16 jun 2006


Denuncias no reino do disparate
(Andoliña venres 16 xuño)
Carlos Callón, segundo informan os xornais, decidiu denunciar a Presidencia da Xunta e a Consellería de Educación diante do Consello de Europa por presuntas trabas ao proceso de normalización do idioma: a nova pertence, como outras que cada día chegan á prensa escrita, ao reino do disparate. Ninguén en Galiza pode pensar que o problema do galego hoxe sexa Emilio Pérez Touriño ou calquera outro alto cargo do seu goberno. Pérez Touriño preside un goberno progresista e galeguista, que se comprometeu a aplicar o Plan de Normalización Lingüística e que está a anunciar medidas novas en defensa do idioma, discutíbeis, como todo, pero orixinais de seguro.
Que sucede logo? A única explicación que entra dentro do campo da razón é que estamos ante un novo episodio de loita partidaria, cun certo aceno sectario e mesmo contraproducente na intelixencia política do goberno de coalición: non esquezamos que o goberno denunciado ante o Consello de Europa é tamén o goberno dos nacionalistas do BNG (ou non?). Callón e os seus colegas están a tirar por terra, con este tipo de actuacións, o creto político que a Mesa gañou en moitos anos en amplos sectores do noso tecido social.

16 comentarios:

Anónimo dijo...

Estou totalmente dacordo contigo Marcos, eu xa o teño pensado. Nesa actitude só vexo intereses políticos. Callón e os seus non valoran nada do que Marisol López e Política Língüística están a facer co seu esforzo diario pola nosa lingua:porque a lingua é de todos, non dun "só sector político". Non valoran nada porque o que queren é botar á quen está para meter a alguén do BNG, está clarísimo. Unha lingua non se pode politizar, porque a lingua é parte intrínseca da cultura dun pobo, e polo tanto, parte da nosa identidade, individual e colectiva. Non é menos galego un ferreiro, un mariñeiro ou un labrego que un militante dun partido político. A LINGUA É DE TODOS. E sempre progresaremos mellor co diálogo e o entendemento, e non coa guerra e a competición por ser o máis "forte". Unha aperta, en galego.

Anónimo dijo...

Estou contigo, Yoli. Xa ía sendo hora de que alguén, dunha vez por todas, se atrevese a dicir certas cousas que neste país semellan ser soamente propiedade de catro iluminados. Efectivamente, a lingua é o primeiro sinal de identidade dun pobo e como tal temos o deber de coidala e defendela onde sexa mester. Ora ben, apropiarse da lingua desde o discurso demagóxico ou desde calquera outro plantexamento político-partidista é un erro gravísimo amais dunha absoluta inmoralidade. O noso idioma, afortunadamente, sobrevivíu aos séculos escuros, aos reis católicos, ao totalitarismo fascista e a todo obstáculo que se lle puxo diante grazas aos homes e mulleres do país: aos mariñeiros, labregos, canteiros, etc, como ben dis, Yoli. E velaí a única certeza, o verdadeiro poder dunha lingua culta e milenaria. Caer no proteccionismo e nas imposicións, desde o meu punto de vista, de pouco ou nada serve. As galegas e os galegos somos máis intelixentes do que moitos cren. Porén, oxalá que a esta reflexión de Marcos sigan outras de semellante claridade. Polo ben de Galicia e da nosa lingua.

Anónimo dijo...

O que non se comprende é esa absoluta e radical belixerancia, esa persecución sistemática contra Marisol López e POlítica LInguística, que é mil veces maior da que a que a Mesa fixo contra os gobernos do PP.

Que Política Linguística ten que facer moito máis do que fai, está moi claro, e hai que demandarllo firme pero costesmente.
Pero iso non se consegue deste xeito tan brutal, con esa inquina persecutoria, señor Callón. É máis, estase facendo vostede tan antipático e tan arrogante que arrastra consigo o prestixio acadado pola Mesa e, peor aínda, o do noso idioma.
Porque o que está a facer só amosa impotencia e partidismo estreito, señor Callón, e iso é algo nefasto para todos.

Anónimo dijo...

Pois a ver que facemos cos iluminados? nacionalistas.
Estan a estragar o proxecto. Se seguen así vai voltar o PP.
con todo nos non seriamos que peor o teria, podemos facer politica cultural con eles, pero os iluminados perderán por moito tempo.

Anónimo dijo...

