23 jun 2006


O reino do absurdo. (Pan por pan venres 23 xuño)
Onte espertei co detector de absurdos aceso. E deime conta que era absurdo que os alumnos acudisen aos centros educativos co seu teléfono móbil: a xunta debería vetar o emprego deste dispositivo nos colexios, como se fai co tabaco, aínda que dubido que se atreva a facelo. O móbil non é un elemento educativo, todo o contrario: mesmo pode facilitar agresións e humillacións de alumnos acosados e gravados. E no instituto non lles fai falta para nada. Tamén é absurdo, escoito isto na radio, o anuncio que di: a DXT e a casa Ford lémbranlle que non se debe usar o móbil conducindo máis dun minuto. Refírese a un aparello deses de mans libres, pero é o mesmo: se é un perigo falar por teléfono no automóbil, vaino ser tanto nun minuto como en quince segundos. E a ocasión dun accidente pode xurdir en moito menos tempo. Por desgraza.
(Imaxe: retrato de S.Rohner)

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Suponse que aos profesores tampouco se lles debería permitir no recinto escolar?

Marcos Valcárcel López dijo...

Por suposto e polas mesmas razóns: dende logo nunca en clases (hai casos) nin polos pasillos. Poderíase discutir a posibilidade dun lugar con acceso ao móbil: nese caso os alumnos deberían ter outro lugar nas mesmas condicións. E, se non, deixalo no coche ou saír fóra do centro a chamar, como fan agora os fumadores.

Anónimo dijo...

Por suposto que, como norma xeral, debería estar prohibido o uso dos móbiles no centros escolares en horario lectivo, tanto para alumnos como para profesores. Agora ben, tamén hai ocasións especiais (algún familiar grave, esperar algunha chamada moi urxente, etc.) nas que se podería facer unha excepción, previa autorización verbal polo director do centro. Nin tanto nin tampouco, porque, como todo nesta vida, do que se trata é de racionalizar os usos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Esas excepcións danse por supostas, pero, como tales excepcións, non invalidarían a norma xeral, claro está. O importante sería que alumnos/as (e profesores/as) creasen nos centros un estatus propio dun centro educativo onde non se vai para xogar a play station ou botar torneos de cartas na cafetería.

Anónimo dijo...

Evidentemente.
É penoso que haxa centros onde se deixe xogar ás cartas, como se fosen tabernas. Hai demasiados relaxos en moitos colexios, consentíndose actitudes que non son de recibo. As direccións fan a vista gorda, os profesores fan a vista gorda, a inspección educativa fai a vista gorda, os pais só queren que os seus retoños aproben e non lles levanten a voz, e os alumnos só queren... moitos non saben nin o que queren.