27 sept 2006


Cousas que non se entenden

Comenta Estalote no seu blog que á Fundación Manuel Puente, en Buenos Aires, hoxe conducida pola filla do egrexio galeguista, Rosa Puente, se lle negou unha subvención que recibía antes da Xunta de Fraga. Moito me temo de que esteamos ante un caso de ignorancia: que consulten, se é preciso, a biografía de Castelao por Paz-Andrade, onde conta que Puente ata chegou a xestionar a recollida de varios milleiros de dólares para atender a Castelao enfermo en Nova York, pouco antes de morrer.

Tamén souben estes días que á fermosa festa que se celebra cada 17 de Maio en Vilanova dos Infantes, a romería Raigame, lle foi denegada outra aportación habitual que recibía de Turismo da Xunta. Non sei se a romería cumpre os requisitos, pero si que é unhas das festas de maior galeguidade, con ampla participación de pobo, recuperación do labor dos artesáns, identificación dunha vila tan senlleira na nosa historia cultural, etc.
Que está a pasar aquí?
(Imaxe: detalle de "A Fornarina", de Rafael).

8 comentarios:

Anónimo dijo...

A romaría Raigame sen subvención da Xunta? Esto clama ó ceo.... Non, se a política deste paisiño é facer ó contrario do que predicaba na oposición (cada dous por tres pedíanse dimisisións e comisións de investigación por caseque todo, e o goberno pasaba ampliamente, e agora faise o mesmiño... ainda que cambiaron as tornas), e estropear ou trocar ó que fixeron os outros, estivera mal (nises casos non digo nada) ou ben feito (que ó caso do que falamos).

Anónimo dijo...

A política non é iso de "sacate tu que me poño eu"?

Anónimo dijo...

Non, non se entenden, hai cousas que non se entenden.

Ignorancia? Desidia? Arbitrariedade? Desde logo, non son de recibo.

As administracións públicas deberían ter un criterio claro e coherente á hora de repartir as subvencións.

E na miña opinión, nos dous casos que se citan, hai criterios máis que claros como para proceder a renovar, e mesmo acrecentar, as axudas públicas.

E, de momento, prefiro non profundar máis neste penoso asunto.

aloysius dijo...

Estimado Marcos:

Moitas gracias pola túa visita ó meu blog (millor dito, o noso blog, polos milleiros de facianas que ten Aloysius).

Tomo nota da túa recomendación e espero que no diario poñan ó final do artigo a referencia do blog.

Unha aperta.

Anónimo dijo...

Está a pasar o de sempre: que, despois de todo, á xente que xestiona a cultura non lle preocupan moitas máis cousas que os actos efectistas. O que cómpre é axudar ás pequenas iniciativas coma esta. Esas son as que fan país.

Marcos Valcárcel López dijo...

De acordo con Náufrago: esas pequenas iniciativas son as que fan país. Como era o caso do amplo abano de asociacións culturais, moitas vinculadas ó nacionalismo, que se moveron nos anos 70: por qué se lles deixou morrer logo? por qué o nacionalismo non prestou a mesma atención, coa chegada da democracia, a esa frente cultural, tan necesaria para a construcción do país e da identidade? Por qué non se incide agora nesa liña, dende o novo goberno?

Anónimo dijo...

Porque quizais, cando se chega ao goberno, dalgunha maneira instálase dentro das mentes a idea de que só hai que facer as cousas dunha maneira, no básico, como sempre se fixeron.

Anónimo dijo...

Moi interesante, Marcos, o que dis de cómo o BNG, falando claro, deixou esmorecer ata a morte o frente cultural.
Lembrábamos o outro día de broma, uns cantos, cómo no verán do 77 era un expulsado de Erga, logo da ANPG e logo, alucinantemente, da Asociación Cultural que cadrase.
Certo foi qie aquela iniciativa das AACC impulsadas pola UPG, nos comezos dos setenta, aproveitando o esforzo inicial de galeguistas diversos (De Ferro Couselo a quen fose) serviu de punto de encontro entre os vellos e os novos -e por certo tamén de desecontro claro. Lembremos a distancia de Ferro ou Xocas, ou EBA, ou Celso Emilio ou quen fose, que non militase na máis pura ortodoxia, cunhas asociacións cutlurais galegas nas que xa non se recoñecian.
Así,impúlsanse novas figuras -como Manuel María como exemplo- que percorre todas e cada unha das asociacións, ou chámanse aos intelectuais nacinoalistas a facer pedagoxía da nación. Nesa escola achegámonos moitos e bebemos deses coñecementos e tamén, moitas veces, daqueles sectarismos -o menosprezo polo "españolismo" de calquera que non fose da "casa", chámese Celso Emilio Ferreiro ou Eduardo Blanco Amor. Ou Carlos Casares ou Ramón Piñeiro. Etc.
Pero en vez de reconvertir a frente cultural ás novas circunstancias políticas e aggiornar o discurso e facer fóros abertos de achegamento á sociedade e utilizar as plataformas culturais como o que deben ser,lugares de palabra e encontro, foi a menos a fronte cultural,ata deixar agora aquela actividade "militante e cultural" en maus marxinais, ou, nalgún caso, reconvertelas en bares, como o caso de Ourense.
Interesante punto de reflexión.
E como se produce o tránsito á cultura subvencionada e como se espalla a asimilación cultura = militancia esquerdista antisistema ou mamoneo da xunta.
(Lembremos, por exemplo, os priemiros cursos de Galego nos Maristas, o concerto de Luís Cilía tamén nos Maristas de Ouresne, os actos culturais no Colxio Médico -conferencias de Otero, Ferro, etc.-
cousas dos anso sesenta ou previas á "toma" das AACC por parte do,chamáemoslle, para entendernos, "nacionalismo radical".