NACE UNHA NOVA TERTULIA EN OURENSE
O pasado venres, ás catro e media da tarde, xuntámonos un grupo de amigos no Liceo de Ourense coa intención de poñer en marcha unha tertulia semanal. A idea foi do amigo Antonio Piñeiro que suxeriu algo parecido nun seu artigo e eu recollín o reto, porque andaba pensando nel hai meses e por fin o vin como algo viable e enriquecedor para todos. Así que autoconvocámonos unha serie de persoas vencelladas ó mundo cultural e á prensa para manter esta cita semanal, todos os venres, no Liceo. Esta institución, sempre xenerosa, deixounos o local e alí estivemos ó carón da tertulia xa histórica na que comparten lembranzas e opinións Martínez Pedrayo, Julio Losada, José Fernández Rodríguez e Augusto Valencia, entre outros.
Quixemos deixar constancia histórica da fundación da tertulia (22 setembro 2006) con algunhas fotos. Aí estamos (de esquerda a dereita e de abaixo arriba):
Baldomero Moreiras, Marcos Valcárcel, César Ansias, Abelardo de Gabriel
Xulio Outumuro, Segismundo Bobillo
José Paz, Javier Casares, Rosendo Fernández, Xosé Mª Eguileta, Felipe Ferreiro
Serafín Alonso, Xulio Prada, Xosé Ramón Quintana, Antonio Piñeiro.
Excusaron a súa asistencia, nesta ocasión, Andrés Mazaira, Lalo Pavón, Xavier Paz, Monxardín, Pablo Sánchez Ferro, Benito Losada, Santiago Lamas, David Simón, Millán Picouto, Carlos Varela e Ignacio Rodríguez, pero estarán nas seguintes citas, como tamén estarán, entre outros, Xoán Fonseca, Emilio Fonseca, Xulio Fernández, Eduardo Núñez e Alberto Rivero. Unha matización importante: non temos vocación de tertulia machista, pero de todas as convidadas (11 mulleres do mundo cultural e da prensa), de momento non asisitiu ningunha e moitas excusaron a súa participación por problemas de falla de tempo ou doutra índole.
Buscouse unha presenza maioritaria de xentes da cultura ou relacionadas coa opinión na prensa escrita. Profesionalmente, hai variedade: médicos, profesores, artistas, arqueólogos, historiadores, filólogos, etc. Quen os coñeza percibirá tamén a fonda diversidade ideolóxica dos convocados, o que non impediu a conversa agradable e pracenteira entre todos. Moi ó contrario.
Na primeira xornada houbo de todo e sería imposible resumilo aquí. Só dicir que falamos dos funcionarios e da Administración, dos problemas do ensino e da falla de educación en moitas familias, da realidade da sanidade e da Lei do Menor, da Universidade e das programacións de televisión, das posibilidades da tradución por medios informáticos e da propia historia das tertulias ourensás. De momento, aínda non houbo debates políticos de fondo nin tampouco se falou de fútbol.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 1 semana
10 comentarios:
É boa idea revitalizar estes antigos espazos de sociabilidade que eran as tertulias.
Que a súa teña continuidade no tempo e que vostedes o tertulien ben.
De moito calado os temas, e moi interesantes os tertulianos.
Ourense ten que estar orgulloso destes grandes intelectuais. Deberían vostedes gravar as tertulias para que outros poidan escoitalas.
Saudo ao lonxe e con moita ledicia o xurdimento desta tertulia e mando desexos de que teña unha moi longa de vida de pensamento, debate e acción!
Vexo moi boa xente por aí, señor Valcárcel. Algúns deles son amigos meus. E moi variada, si señor. Hai xente dende o PP ata o BNG, pasando polo PSOE, polo que vexo. Todo un exemplo de convivencia e de civismo. Non sei se, quitando Ourense, podería darse un caso igual nalgunha outra cidade galega. Oxalá si.
Que o pasen moi ben. Igual un día caio por aí, se non lles parece mal.
Encantaríanos recibilo, señor Leituga 1. De feito, se a cousa vai ben, que así será, seguro, temos intención de convidar a persoas doutros lugares que nos acompañen de cando en vez e tamén nalgunha cea e xonrada de máis longo calado. Saúdos cordiais.
Na foto non vexo a ningún do BNG. Quizais algún sexa votante, pero nacionalista militante do BNG, coido que ningún.
A propósito do último comentario: por suposto a ninguén se lle mirou o seu carné para ser convidado a este encontro, só faltaría... Si lle podo asegurar que hai na foto varios galeguistas e tamén nacionalistas: o resto é secundario (ademais, para sabelo de certo, habería que controlar o ficheiro de militantes do BNG: non sei se o usuario anónimo ten tanta capacidade. Supoño que Leituga se refería a esa pluralidade de sensibilidades políticas, como un valor en si, e creo que así é.
Por suposto, era a iso ao que me refería. Pero expreseime mal e puido dar a impresión de que falaba de militantes de partidos políticos e non de sensibilidades políticas e intelectuais afíns, aínda que non exactamente identificables, ás opcións que esas siglas representan.
Un saúdo dende a Autoestrada do Atlántico.
Sr, leituga... Se está prohibido falar polo móbil conducindo, non lle conto escribir nun blog... Ollo ao piollo. ¿Ou é que vai en coche oficial?
Un saúdo e agardo velo por Ourense.
Publicar un comentario