“¿Manca finezza? Non.
È propio sciocchezza"

O Sr. Callón e a súa Mesa, -que non a Mesa na que eu e tantos outros militamos cando el era aínda máis noviño, ou sexa cando era un proxecto vocacionalmente máis aberto, integrador e ilusioante- equivocase de novo. E de xeito radical. Creo que, confundido o touciño coa velocidade e cu con témporas, valorará a eficacia do seu discurso no número de cm cuadrados de xornal ocupado e no número de reaccións producidas de “tépedos”, “mornos”, “españolistas”, “pseudonacionalistas”, “traidores”, etc. segundo sexa a moda alcumar. Incluso haberá quen pense que eu non debería escribir isto, con este nivel de radicalidade, por canto, no fondo, todos estariamos no mesmo lado do turrasoga, só que con matices. Mesmo haberá quen diga que os defensores do galego, damos unha imaxe deplorable, como as sectas xudías na Vida de Brayn, sempre pelexando. Que o digan, están no seu dereito, por suposto. Pero ás veces cómpre furgar na raíz, entrar cos cornos e verbalizar o que moitos pensan para que se vexa que non somos o mesmo todos os que falamos galego de xeito non inercial. E sen problemas, grazas á liberdade que nos dá a sociedade democrática occidental na que vivimos e o marco xurídico político con que nos temos dotado. Con esa liberdade eu digo que me dá vergoña que a única voz organizada que fale supostamente en favor da lingua, sexa a da Mesa. E con esa liberdade digo que desde hai uns meses, cada vez que a Mesa abre a boca, perdemos terreo. E temos que ter moito coidadiño, por que xa está ben de buscar inimigos fóra de nós. ¿O problema desta terra son os xuíces? Non me faga rir. Nunca entrei nun xulgado e espero non o facer. ¿O problema é que Estatuto diga tal ou cal? ¿En serio? ¿Está o galego en peor situación hoxe que hai trinta anos? Si alguén contesta que si, é que non ten nin idea do tema, nin idea da historia. Fale coa xente maior. Escoitáballe o outro día a un sabio –ás veces cómpre escoitar co corazón aberto porque tamén se lle pode aprender dos outros, sabe?- escoitaba, digo, que aquí non temos unha sociolingüística cuantitativa da recuperación. ¿Cantos nenos hai que levan xa nomes galegos? ¿Cantos comercios hai xa co nome na nosa lingua? ¿Cantas conversas se desenvolven con normalidade en galego en ámbitos que antes eran alleos? A cousa non lle está tan mal como vostede pensa. Saia da cuncha, rompa o ovo, tire a molida, e patee a terra sen orelleiras. De acordo con que hai que poder casar en galego, pero non é cousa que fagamos todos os días. Vaia ao super e fálelle en galego á caixeira. Vaia ao Instituto e fálelle en galego ao profesor. Vaia á policía e fálelle en galego ao axente. Vai ao bar, á biblioteca, ó concesionario do coche, equivóquese por teléfono, fale con calquera. Vaia a onde queira e fálelle en galego a quen queira e, por sorte, grazas ao bilingüismo pasivo dos outros, vostede pode vivir sempre en galego, se é a súa vontade. Os tempos de “Hábleme en castellano”, xa lle pasaron, aínda que, se cadra, lle gustaría telos vivido, para ter que contar.
E sei que moito hai por facer,pero cambiando de ton. E facendo algo de... autocrítica, sabe o que iso?
Eu ben lle sei que tamén nós temos moita culpa. O uso da lingua como agresiva arma política partidaria –como é, ás claras, e coa máxima zafiedade o que vostedes fan na actualidade- é unha cousa que moito lle leva dado para atrás á normalidade. Pero non tanto que impida que a xente, libremente, se relacione en galego en máis ámbitos ca nunca e non grazas a vostedes, senón a vitalidade da lingua e do noso pobo. Dese pobo que ri,e que ve o Luar, máis que desoutros que logran aturar os pelmas debates novos da TVG.
O lío das normativas foi outra pexegueira. Observe, unha escura benzón permitía negar a identidade da propia lingua e aínda encherse o peito de medallas, apoaindo un hipotético “galego-portugués” actual, e desprezando fondamente a historia da formación do galego moderno e a súa realidade viva. Chegouse a tolerar o intolerable, isto é que algúns profesores, incumprindo a lei pero mamando do teto da adminstración, mareasen aos seus alumnos e á opinión pública menos informada con ortografías tan arbitrarias (zom, çon, çom, çao...) como ilegais. Igual que tamén algúns profesores túzaros –que fosen exigua minoría non lles resta importancia- tampouco lle fixeron favor ningún á lingua con tanta normativa, guións, acentos e tan pouco amor. Con tanta soberbia do “galego normativo” e tanta proscrición do galego dialectal, ou sexa do galego vivo. E despois cambiamos ás grazas e deixamos de usar as segundas formas, etc. Tamén nós mareamos na xente.
Os señores da Mesa poden pensar que aireando continuamente eivas, imaxinarias e reais, lograremos que o tolleito ande ou o cego vexa. Esa asociación permanente de “galego” como lingua dos problemas (xa o dicía Manuel Antonio) é a cousa máis desnormalizadora que se pode pensar.
Non é preciso ser avezado sociolingüísta para ver que debemos asociar lingua galega a éxito, liberdade persoal, optimismo, futuro, recuperación, confluencia, etc. e non a "deberes" legais ou éticos.
E eu pregúntome, en que cacheira pode entrar que a Mesa faga unha denuncia contra un goberno de coalición nacionalista e socialista que por primeira vez ten a responsabilidade de goberno e acorda facer que figure no novo Estatuto a obriga de coñecer a lingua galega. Esa Mesa faría mellor en baixar ao mundo das persoas do común, esas persoas do urbano e rural que lle van poñendo nomes galegos ás fillas e fillos, que lle van pondo nomes galegos aos comercios, restaurantes, tendas, etc. que van utilizando progresivamente o galego, con vontade e normalidade. Escoiten a esas mentres que con ilusión preparaban a campaña de "Entre nós en galego" e escoiten a eses alumnos defraudados por non ter este ano esa festa...¿Que gañamos con esa supresión? Cambios? Os que se queiran. Pero esas cousas, todo o que sexa ir para adiante, hai que apoialas. E vostedes, non dixeron nada. ¿Que viña do goberno anterior? Non me sexan acomplexados.
Mírense nos que saben vivir en galego. Sen sufrir. Gozando. Moitos falamos. En aberto e positivo. Exercendo a normalidade. Procurando atraer e non repugnar. Repugnates, carallo.
Ah, que ben quedei.

