29 jun. 2006


ANTES DE NACER MILLADOIRO
(Andoliña xoves 29 xuño)
No ano 1994 o grupo Milladoiro recibiu o premio Casa dos Poetas de Celanova. Tocoume daquela facer a súa “laudatio” na vila de Curros e, ademais de consultar algúns papeis, tiven que remexer no faiado da memoria, o mellor arquivo. E lembrei as orixes do grupo (aquel memorábel concerto no Auditorio da Salle) e algúns detalles da súa prehistoria, que esoutro día compartía eu en Trasalba con Manuel Bragado. Por exemplo, a lembranza de Roi Xordo, grupo constituído no ano 1976 na liña da canción rebelde daqueles días, que só durou uns meses. Estaba formado por músicos de “Bem-Virá” e do Movemento da Canción Popular Galega; velaí: Antón Seoane e Rodrigo Romaní, a cantante Pilocha, Pi da Bahía e Quico de Cariño e o brasileiro Ze Luiz.
Cantaban poemas de Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas e Cabanillas. Eles mesmos (a memoria volve de novo á Salle compostelá) escribiron e musicaron un Himno da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), que por algures teño traspapelado e que comezaba “Galego, é hora xa/ labrego, pra ti tamén; / que pide a patria/ todas as mans”. Tamén reclamaban “berros de luz” e “bandeiras en pé”. E remataban contundentes: “A loitar! A loitar! A loitar!”. Que tempos!
(Imaxe: Jolie Coeur, de Dante Gabriel Rossetti, 1867)

8 comentarios:

arquivo histórico dijo...

Excepcional memoria a súa, amigo Valcárcel. Un libro de entrevistas con vostede había dar moito zume.

galeidoscopio dijo...

Seoane e Romaní eclipsaron un tanto a Ferreirós e Nando Casal, que con Moncho García fixeron un grande trabalho en "Faíscas do Xiabre". Espero que alguen poda editar de novo esa gravación (penso que non existe en CD, non?).

Xosé M. González dijo...

Obreiro, é hora xa.
Labrego, p'ra ti tamén,
que pide a patria
tódalas mans.

Dos portos a túa voz
virá, mariñeiro irmán,
e xunguida a nós
vencerá.

Berros de luz,
galegos en pé,
mulleres e homes
de Norte a Sur.
Ergamos bandeiras
na terra e no mar.
A loitar, a loitar, a loitar.

Eis a letra. Marcos, pídoche un favor: cópiaa e gárdaa, que traer as cousas da memoria, de momento, funciona, pero non sei canto tempo aínda.

Se nos vemos e queres, un día cántocha.

Xosé M. González dijo...

Faltaba unha estrofa. Copio e completo:

Obreiro, é hora xa.
Labrego, p'ra ti tamén,
que pide a patria
tódalas mans.

Dos portos a túa voz
virá, mariñeiro irmán,
e xunguida a nós
vencerá.

Berros de luz,
galegos en pé,
mulleres e homes
de Norte a Sur.
Ergamos bandeiras
na terra e no mar.
A loitar, a loitar, a loitar.

Bandeira da nosa unión
a branca e azul será,
e unha estrela roxa
a rebrilar.

Berros de luz...

Por certo, quen faría a letra?

Xosé M. González dijo...

A fraxilidade da memoria. Terceira versión, espero que derradeira: "fagamos barreiras" por "ergamos bandeiras". Ou sexa:

Obreiro, é hora xa.
Labrego, p'ra ti tamén,
que pide a patria
tódalas mans.

Dos portos a túa voz
virá, mariñeiro irmán,
e xunguida a nós
vencerá.

Berros de luz,
galegos en pé.
Mulleres e homes,
de Norte a Sur,
fagamos barreiras
na terra e no mar.
A loitar, a loitar, a loitar.

Bandeira da nosa unión
a branca e azul será,
e unha estrela roxa
a rebrilar.

Berros de luz...

E lembrando lembrando, paréceme que letra e música debían ser do Antón Seoane.

marcos valcarcel dijo...

Esa é a letra que eu lembro tamén, moitas grazas, Xosé Manuel. Eu debo tela traspapelada, pero agora queda de seguro ben arquivada. Eu tamén supoño que a letra é de A.Seoane.

arquivo histórico dijo...

O de "fagamos barreiras..." é ben sintomático dun nacionalismo resistencialista que, daquela, era, en efecto, o nacionalismo da UPG + AN-PG.

galeidoscopio dijo...

Quixera aclarar que Faíscas do Xiabre era o grupo de Ferreirós, Casal e García. O título da gravación, "In Memoriam".