é restar no canto de sumar.

Estes rapaces que se comportan como epígonos dos modais máis sectarios do nacionalismo galego que, para ben do país, deberían estar enterrados e ben enterrados.

Pero vai ser que non... vai ser que teremos que aturar este cretinismo político un día si e outro tamén.

Anónimo dijo...

Estou totalmente en DESACORDO.

Hai que ter en conta que 'o que non se fai' é INFINITAMENTE máis importante para a sobrevivencia do galego que o que se fai.
Noutras palabras: 'o que non se fai' (máis ensino en galego, etc.) é o único que podería evitar a desaparición do galego.
Non vos parece GRAVE a situación?
A min si, tremendamente grave.
POR ISO penso que hai que denunciar que a SXPL SOAMENTE fai actos simbólicos que en nada axudan a parar a sangría que está a sufrir o galego.

Por certo, afirmar que a Mesa está a despreciar aos autores do traballo, e ao día das Letras, e á familia do homenaxeado, etc., paréceme dunha demagoxia incrible.

Anónimo dijo...

http://www.arroutadanoticias.com/novas/nova040520061.html

A Mesa pregúntalle a Política Lingüística como pensa recuperar falantes mantendo o ensino como o principal axente desgaleguizador

Redacción 04 de maio 2006 Carlos Callón: “Sobra propaganda e falta traballo. O movemento demóstrase andando”. Tras a comparecencia de onte da Secretaria Xeral de Política Lingüística, o Presidente da Mesa, Carlos Callón, lamenta que este departamento autonómico continúe na mesma liña de “propaganda inútil” e “desprezo ao movemento cidadán en defensa do galego”.

Callón recorda que “A Mesa pide que se comece a facer política lingüística de verdade, unha política lingüística tranquila e baseada no consenso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, algo que até o momento non se ve por ningures”.

Callón salienta que “na Mesa compartimos o obxectivo expresado onte por Marisol López de que hai que recuperar o galego entre a xente máis nova, mais preguntámonos como se pode facer iso sen crear espazos de uso para a nosa lingua, que é algo que a Secretaría Xeral aínda non fixo nin ten proxectado facer en todo este ano. Moito máis difícil vai ter chegar a este obxectivo se mantén o ensino como o principal axente de desgaleguización. Desde logo, se pensa recuperar o galego entre os mozos e mozas con antoloxías literarias e novos lectorados no estranxeiro, imos aviados.”

“A Secretaria Xeral debería explicar as razóns polas que non fai nada para que se aplique o Plan de Normalización no ensino para o curso que vén. Cales son os impedimentos para facelo? Que se fixo en todos estes meses para a galeguización do ensino? Non hai nin política lingüística transversal desde o seu departamento nin política lingüística para o ensino: Isto é unha fraude.”

Callón reitéralle máis unha vez a López a “vontade de colaboración da Mesa para que se produza un cambio de verdade” e lémbralle que “nós falamos de ideas e de xestións, non de persoas”, aínda que tamén lle subliña que “A Mesa ten todo o dereito a discrepar e a exercer toda a presión democrática que considere precisa para que a situación poida mudar para o ben do galego”. Entre esas medidas de presión democrática, A Mesa convocou unha mobilización para o próximo 17 de Maio en Santiago de Compostela, que ten no seu manifesto a seguinte petición: “agardamos que desde o novo Goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego.”

As comisións do Plan Xeral de Normalización Lingüística non se reuniron nunca baixo o mandato de Marisol López

O Presidente da Mesa agarda tamén que se deixe de faltar á verdade cando se di que o Plan Xeral se está a aplicar e pide por iso “menos retórica propagandística e máis traballo; como di o refrán, o movemento demóstrase andando”.

Ademais, Carlos Callón, que participou na elaboración do Plan Xeral en representación da Mesa, recórdalle á Secretaria Xeral que non é certo que cando ela chegase ao seu gabinete non houbese xa un documento coas medidas priorizadas de aplicación do Plan; polo contrario, cada comisión de traballo fixo xa ese labor pouco antes da convocatoria das eleccións. “Todo este traballo tirouse pola borda para comezar de cero. Nin esas medidas se aplicaron e nin tan sequera se volveron reunir as anteditas comisións”.

Anónimo dijo...

Claro que a situación do galego é ben delicada (o de grave xa levamos máis de trinta anos oíndoo, e o mesmo ten valido para un roto que para un descosido: non me fagan tirar de hemeroteca!)

Agora ben, acaso o único responsable da sistuación é a SXPL?

É certo que é responsable, pero NON É O ÚNICO RESPONSABLE.

Xa que logo, unha campaña de denuncia non unilateralmente sectaria tería que identificar a TODOS OS RESPONSABLES.

E, entre eles, no ámbito político e institucional, está o grupo político que, a súa vez, está detrás da MNL.

Ou non foi este o que fixo un pacto de goberno con contidos concretos que preteriron o fincapé no galego? Ou non foi este o que leva a cabo política rutineiras no linguísitico nos ámbitos de decisión que lles corresponden? Ou non fixo un acordo sobre o reparto da área linguística e as instancias asesoras paritarias?

Se os acordos eran tan malos, tan nefastos para unha situación que disque é "tremendamente grave", por que se asinaron? Por que non se puxo a política linguística como o eixo irrenunciable? Por que, non seu debido momento, a MNL calou totalmente e non advertiu sobre os resultados nefastos que se ían derivar de todo o anterior? Por que demitiou da súa misión?