Anónimo dijo...

Eu xa volo dixen, con respecto ás normativas nosas de cada ano (ata cando imos seguir trocando a normativa?). Hai xente que ca desculpa de salvar o galego remataran por fodelo!!! Cando mais nos distanciemos do galego dos nosos queridos vellos, mais iremos de cú!!! Segamos rindolle os contos ós das ¨Grazas¨, os do ¨Ao¨,os do ¨i¨... xa nos pasaran factura, xa!!!

Anónimo dijo...

Teño que dicir que discrepo absolutamente do que di Yoli acerca de Marisol López. A súa contribución á filoloxía no ámbito da Facultade de Santiago deixou moito que desexar (tívena como profe no meu terceiro ano de carreira e non aprendín moito, como se pode comprobar); non quero referirme a cova de Alí Babá que é o Ramón Piñeiro, auténtico orferinato de bestas saídas do Edén da mantenencia administrativa noutros eidos. Os da Xunta están perdendo polo camiño a moita xente válida que nin sequera chegou a San Caetano. É o que teñen os gobernos primeirizos. Proben o material rapidiño e busquen outras mostras de intelixencia na terra. O proxecto Marisol López está concluído.

Anónimo dijo...

Hola Marcos, soy Marisol. Quiero expresarte mis felicitaciones por tu campaña en positivo, gente como tu es la que necesita nuestra galicia para mirar optimistamente el futuro
Gracias y a seguir con vuestra efectiva campaña.
una apertiña

Anónimo dijo...

Este último usuario anónimo, non é, evidentemente, Marisol López. É un covarde. Creo que podemos ocultarnos, máis ou menos, para opinar con máis liberdade. Como o Virollo, Roi Queimado, Yoli, Modesto, pero non para suplantar identidades, aínda que sexa de broma. Ironías do nabizo. Que ben escribes en castelán. Vese que é o que che sae.

Marcos Valcárcel López dijo...

A nosa campaña debe ser efectiva cando algúns "iluminados" recorren ao que faga falla (esa burda ironía suplantadora de U.A.) para amosar o seu descontento. Que haxa calma... O galego é de todos: non hai leiras pechadas. Ninguén ten tampouco o patrimonio exclusivo da verdade. Por iso seguiremos a reivindicar o sentido común... tamén na defensa do noso idioma.

Anónimo dijo...

