30 sept. 2006


LAMAS E A PRENSA EN GALEGO
(Andoliña sábado 30 setembro)

Foi Lamas Carvajal precursor en moitos aspectos. Precursor, co seu “Catecismo do Labrego”, da capacidade de unión e organización que había amosar o campesiñado galego no movemento agrario dos comezos do século XX. E precursor no deseño, dende os moitos xornais que dirixiu, dun outro xornalismo galego. O poeta ourensán non só consideraba o xornalismo como heraldo da ciencia e do progreso e barómetro da civilización dos pobos, senón que pensaba que este se debía ás causas populares máis próximas. De feito, censura a falta de información rexional galega nos medios da súa época, que preferían transmitir novas alleas antes que contar as propias do país.
A vontade de utilizar os xornais como elemento de potenciación do prestixio do noso idioma fai do ourensán tamén un precursor das estratexias de normalización lingüística: ese é o sentido de textos como “Fóra vergonza” (xuño 1880), asinado co pseudónimo Manoel de Lence, onde se laia da ausencia dun diario en galego e lanza de novo a proposta de que os xornais galegos publiquen cando menos unha das súas seccións en galego, suxerindo que esta fose a de información local, por ser esta a máis lida e próxima ós cidadáns.
(Imaxe: Muller galega, litografía inglesa do século XIX).

2 comentarios:

Roi Queimado dijo...

Só que se puxeran as declaracións dos da Xunta, dos alcaldes, etc., no idioma que se fan realmente farían ca metade dos contidos dos xornais galegos(polo menos as páxinas locais e de galicia)estarían en galego. Lamentablemente estas declaracións traducense. Tamén volto a lembrar as chamadas á atención a determinados colaboradores de certos xornais pra que escriban na lingua do xornal. Quedando relegados os artigos en galego ó mundo cultureta.

marcos valcarcel dijo...

Efectivamente, case nada cambiou na expresión na prensa escrita dos cargos políticos da Xunta co cambio do goberno. Pervive a diglosia: galego en páxinas de cultura (só en parte) e opinadores galeguistas de seu. Hai anos manexei bastante bibliografía sobre a normalización lingüistica en Cataluña e tiñan moi claro isto: aínda nos medios bilingües, o galego ten que entrar noutras seccións: deportes, sucesos, política local, internacional, etc. Se se aumenta o espazo do galego na prensa (cousa que nin sequera sucede) pero só na información cultural, non avanzamos nada.