10 jun 2006

Da censura na prensa: a miña experiencia persoal

Levo tempo querendo contar isto e ata agora non puiden: o blog creo que é o lugar máis axeitado.
Hai case 30 anos que veño escribindo en diversos xornais galegos (en case todos). Agora fágoo a diario en dous deles (Galicia Hoxe e La Región), pero tamén o fixen moito tempo, máis de dez anos, nunha edición local de La Voz de Galicia (ademais de nos suplementos culturais), en Orense Diario, en Diario de Galicia, en El Correo Gallego e no Faro de Vigo (e Faro de Ourense). Polo xeral, tiven unhas relacións bastante boas en todos estes medios, houbo problemas (cómo non!), pero solucionados dun xeito ou doutro. E cando o xulguei conveniente cambiei de medio e xa está.
E quero contar agora as miñas experiencias coa censura na prensa: adianto xa que non foron moitas, quizais porque sempre souben en qué medios traballaba e os límites necesarios para escribir neles, isto é, o que se chama autocensura. Non sexamos inocentes: en cada xornal hai unhas claves que non se poden tocar, sexan unha empresa, un poder político, ou mesmo un lobby de calquera tipo. A miña autocensura evitoume moitos problemas, pero non todos. Por exemplo:

1) Nunha ocasión, nun xornal local, foime censurada unha carta (nin sequera era un artigo) na que falaba ben de Telesforo Monzón. Eu era moi novo, debeu ser no 77 ou no 78 e Monzón viñera ao 25 de xullo en nome de HB. Foi atacado e insultado en moitos medios e eu, inxenuo, saín na súa defensa. A carta nunca foi publicada.

2) Segunda situación, nun xornal ben importante, hai moitos anos, case 30. Mandei unha carta de réplica a un escritor moi coñecido por un tema relativo á lingua galega. Que eu recorde a carta era cortés e nada ofensiva, pero nin sequera así saíu. Por desgraza non creo que conserve copia, pero creo que me respostaran no xornal que non a consideraban pertinente. Este é o único caso en que me alegrei, co paso do tempo, de que a carta non fose publicada: o máis seguro era unha babecada e ía dirixida a replicar a Carlos Casares, co que logo tiven certo trato e amizade (por certo, nunca lle contei este incidente e seguro que el nunca viu a miña carta frustrada). Cousas que pasan ...

3) No mesmo medio que o anterior, pero moitos anos despois, e sendo eu colaborador habitual. Eu xa sabía que había nomes intócabeis (era o momento de apoxeo máximo do PP en Galiza), pero o colaborador tampouco sabe nunca ata onde pode chegar exactamente. Por outra parte, hai cousas que lles deixan escribir a algunhas firmas (polo que sexa) e a outros non. O meu neste caso era un artigo que aludía directamente ao pasado de Fraga, entón presidente da Xunta, como exministro de Franco. Tomeino como censura pura e dura, aínda que o xornal non o quixo recoñecer así. Pero o artigo nunca saíu.

5) Noutro medio no que colaboraba habitualmente (e seguín colaborando logo: non nego que xogo ao posibilismo) un día un meu artigo desapareceu da páxina de opinión. Sacárono, pero publicado como carta ao director e en letra pequena. Non pedín moitas explicacións, porque era obvio que non se querían meter dende o xornal con aquel personaxe: o artigo criticaba, con certa dureza, pero non demasiada, ao presidente da Confederación Empresarial Galega daquela, creo que A. Ramilo.

Debeu haber máis casos que agora non lembro. Quizais algúns artigos políticos, cando cultivaba máis este xénero: lembro nunha ocasión que me chamaron dicindo que os colaboradores non podían usar o tono propio dun voceiro dun partido político. Ao mellor ata tiñan algo de razón: disto tamén hai moitos anos. En calquera caso, esa foi a miña experiencia persoal.
E que ninguén pense que isto é excepcional: seguro que hai moitos lectores que tiveron incidentes semellantes, e moitos máis. Aínda máis, cónstame que case ninguén se libra: sei de intelectuais de moito renome, mesmo varios membros da Academia Galega, aos que lles teñen recortado parágrafos e cambiado algunha liña “molesta” nos xornais. Canta máis incidencia pública teña ese medio, moito peor...! Por exemplo, nun diario hai artigos que poden saír nunha determinada edición local (por ser de menor difusión ou recepción social) e non noutra: isto lle sucedía a Bieito Iglesias cando escribía na edición de Compostela da Voz que era a que lían os conselleiros. Tiña problemas continuos e tivo que rematar por deixalo. (Por certo, nos dous diarios que escribo agora fágoo sen ningún tipo de problemas, non lembro ningún incidente censor en moitos anos...).