Súmome á petición de Marcos Valcarcel de usar o sentido común. Claro que si, tamén na defensa do noso idioma.
Por eso non entendo moi ben o post “Denuncias no reino do disparate”, mais o que non entendo nada son os comentarios ao post, se do que se trata é de usar o sentido común tamén en defensa do noso idioma.
“Callón e os seus non valoran nada do que Marisol López e Política Lingüística están a facer co seu esforzo diario pola nosa lingua” di Yoli. A ver cal é o reino do disparate. De verdade, ¿que está a facer Marisol López e Política Lingüística? Digo máis, ¿hai política lingüística?
Logo no canto de argumentar, pór cualificativos que resulta o mellor para entendermos todos e encherse de razóns ¿non si? “propiedade de catro iluminados”, “discurso demagóxico”, “plantexamento político-partidista”, “iluminados nacionalistas”.
Mención aparte merece o comentario do señor a.v-m.f. É dificil por tantas cousas que mestura, pero imos intentalo.
No único en que concordo é que hoxe non te van dar unha lapada en ningún sitio por falar galego, cando menos abertamente, mais sabemos que aínda te poden botar do traballo por facelo. Tirarlle valor ao feito da situación do galego nos xulgados ou o feito de non se poderen casar unha parella en galego dicindo que espera non estar nunca nun xulgado, ou que un non se casa todos os días, é cando menos unha mostra de grande cinismo, señor a.v-m.f. ¿Que é iso do “uso da lingua como agresiva arma política partidaria”? Claro que a vostede señor a. v-... mesmo parece terlle sen coidado o que diga o Estatuto (“¿O problema é que o Estatuto diga tal ou cal? ¿En serio?”).
“¿Está o galego en peor situación hoxe que hai trinta anos? Si alguén contesta que si, é que non ten nin idea do tema, nin idea da historia” Pregunta a. v-...e contesta de xeito categórico. Pois eu non lle estou de acordo. Si quizais eu non teña idea da historia, nin do tema e quizais son un ousado por contestar a tan egrexio comentarista, pero xa ve, eu vou ollando ao longo dos meus anos, que xa non son poucos, e observo como nos anos en que o galego acadou un certo status de legalidade (os últimos 25 digamos) foi perdendo falantes a esgalla. Eu atrévome a afirmar que cando menos a situación do galego nos últimos anos evoluiu de xeito contraditorio. Vostede que fala dos nomes que se van pondo en galego (nenos, nenas, tendas, etc.) esquece que cada vez os pais e nais lle falan menos en galego a eses Brais, Xianas, Antías, etc., ou que o nome do estabelecemento ten un caracter, as máis das veces, de enxebrismo comercial afastado de calquera galeguización real.
Tamén se mete co tema das normativas. ¿De verdade para vostede os problemas de non termos a lingua normalizada se derivan, aínda que sexa en parte, das polémicas normativistas?
“E eu pregúntome, en que cacheira pode entrar que a Mesa faga unha denuncia contra un goberno de coalición nacionalista e socialista que por primeira vez ten a responsabilidade de goberno e acorda facer que figure no novo Estatuto a obriga de coñecer a lingua galega”. Agora parece que si ten importancia o que diga o Estatuto. Pídolle que se aclare. Respecto ao d’A Mesa na primeira parte do seu “pregúntome” eu concordo con que A Mesa faga por tanguer ao goberno, sexa o que sexa, se este non se move. E abofé que non se move. Non sei se A Mesa fai ben, mal ou regular. Pero polo menos fai. Eu non me meto co que vostede faga a prol do galego. Adiante e moito éxito.
Só unha cousa máis antes de despedirme. Voulle por un cualificativo (primeiro e único) para o seu comentario: é unha total enxurrada.
“Ah, que ben quedei”

Anónimo dijo...

Así traballa Marisol ,ha, ha....A distribuidora catalá comunicou á Mesa que a partir do ano 2007 non poderán continuar a asumir os custos da dobraxe para o galego dos filmes que distribúan. Segundo os directivos de Luk Internacional, existe vontade de utilizar a nosa lingua no mesmo nivel que os outros idiomas cooficiais do Estado, porén, mentres a Generalitat catalá e o Goberno Vasco si apoian a dobraxe e distribución nos correspondentes idiomas, da Xunta de Galiza continúan sen recibir o máis mínimo soporte.

Anónimo dijo...

E non vos estaredes a pasar coa crítica a Callón?. Un pouco de moderación, escoitade ben a mesa, sopesade os seus argumentos, non son os vosos, mais hai cousas que seguro compartiredes. Sede de verdade positivos. Eu levo moitos anos traballando en ela, e sempre fumos positivos e parece que vos agora queredes monopolizar o sentido común e a positividade. Non vos pasedes que todos imos no mesmo barco, e todos nos imos vendo. Semellades radicais iluminados da positividade e o sentido común.
Miguel

Anónimo dijo...

