8 jul. 2006


Poucos nomes en galego
(Andoliña sábado 7 xullo)
Alejandro e Lucía foron, en toda España, os nomes favoritos dos pais para os seus fillos, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Os antropónimos varían devagariño e os preferidos mantéñense durante varios anos. Entre os máis usados están Daniel, Pablo, David, Javier, María, Paula, Marta, Claudia, Carla, Andrea, etc. Os nomes dos culebróns televisivos aínda están nun segundo plano. Consulto a páxina web do INE, porque nela constan os resultados por autonomías. E aí xorde a sorpresa, que tampouco é tanta. En Cataluña aparecen Marc, Álex, Arnau, Jordi, Eric, Adriá, etc. No País Vasco dominan os Iker, Unai, Ander, Mikel, Eneko (nenos) e Irati, Ane, Naroa, Nahia, Leire, Uxue (nenas). Que pasa en Galiza? Seguro que o adiviñan. Á cabeza están Pablo e Lucía, o masculino leva sete anos de líder e o feminino é o favorito dende hai catro anos. Dos dez nomes máis usados no 2005 só hai dous exclusivamente galegos: Brais e Uxía, postos noveno e décimo. En cambio figuran como escollidos nomes tan fermosos como Alexandre, Hadrián ou Martiño, pero todos na súa forma castelá (Adrián tamén é correcto en galego). Un país que se nega a si mesmo? Dende logo, nada que ver cos cataláns e vascos.
("Lección difícl", imaxe do pintor W. Bouguereau)

4 comentarios:

aldara dijo...

Ás veces semella que @s galego-falantes vivimos noutro mundo. Coido que algo sumamente esencial para nós é porlle aos nos@s fill@s un nome galego (e xa non só para @s nacionalistas, senón tamén para aquel@s que aínda sendo castelán-falantes teñen un mínimo de nivel cultural e de sensibilidade). Porén, para a maior parte da cidadanía galega (e constátoo por mulleres grávidas coas que me relaciono todos os días), o "cool" é pór un nome "tradicional", o que se traduce por Juan, Javier, Julia,...Neste senso, posiblemente fose importante facer máis campañas polos nomes en galego, especialmente pensando que neste eido inflúen moito as "modas".

torredebabel dijo...

pero non hai que perder a esperanza neses Juan, Javier e Julia, Alejandro e Pablo, María, Paula, Marta, Claudia, Carla, Andrea. Mirade o que pasou na miña familia:
http://fiosinvisibles.blogspot.com/2005/12/un-nome-equivocado.html

Anónimo dijo...

eu queria escribir acerca do artigo sobre os nemes en galego os meus fillos chamanse:efren,vinca,dyer e virxinia eu fun quen elixin estes nomes precisamente porser orixinais e fuxir dos topicos gracias

marcos valcarcel dijo...

Por suposto, cadaquén pode poñerlle aos seus fillos/as o nome que máis lle goste, á marxe da súa nacionalidade. Ou mesmo inventalo se quere: a lei en España o único que non permite agora é que sexa insultante ou confuso en canto ao sexo (aínda que isto é imposíbel de verificar en tantos casos...). No meu comentario só quería tomar nota dunha estrañeza: a democracia serviu para que os vascos e cataláns recuperasen, tamén, os seus nomes propios, velaí os datos do INE. Que pasa en Galiza, en cambio, que os nomes galegos seguen a ser, maioritariamente, os dos fillos dos galeguistas ?