Estas e outras preguntas deberías formulalas a MNL, e se fose seria e responsable, repartiría as culpas entre varios, non só a unha parte.

Todo o demais, si que é demagoxía publicitaria e sectarismo político.

E si, eu tamén opino que se desprezou os autores do traballo, ao Día das Letras e á familia do homenaxeado.

Moi mal, pero que moi mal!

Anónimo dijo...

Se falamos de ORGANIZACIÓNS, temos que admitir que A Mesa é a que, con diferencia, máis está a facer pola defensa do galego.

Por certo, iso de que:
"Estes rapaces que se comportan como epígonos dos modais máis sectarios do nacionalismo galego que, para ben do país, deberían estar enterrados e ben enterrados".

é outra das BARBARIDADES que, tristemente, tiven que ler hoxe neste blog.

Anónimo dijo...

E por dicir tales "Barbaridades" (sic.) tes pensado declararme inimigo do galego e traidor ao país?

Se hai trinta anos non andiveses a tomar o biberón, seguro que o dicías. Hoxe tan só o pensas.

Anónimo dijo...

Moderación, señores.
A lingua debe ser o cemento que una á sociedade galega e non unha bandeira política coa que nos agredamos.
A min paréceme que a devolución só se fixo para saír na TV, que era o único que importaba. E as cousas trascendentes, fanse en privado, en petit comité que é onde se corta o bacallao.
Sabía eu que escribindo o artigo ía entrar algunha xente ao trapo, pero saiban señores, que moitos estamos "fartos do monopolio" do amor á lingua e ao país e da razón única.
Pola miña parte, acabouse.
Acabouse o calar, claro.

Anónimo dijo...

Unha vez máis, ten vostede razón. Desculpe o quentamento!

galeidoscopio dijo...

Lin alguma vez un comentário nun blog no que alguén dizia estar a desfrutar das contínuas liortas entre os "galeguistas".
Pode que a Mesa estexa fazendo moita estratéxia "mediática".
Concordo sobre todo coa derradeira aseveración do senhor Vázquez-Monxardín.
Saúde.

Anónimo dijo...

... E desculpen tamén os demais.

Veloso dijo...

Estou a lembrar unha escena da célebre película "A vida de Brian", cando os grupos de xudeus andan ás liortas entre si, esquecendo que o inimigo principal é outro. A discrepancia e a imaxinación son boas; o desprezo ao traballo dos demais non nos leva a ningures.

Anónimo dijo...

Eu tamén asino o manifesto promovido pola Mesa, que o cortés non tira o valente.

Anónimo dijo...

O BLOQUE E O IDIOMA (artigo de Xosé Manuel Sarille publicado n’A Nosa Terra Nº 1.219, semana do 20 de abril).

As declaracións de Francisco Rodríguez en rolda de prensa , destacando a deficiente política lingüística seguida polo PSOE nos concellos e na Xunta de Galiza constatan a realidade e son froito da inquedanza ante a dramática situación do idioma galego, mais tamén son extravagantes, ou a min mo parecen despois de ler os xornais, porque a política lingüística da Xunta é froito dun pacto entre as dúas organizacións que compoñen o goberno e en todo caso a responsabilidade de que ese órgano non funcione é das dúas organizacións.

O BNG é responsábel de ter asinado un pacto onde se lle entregou esa Secretaría ao Partido Socialista, e lémbrese que foi Anxo Quintana quen o 14 ou o 15 de setembro do ano pasado despachou a pretendida imposición da nova secretaria por parte de Emilio Pérez Touriño cunha frase que en realidade era un visto e prace para a nova realidade que agora vivimos plenamente, a da continuación da vella política do PP.

Coa anuencia do BNG situouse a política lingüística nun perfil baixo, e rematou neste fracaso un traballo de decenios que tiña un dos corolarios na activación da Xunta para restaurar o idioma.

Tampouco nos concellos vai moito mellor o BNG que o PSOE , o interese é francamente escaso, non se fala da lingua e cando se fai é no remate das reunións. Non se sabe como facer nin até agora se quixo escoitar como facer. A lingua non progresa nos concellos desde que se galeguizaron os papeis internos e se fixeron os cursos de formación dos traballadores, hai xa moitos anos. Cando houbo algún documento para discutir a revitalización, tardaron en discutilo case dous anos para o final non facer caso das conclusións.

Non é un problema técnico, é a visión do idioma que ten a nova cúpula do Bloque . Podía presentirse xa cando agregaron e diluíron a lingua na comisión de cultura e deportes, ou cando nos concellos se comezaba a falar do galego da mesma maneira que se podía tratar dun concurso de redaccións.

Oxalá que o amañen, porque o PSOE e o PP non darán pasos se antes non se moven os que sempre se moveron.

E ollo, porque tamén hai concellos nacionalistas despectivos co idioma, non como o da Coruña, claro que non, mais en Monforte o alcalde nacionalista ten declarado que non se pode impoñer o idioma, cando o concello está todo en castelán, despois de tres anos de mandato. Igual que o PP nalgún tempo.

Anónimo dijo...

Á parte do que diga A Mesa, o traballo sobre Lugrís Freire é bastante penoso, aínda que non chega aos niveis de sectarismo que o que fixeron sobre Lorenzo Varela. Manipulación intelectual (ou ignorancia supina) do máis escandalosa e que debería pór rubios a quen asinou tales cousas.