20 jun 2006

Faleceu Fernando Pérez, presidente da Aula Castelao de Filosofía
Moi recentemente recollía o Pedrón de Ouro en nome da Aula Castelao de Filosofía. Soubemos polos xornais que faleceu onte, con 60 anos, vítima dun infarto. Había moitos anos que non o vía nin falaba con el. En tempos foi un dos responsábeis da AN-PG en Ourense e unha das súas primeiras caras públicas nos inicios da transición democrática. Daquela era Fernando o de Sarria. Logo viñeron tempos difíciles e polémicos, que non é o caso relembrar agora. Seguiu a traballar no ámbito cultural e a vida foille, sempre o é, demasiado curta. Vaia dende aquí unha última lembranza cordial.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Un recordo para o Fernando de Sarria, e o meu pésame para a familia. Descanse en paz.

Anónimo dijo...

Lamento
Fernando coñecino nun coche que me prestara para realizar certos traballos da organización. El dician tivera contactos cos grapo, tiña fama de duro. A súa laboura foi grande en Ourense, como profesor, ainda hoxe hai alumnas que falan con nostalxia das súas clases e influiu en mais dunha vocación.
Dis Marcos que logo viñeron tempos dificiles....e para quen non. Dificiles...daquelas dábase un golpe de estado na ANPG. Amarrábase o poder e constituiase ao menos vocacionalmente unha familia.
Houbos desfenestrados, vilipendiados...tan pouco acostumados a dirimir as opinions.
Fernando Amou a terra, foi sempre nacionalista e foi xeneroso coa nosa cultura, coa cultura.
Unha lembranza e un ata sempre.
SIRA

Anónimo dijo...

Fernando Pérez López, “Fernando de Sarria”, pode considerarse o paradigma do activista político do nacionalismo galego de esquerdas (UPG + AN-PG) durante os anos 1977-1980/81. Procedente dos ámbitos da extrema esquerda española en Madrid, foi membro do Comité Executivo da UPG, da dirección nacional da AN-PG, dirixente indiscutido de Ourense e provincia. Fernando estaba dotado dunha grandísima capacidade de comunicación e dun espartano espírito de traballo e entrega, facendo sempre gala dun entusiasmo contaxioso, e sabendo conxugar a simpatía coa dureza, a sensatez máis preclara co dogmatismo esquerdista e sectario. Percorreu incansable de arriba abaixo todas as terras da provincia de Ourense, organizando aquí e acolá a AN-PG, as CC.LL., a UTEG, o SOG, ou o que fixese falta.

Fronte a outros líderes locais que, como o Rubio (personaxe clave entre “bambalinas”), eran máis distantes e irónicos, ou como Alfredo, moito máis frío e analítico, Fernando tiña unha innata capacidade para achegarse e convencer, unha proximidade humana e unha empatía cos labregos, cos profesionais, cos estudantes. Isto non era óbice para que, actuando como home de aparato, como un comunista de raigame leninista, fose implacable coas disidencias ou críticas internas por mínimas que fosen, porque, na súa cosmovisión, o único que facían era atrasar o avance da revolución nacional-popular.

Pero a política radical, antisistema e hiperideoloxizada que, daquela, desenvolvía o nacionalismo liderado pola UPG, tiña uns límites ben claros e unha incapacidade conxénita para dar cumprida resposta aos problemas cotiás e reais. De aí que o globo fose perdendo forza, e que a frustración rematase facendo mela nos activistas máis entregados. A maiores, todo isto reflectiuse a nivel interno. Fernando, xunto a outros dirixentes medios da UPG e da AN-PG (Cuqui Fraguela, Montes, …), plantaron cara, nun episodio escuro do que apenas transcenderon motivos e circunstancias, á cúpula dirixente da UPG, e que concluiu co seu ostracismo político. Fernando, daquela, mudouse para Pontevedra, abandonou toda militancia política (agás algún esporádico episodio de colaboración co independentismo) e centrouse na súa vida profesional, familiar e cultural, sendo un dos fundadores e animadores da Aula Castelao de Filosofía.

Fernando Pérez López foi un “home da súa época”, coas súas luces e coas súas sombras, coa súa humanidade e coa súa dureza, coa súa bonhomía e coa súa “mala hostia”. Pero nunca puido agochar que era, por riba de todo, unha boa persoa, cariñosa e entregada. O seu traballo daqueles anos non foi totalmente inútil. Descanse en paz, Fernando Pérez López.

Marcos Valcárcel López dijo...

Magnífica semblanza, Arquivo Histórico: é evidente que coñeciches ben aquela época e as súas circunstancias. Eu só engadiría que as tensións habidas entón (esaxeradas e disparatadas, en moitos casos) levaron a todos/as a cometer accións políticas ou defender posturas das que co tempo quizais non sentirían gran orgullo (e isto inclúenos a todos/as). Por certo, é curioso observar que o grupo que ti citas, que marchou da UPG aló por 1981 se non estou errado (eu estaba na mili e recibín novas indirectas), acusados de moderados e reformistas, case todos os nomes públicos desapareceron da escena política e mesmo cultural: ulos Cuqui Fraguela, F. Montes, etc. que traballaran con tanta intensidade ata esa data?

Anónimo dijo...

Ese grupo do que falades chegara a constituír unha Asemblea dos Nacionalistas Galegos (ANG). Pero era o momento no que Beiras volvía e estaba a xermolar o BNG.

Eu tiven contactos coa ANG (foi cando marchei da U, e acusáranme de ser o "home clave da fracción (chamábanlle así) en Lugo", pasei pola asemblea de constitución e, con algúns deles, fora ao famoso cónclave de Riazor, aínda que acabei non entrando no novo Bloque (impoñer tal denominación fora para min inaceptable). Como fose, co BNG emerxendo a ANG non fixo nada en política; si permaneceu como núcleo sindical algún tempo, encabezado por Acuña.

Lémbrome ben do Fernando de Sarria. Que en paz estea.

Anónimo dijo...

Fernando foi un deses personaxes politicos aos que non lle deixaron desenvolber as súas potencialidades. Podía chegar a ter empatía e por eso Alfredo o miraba con recelo. O Rubio foi sempre mais xeneroso.
Matilde

Marcos Valcárcel López dijo...

Creo que todo aquel grupo (que rematou na ANg e logo moitos marcharon para casa) tampouco puido desenvolver as súas potencialidades. Por exemplo, penso en Cuqui Fraguela, cun traballo moi intenso na AN-PG de Santiago entre 1976 e 1980: mesmo lle tocou ir a unha xunta de partidos a defender no nome da AN-PG que non se apoiaba unha manifestación (polo dereito ao divorcio, quizais?) porque non se asumía a terminoloxía "feminista" coa que estaba redactada a convocatoria. Para recén chegados ao nacionalismo: ata finais de 1977 cando menos temas como o "feminismo" eran aínda tabús no BN-PG, pequenoburgueses e españoleiros.

Anónimo dijo...

Canto tempo perdido...

O que quedará de Fernando será o feito en construtivo: a aula de filosofía de Pontevedra...
Todo o demais cheira a batalliñas do Ebro ou da Transición. Tristemente.