Polo que ouvim, o enfado de Valcárcel e Monxardín tem um trasfondo "comercial": a ediçom cada ano dos materiais do Dia das Letras e que algumha acçom houve por parte da Mesa que afectou os seus interesses ou algo assi; que aí foi onde começou todo. Poderia-se aclarar este ponto? Acho que lim algum artigo há algum tempo em que Monxardín tratava este tema.

Eu, como professora de licéu, considero que esses materiais realizados este ano eram, com certeza, muito melhoráveis. Mas muito mais grave foi o que figéram o ano passado, silenciando aspectos da vida de Lorenzo Varela (nom se diz que era do PCE, nom se explica que tivo de se exilar, etc). Nom sei se os seus autores nom desejavam pô-lo ou se fora a Junta a que censurara, mas aí nom houve nengum artigo incendiário como o que vemos agora replicando contra tal vergonha.

Veja-se com que zúnia se ataca aos débeis e com que vigor se achegam ao novo poder. Mágoa.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para usuario anónimo (Miguel): non temos ningún interese en monopolizar nada, nin sequera a positividade. Sucede só que a Mesa é unha entidade suxeita á crítica, en canto fai actividade pública. Cando algo do que fai (a través da súa actual directiva), para nós é errado, dicímolo e nada máis. E iso é bon para o país: non ten por que existir un discurso uniforme tampouco a este respecto. Hai moitos xeitos de defender o galego: o tempo dirá qué foi dos "radicais iluminados" dun ou doutro bando, se os houbese...

Marcos Valcárcel López dijo...

Para o segundo usuario anónimo, que confesa que fala "de ouvidas". Imos por partes. (1) Fixemos (Monxardín e máis eu) as unidades didácticas promovidas por Política Lingüística no Día das Letras Galegas. Non só as deste ano, de Lugrís Freire, tamén as de Avilés de Taramancos, Xoaquín Lorenzo e Lorenzo Varela. Quizais para a miña interpelante iso sexa un delito, para min non. Todo é mellorábel, por suposto, pero eses materiais, destinados ás escolas, tiveron boa acollida entre moitas voces especializadas e profesores de centros de secundaria. Pero todo isto non ten nada que ver co seu aludido “trasfondo comercial”: se así fose, a nosa posición máis lóxica sería o silencio, pois é ben sabido que as institucións prefiren, quizais con acerto, non entrar neste tipo de polémicas. A nosa campaña “en positivo” é froito dunha reflexión que vén de moi atrás e que non se pode cinguir, pois, a unha anécdota como esa.
(2) Ata este ano, por se alguén non se lembra, gobernaba a Xunta o Partido Popular. Nós xogamos ao posibilismo e aceptamos facer eses materiais cun goberno de dereitas, como aceptamos cada día moitas outras cousas que non contradín os nosos principios. En efecto, en tempos houbo outro tipo de condicionantes e “censuras”. Nas unidades de Lorenzo Varela houbo certas presións, pero logramos sacar adiante un material onde queda ben claro que o escritor era un home de esquerdas e moi representativo do exilio. Fálase do seu papel como combatente na guerra civil, no Congreso Antifascista de Valencia, nos campos de concentración en Francia, no exilio americano, mesmo engadindo textos específicos ao respecto (p.ex. de X.L. Axeitos). Non lembro agora, habería que revisalas con detalle, se facemos mención explícita a súa militancia no PCE, dende 1936: quizais ese foi un dato (que pode figurar, que conste) que desapareceu ao cabo, pois houbo modificacións dende que entregamos o traballo final (pero mantendo o esencial do mesmo). Por outra parte, cabería reflexionar se é fundamental insistir na adscrición política: é un dato que pode e, se se quere, debe figurar, pero sen sacralizalo.
Por exemplo, no caso de Celso Emilio Ferreiro e falando de materiais escolares, ten sentido citar que foi militante da UPG, do PCG, do PSG e do PSOE, ás veces mesmo con erros? Non sería máis lóxico resumir dicindo que foi sempre un home de esquerda e galeguista? Para a comprensión da súa poesía polos alumnos e alumnas, que é máis necesario?
(3) Xa non respostarei (a cousa xa vai longa de máis) aos seus prexuízos sobre as nosas intencións e os ataques ou defensa dos fortes ou dos menos fortes, e menos a ese dardo envelenado “con que vigor se achegan ao novo poder” (se eu lle contase...). Non paga a pena entrar a avaliar intencións, sobre todo cando se discute con alguén que se refuxia no anonimato e que se cre posuída dun dereito absoluto a xulgar as capacidades e as intencións dos demais.