9 sept 2006


Jimmy Massey na guerra de Iraq
Andoliña 8 setembro
Jimmy Massey é un mozo de 34 anos, nacido en Carolina do Norte, que estivo doce anos nos marines do seu país. Agora fundou a organización Veteranos de Iraq contra a Guerra e escribiu un libro titulado Cowboys del Infierno (Edicións Apóstrofe). No mesmo narra a súa experiencia desta guerra desde unha perspectiva máis que crítica: estivo en Basora protexendo os xacementos de petróleo. El mesmo foi recrutador de marines e conta como o seu exército demonizaba o pobo iraquí convertendo cada cidadán nun terrorista en potencia, para logo xustificar todo tipo de abusos contra os civís: "Os iraquís eran presentados como seres desprezables, deixas de ter remorsos por matar esta xente, as mulleres e os nenos, e ademais tes carta branca para facelo", di Massey nunha entrevista publicada en La Vanguardia.
Os marines tiñan orde de disparar contra os coches se non paraban facéndolle un sinal co puño en aire, que significa para os iraquís solidariedade. A segunda advertencia era disparar ao aire. Os iraquís, que fan este xesto nas súas cerimonias, pensaban que eran saudados como amigos. Logo eran metrallados. O libro non se puido publicar nos Estados Unidos e Massey está ameazado de morte.
(Imaxe: Cabalos árabes nas cortes, de Delacroix. O pintor francés foi un dos máis interesados en ofrecer unha mirada, exótica e romántica á vez, do mundo árabe e das culturas do norte de África).

No hay comentarios: