Memoria da cidade.
(Pan por Pan sábado 24 xuño)Por razóns que non veñen agora a conto, debín ser o primeiro ourensán en coñecer a nova da homenaxe que vén de merecer
Olga Gallego, honrada coa medalla Castelao. Alegreime entón e manifesto de novo esa ledicia, porque esa decisión recoñece o seu labor na recuperación da memoria da nosa cidade. Un labor de toda unha vida, co seu traballo no Arquivo Histórico, no Museo e no grupo Marcelo Macías e cos seus traballos de investigación (velaí o seu estudo do Ourense medieval e da Idade Moderna, 2001). Vai estar ben acompañada Olga Gallego, ao recoller este galardón, ao carón de
Ángel Carracedo, médico especialista en Xenética Forense, e do mestre e galeguista
Avelino Pousa Antelo, que preside a Fundación Castelao. Para recuperar o prestixio das medallas Castelao, reduciuse o número de premiados este ano. Pero todos eles cos merecementos necesarios.
5 comentarios:
Non teño nada claro que Olga Gallego teña suficientes méritos como para estar na Academia ou para recibir a medalla Castelao. Como arquiveira deixaba moito que desexar, e a gran maioría dos seus estudos históricos (que tampouco son tantos) están en castelán.
Quizais nun criterio moi restrictivo do que significa o galeguismo, as medallas Castelao terían difícil cumprir coa colleita de cada ano (nese caso habería que reducilas a unha por ano, como moito). En calquera caso, interesaríame saber outros posíbeis nomes esquecidos para as medallas Castelao: a quen propoñería vostede?
A vostede mesmo, por exemplo, dentro duns poucos anos. Creo que si cumpre os requisitos, tanto para a Academia como para a medalla Castelao.
Demasiado xeneroso pola súa banda, "Non o teño claro". O que é certo é que estas cousas teñen a súa importancia simbólica: con Fraga eran unha trapallada (o que non quita que haxa nomes moi dignos entre os premiados desa etapa) e agora habería que coidar moito as cousas. Por ex., eu creo que a merece (e non a ten) o profesor Xesús Alonso Montero, pola cantidade de estudos dedicados, dende hai décadas, a Castelao: se el acepta, supoño que si, para outra convocatoria debería superarse calquera partidismo ridículo e renderlle esa homenaxe.
É millor que lle den as medallas Castelao, facendo seguidismo da política de concesións feita polos gobernos de Fraga, a todalas vellas que foran da Sección Femenina da Falanxe.
Publicar un comentario