9 comentarios:

acedre dijo...

Dende logo os medios escritos ponhen o que queren e buscan escusas para non editar o que lles amola.
Iso si, logo di o A. Ramilo que os obreiros cain dos andamios porque estan borrachos e todolos medios apoian as suas palabras e publicanas.
En fin...poderoso caballero es don dinero.

Anónimo dijo...

En canto ós que cambian de galego ó castelán nos medios escritos, eso que é? autocensura ou abducción nun despacho?

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Roi Queimado: se te refires ás miñas colaboracións na prensa, durante case 30 anos, o 98 por cento delas publicáronse en galego. Só nunha ocasión, moi breve e imposta polo xornal, fixen unha sección en castelán, pero que non asinei co meu nome, senón cun seudónimo (Xabier Ribalta), e moi pouco despois logrei que esa mesma sección saíse xa en galego. Por suposto, dos medios teño recibido suxerencias, máis dunha vez, para publicar en castelán.

Anónimo dijo...

Marcos: Ti sabes dunha revista mensual que "no pasado" exercíase tamén unha censura onírica. A min non me publicaron unha colaboración (solicitada por eles) porque dicía que un cardeal -con moita sona- axudara aos condenados na Guerra Civil cando exercía de crego en Ourense e que ademáis se entrevistara (xa cando era purpurado) con xente importante na clandestinidade en Francia e que defendía que os cregos en Galiza deberían misar en galego (xa o dicia en "Misión" en 1933.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para U.A.: pois sospeito de quen se trataba, o cardeal, pero non acerto a ubicar a revista (e hai poucas revistas mensuais). Pero no remate da túa nota debe haber unha imprecisión pois a revista católica Misión, na ue colaboran os galeguistas, empeza a publicarse en febreiro de 1937.

Anónimo dijo...

Don Fernando Quiroga Palacios ten oito artigos en Logos, revista católica de antes da guerra. Catro sobre Rerum Novarum e outros catro sobre outros temas onde creo que se pode encontar este posicionamento, que ademais era o da revista. Seguro que o Anonimo quería dicir "Logos".
¿Censura "onírica" por dicir estas cousas? Vexamos. A Nosa Terra non é mensual. Grial tampouco, A Trabe, tampouco, Tempos, non me parece polo estilo. Encrucillada sería alucinante, Teima e Man Común onde elas van... Non sei. non sei...
Deanos algunha pistiña, xefe, e sacarémoslle a pel.

Anónimo dijo...

A gralla estivo en "Misión". A miña cabeza estaba en "Logos" que ademais teño en edición facsimilar grazas a Sotelo Blanco. As mans no teclado foron cara unha revista na que sería imposíbel escribir iso en plena Guerra. Ao sr. Valcárcel non se lle escapa unha e a "etxeokeai" vexo que controla o tema de Quiroga.
A revista está financiada por Caixanova e sae gratis con "La Región" o último domingo de cada mes. Dende que a leva o amigo Antonio Piñeiro non hai problema, pero na etapa anterior, ao sr. Valcárcel tamén o censuraron. Vostede mesmo o deixou escrito nun libro seu publicado por Caixa Galicia.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois si, U.A., ten razón: esquecera ese dato. Foi na etapa anterior, como vostede ben di e daquela non querían artigos que abordasen ningún tema referido á historia política do país ou aos seus aspectos sociais máis conflictivos.

Anónimo dijo...

Como anécdota podo contarlle sr. Valcárcel que a persoa que levaba o peso da redacción de "Auria" chamoume moi magoado dicíndome que el publicaría o texto sobre Quiroga completo, pero que unha persoa de moi arriba (on top) de Caixa Ourense non ía permitir iso: que Quiroga axudara a condenados (M. Gómez del Valle: léase o demoledor relato do seu irmán), que estaba a prol do galego na liturxia en 1933 e que tivera reunións "clandestinas" (o Vaticano daquela era outra cousa con Xoán XXIII e Paulo VI). Xa ve. Graciñas por ser tan elegante no tema da gralla.