ISAAC DÍAZ PARDO
(Andoliña martes 25 xullo)Leva varias semanas Isaac Díaz Pardo a recibir homenaxes e adhesións múltiples: non son as primeiras, nin serán as últimas e todas son merecidas. Un incidente moi desagradábel está a complicar a vida do amigo Isaac, o espolio dunha obra que toda Galiza sabe ben que naceu da súa cerna. Porque todos sabemos o que significa Isaac na nosa historia: o elo co espírito rebelde e galeguista de preguerra, o anel que nos une co forte pulo da emigración americana (con Seoane e Blanco Amor á cabeza), o pai das industrias culturais no país que foi quen de facer empresa e cultura en mancomún. Aínda que lle quiten dereitos e propiedades, nunca poderán roubarlle o noso recoñecemento.
Demostrouno de novo na noite do domingo, no magnífico documental sobre a guerra en Galiza que preparou Manuel Rivas. Alí estaban Isaac, Avelino, Del Riego, con outros nomes menos coñecidos, contando o espanto que se nos quixo ocultar durante décadas. Rivas evocaba ante Isaac a memoria do seu pai, Camilo Díaz Baliño, cuneteado en Palas de Rei por riba da súa arte e da súa condición católica. E Isaac só dicía: “eu creo que non debo apoiarme no nome do meu pai”. Sempre humilde, reservado, pero tamén grandioso, Isaac. (Imaxe:
Místico, de Díaz Pardo).
1 comentario:
I really enjoyed looking at your site, I found it very helpful indeed, keep up the good work.
»
Publicar un comentario